InicioECONOMÍAO Concello reclama cambios no proxecto do parque empresarial da Lavacolla para...

O Concello reclama cambios no proxecto do parque empresarial da Lavacolla para garantir a súa viabilidade e a protección do Camiño Francés

Santiago insta a completar a documentación ambiental ao detectar carencias na integración territorial e na definición das conexións e servizos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago vén de emitir o seu informe no trámite de consultas previas do Plan de interese autonómico (PIA) do futuro parque empresarial de Lavacolla. O departamento de Planeamento e Xestión do Territorio, dirixido por Iago Lestegás, conclúe que a documentación presentada pola promotora presenta carencias substanciais e precisa ser corrixida antes de continuar coa tramitación ambiental.

Segundo a resolución municipal, o ámbito proposto “carece por completo de servizos” e non incorpora unha análise sobre as infraestruturas imprescindibles para facelo viable, entre elas a depuración de augas ou as conexións viarias. O servizo técnico lembra que sen estes investimentos previos “difícilmente vai poder implementarse un parque empresarial de interese autonómico”, e que non existe unha avaliación económica do custo das actuacións nin se aclara quen asumiría os gastos. Para o Concello, esta estimación debe presentarse xa nesta fase do PIA, e non remitirse a estudos posteriores.

O informe tamén subliña que calquera iniciativa deste tipo debe acreditar a súa sustentabilidade económica a longo prazo e garantir que non supoña unha carga para as arcas municipais. Neste sentido, o documento considera que a promotora tampouco xustifica a adecuación da súa proposta aos requisitos legais da Lei 1/2021, relativa á inserción territorial e á viabilidade para as facendas locais.

No apartado territorial, o Concello destaca que o plan se limita a formular unha ordenación interna sen analizar a súa relación co viario supramunicipal. Entre os condicionantes salientan a presenza das autovías A-54 e SC-21, a proximidade do aeroporto e, sobre todo, o paso do Camiño Francés polo límite sur-leste da área. A resolución advirte que non se describen os camiños existentes nin se define sequera o trazado do itinerario xacobeo, polo que considera que o Documento Ambiental Estratéxico non ofrece un estudo axeitado para valorar alternativas.

O Concello defende como opción preferente a ordenación prevista no PXOM vixente, compatible co Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, ao entender que permitiría desenvolver o solo sen cruzar o Camiño Francés con tráfico pesado e evitando sobrecargar a antiga N-634, xa ao límite da súa capacidade. Ademais, calquera modificación nos enlaces coas vías estatais debe ser consensuada coa Administración Xeral do Estado.

A falta de identificación dos elementos naturais e territoriais da zona é outro dos aspectos sinalados. O informe expón que non se detallan as características do territorio nin se avalían as condicións físicas que condicionan o deseño do parque.

En conxunto, o Concello conclúe que a documentación aportada “non é o suficientemente completa nin precisa” como para poder continuar coa avaliación ambiental. Por iso, insta á promotora a completar ou reformular o proxecto e abrir un novo período de exposición pública e consultas unha vez se presente a nova información.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

O turismo que enche Santiago non vén do Camiño: o 77 % dos visitantes non son peregrinos

O 77 % dos turistas que visitan Santiago non son peregrinos, fan un gasto...

María Rozas destaca o labor da Plataforma polo Emprego na inserción laboral de persoas en risco de exclusión

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here