InicioECONOMÍAO PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco...

O PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco millóns procedentes da venda de parcelas municipais en Santiago

Marta Abal pide ao goberno local que evite decisións unilaterais e abra un proceso de diálogo sobre o uso destes ingresos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago instou ao goberno local a abrir un proceso de negociación co conxunto das forzas políticas para determinar o destino de máis de cinco millóns de euros procedentes da venda de parcelas de titularidade municipal. A petición foi trasladada pola concelleira Marta Abal nunha rolda de prensa na que advertiu da relevancia desta contía e da necesidade de actuar con “responsabilidade institucional e transparencia”.

Segundo explicou Abal, estes ingresos estaban inicialmente previstos no orzamento de 2025 para financiar distintos proxectos, como a adquisición de inmobles ou a posta en marcha dunha cociña central municipal. Porén, ao non se materializar os ingresos nese exercicio, decaiu a vinculación legal que obrigaba a destinalos a esas finalidades concretas, o que abre a porta a que o goberno local poida decidir o seu uso mediante modificacións orzamentarias.

A edil socialista sinalou que esta situación permite ao executivo dispoñer dunha “marxe discrecional” para asignar os fondos, aínda que lembrou que se trata de recursos procedentes de patrimonio público. Neste sentido, advertiu de que “estamos a falar de máis de cinco millóns de euros que son propiedade de todas as santiaguesas e santiagueses” e que, polo tanto, o seu destino debería ser acordado de maneira colectiva.

Abal criticou que, ata o momento, non se fixo pública ningunha asignación concreta destes ingresos, a pesar de que o grupo socialista solicitou información ao respecto. Tamén cuestionou a xestión municipal en relación con investimentos previstos en anos anteriores, como a adquisición de inmobles, poñendo como exemplo a operación da Casa de Mazarelos, que non chegou a materializarse.

Ademais, apuntou a posibles cambios nas prioridades do propio goberno local, como no caso da cociña central, un proxecto para o que se reservara un millón de euros e que, segundo indicou, non se prevé necesario ata finais de 2028. Para o PSdeG, esta circunstancia reforza a necesidade de revisar o destino dos fondos e adaptalo ás necesidades actuais do municipio.

A concelleira insistiu en que “os recursos non poden quedar parados no banco” e defendeu que deben empregarse para atender demandas urxentes de investimento, especialmente nun contexto no que, segundo indicou, o orzamento de 2026 contempla unha redución das previsións neste ámbito.

Por todo isto, o grupo socialista levará ao pleno municipal unha proposta para instar ao goberno a iniciar un proceso de diálogo co resto de grupos da corporación, co obxectivo de acadar un acordo maioritario sobre o destino destes fondos e establecer prioridades compartidas para o seu uso.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here