InicioECONOMÍAA campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' impulsa en Santiago a colaboración entre...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ impulsa en Santiago a colaboración entre tendas e entidades sociais

Doce establecementos de proximidade cederán os seus escaparates ao longo do ano para dar visibilidade a asociacións solidarias da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A terceira edición da campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ xa está en marcha en Santiago de Compostela coa participación dunha ducia de establecementos comerciais que, ao longo de doce meses, colaborarán con outras tantas entidades sociais da cidade. A iniciativa conta co apoio do departamento municipal de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude e foi presentada este martes pola concelleira María Rozas.

No acto tamén interviñeron a coordinadora da campaña, Vanessa Alvite, así como as representantes das entidades protagonistas deste mes de febreiro: Mónica Fernández, de MFB Fashion Boutique, e Lucía Fandiño, coordinadora da área de Santiago de AGADEA.

A tenenta de alcaldesa salientou o respaldo do Concello a unha proposta promovida polas propias comerciantes compostelás. Segundo indicou, a campaña serve para “tecer rede entre os establecementos de proximidade, dándolle visibilidade a entidades solidarias que traballan tamén en Compostela”. María Rozas subliñou ademais que “con esta iniciativa reivindicamos o comercio de proximidade, que é espazo para as compras pero tamén para a socialización e a preservación da identidade, e mostramos o compromiso das comerciantes, na súa inmensa maioría mulleres, que ceden os seus escaparates para causas xustas e para entidades sociais que sosteñen o estado do benestar”.

FEBREIRO, DEDICADO A MFB FASHION BOUTIQUE E AGADEA

O establecemento protagonista deste mes é MFB Fashion Boutique, situado na rúa Xeneral Pardiñas, que dedica febreiro a dar visibilidade a AGADEA, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer. No local xa se instalou un posto informativo e unha exposición fotográfica relacionada co labor da entidade.

Durante este período desenvolveranse tamén accións complementarias, entre elas unha aula de calceta e un sorteo de vales de compra na propia tenda, co obxectivo de implicar á clientela e reforzar a difusión do traballo que realiza a asociación no ámbito da atención ás persoas con demencia e ás súas familias.

CALENDARIO DE COLABORACIÓNS ATA XANEIRO DE 2027

A campaña continuará nos próximos meses cunha programación que combina establecementos que xa participaron en edicións anteriores con novas incorporacións.

En marzo, a colaboración será entre a Xoguetería Chafarís e a Fundación Down Compostela; en abril, a Libraría Couceiro dará visibilidade á Asociación Dano Cerebral Santiago; en maio, Dona Camiseta colaborará coa Obra Social de Pediatría; e en xuño, D’Aldea apoiará á Asociación Abeiratúa.

Xa no verán, Gaia Ecocrianza traballará en xullo coa Asociación Alegría, mentres que en agosto a tenda de moda infantil Tralalá dedicará o mes a ASANOG, a asociación do Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia. En setembro será a quenda da Farmacia Rosa Vázquez xunto á asociación Paluso.

O tramo final do ano incluirá a colaboración da Mercería Algui coa Asociación Compostelá de Diabéticos en outubro; en novembro, Óptica Val apoiará a ASPAS; e en decembro Tartitis colaborará con ACEM. A terceira edición pecharase en xaneiro de 2027 coa iniciativa conxunta de Energía Zen e ConArtritis.

A campaña consolídase así como unha fórmula de cooperación entre o comercio de proximidade e o tecido asociativo compostelán, coa finalidade de fortalecer a visibilidade das entidades sociais e fomentar a implicación cidadá a través dos espazos comerciais da cidade.

ÚLTIMAS

Publicada no BOE a declaración de Santiago como zona de vivenda tensionada, que entra en vigor o xoves

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a declaración de zona de mercado residencial...

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here