InicioECONOMÍAO Concello reclama á Xunta avances concretos en conectividade aérea, Xacobeo e...

O Concello reclama á Xunta avances concretos en conectividade aérea, Xacobeo e desestacionalización turística nunha primeira xuntanza de traballo

Míriam Louzao pide unha política aeroportuaria galega coordinada e agarda que se “normalice” a relación institucional entre Turismo de Galicia e Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, trasladou á Xunta a necesidade de concretar compromisos en materia de conectividade aérea, planificación do Ano Santo e colaboración para impulsar a desestacionalización turística na primeira reunión de traballo mantida co director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

No encontro, no que tamén participaron a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, o Concello situou como prioridades a captación de novas rutas aéreas, a coordinación institucional arredor do Xacobeo e o apoio autonómico a programas municipais orientados a distribuír mellor os fluxos turísticos ao longo do ano.

Ao remate da xuntanza, Louzao sinalou que o goberno local esperaba resultados máis definidos. “A estas alturas do mandato e tendo en conta a envergadura dos temas que tratamos, esperabamos avances máis concretos na xuntanza de hoxe”, afirmou. A responsable municipal explicou que ambas partes acordaron manter novas reunións para avanzar cara a compromisos máis específicos, especialmente no relativo á participación de Turismo de Galicia en futuras iniciativas de desestacionalización promovidas polo Concello.

Un dos principais puntos abordados foi a conectividade aérea. Segundo trasladou Merelles, a Xunta contempla a sinatura este mesmo ano de convenios cos concellos para favorecer novas conexións, aínda que sen detallar por agora o alcance concreto destes acordos. Neste contexto, Louzao insistiu en que Santiago segue reclamando que o Goberno galego asuma o liderado dunha “verdadeira política aeroportuaria de país”, baseada nunha planificación conxunta para os tres aeroportos galegos.

A concelleira compostelá tamén cuestionou o nivel de implicación económica da administración autonómica neste ámbito, ao considerar insuficientes as achegas previstas en comparación co esforzo realizado polos municipios nos últimos anos. Segundo expuxo, o mantemento da conectividade aérea en Galicia dependeu en boa medida da acción local, polo que reiterou a necesidade dun cambio de enfoque por parte da Xunta.

No relativo ao Ano Santo, outro dos asuntos centrais da reunión, Merelles indicou que a convocatoria da Comisión do Xacobeo poderá ser estudada nos próximos meses, aínda que sen fixar unha data concreta.

Por outra banda, o Concello avanzou que xa está a deseñar actividades específicas para atraer visitantes fóra das tempadas de maior afluencia, unha estratexia para a que solicitou respaldo autonómico. Segundo Louzao, esta proposta foi inicialmente ben recibida pola dirección de Turismo de Galicia.

A edil subliñou ademais que Santiago, como principal porta de entrada turística de Galicia, debe manter unha relación fluída e estable coa administración autonómica, tanto polo peso da cidade no sistema turístico galego como pola relevancia estratéxica dos retos compartidos.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here