InicioECONOMÍAO Goberno local aposta por crear unha sociedade mixta con maioría municipal...

O Goberno local aposta por crear unha sociedade mixta con maioría municipal para a xestión da auga en Santiago

Sanmartín defende un modelo que combine control público e investimento privado tras o ditame da comisión especial do Pleno

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago deu un paso máis na definición do futuro do ciclo integral da auga. A alcaldesa Goretti Sanmartín e o concelleiro de Medio Ambiente Xesús Domínguez explicaron as conclusións traballadas pola comisión especial do Pleno que estuda o mellor modelo de xestión. Segundo trasladou a rexedora, o estudo técnico encargado á Universidade da Coruña propón como opción preferente a creación dunha sociedade mixta con maioría de capital municipal, fórmula que, ao seu ver, permite garantir o control público e, ao tempo, mobilizar recursos privados para afrontar os investimentos pendentes. “Este informe formula a creación dunha sociedade mixta con maioría de capital municipal”, resumiu a alcaldesa, quen subliñou que a escolla deberá ser adoptada polo Pleno tras o traballo da comisión.

O concelleiro Xesús Domínguez fixou o marco de partida: o servizo de abastecemento e saneamento opera “en precario” desde 2019, ao vencer as prórrogas dun contrato inicial licitado en 1984 e asinado en 1985, posteriormente modificado nos anos 1992, 1994 e 1998 para incorporar novas infraestruturas como a EDAR de Silvouta. A rede municipal, detallou, supera os 600 km no abastecemento (611 km) e 700 km no saneamento, con depósitos que suman máis de 62.000 m³ —equivalentes a algo máis de dous días de consumo— e un consumo anual próximo aos 11 millóns de m³. O 75% corresponde a uso doméstico dunha poboación de dereito en torno aos 100.000 habitantes (con picos reais estimados próximos aos 120.000), e arredor de 4.000 residentes do rural carecen aínda de conexión á rede pública.

No capítulo do saneamento, Domínguez lembrou que a nova EDAR de Silvouta está a substituír a antiga en fases, e que xa opera desde 01 de outubro unha primeira etapa da infraestrutura, deseñada para tratar un caudal medio de 52.000 m³/día. O sistema complétase coa depuradora de Aríns (5.500 m³ de capacidade). O custo de funcionamento do servizo ronda os 10 millóns de euros anuais, e a normativa esixe que se cubra mediante taxa ás persoas usuarias. Ademais do gasto ordinario, subliñou a necesidade de renovar redes obsoletas, reducir perdas de auga e consumo enerxético, e estender a cobertura, un paquete de actuacións que os estudos sitúan en torno aos 100 millóns de euros, aos que se engaden os 60 millóns da renovación da EDAR xa en marcha.

A alcaldesa enmarcou a decisión nun contexto de emerxencia climática e de grandes investimentos diferidos ao longo de décadas. Fronte ás diferentes posibilidades legais —xestión directa, concesión, contrato de servizos ou sociedade pública/mixta—, Sanmartín salientou que os prazos administrativos para calquera opción son semellantes (estudos económicos, pregos, ordenanzas), polo que pide tomar unha decisión con rigor e sen demora para activar os trámites. A rexedora reivindicou a prioridade do interese xeral no prezo da auga e cuestionou algunhas hipóteses de estudos anteriores: “Dos datos comparados no sector dedúcese que, en ningún caso, os gastos de persoal superan o 30%, fronte ao 50% que informa a actual empresa prestadora”.

Sobre a viabilidade xurídica da sociedade mixta, Sanmartín aludiu á disposición adicional novena da Lei de Bases, que abre excepción á prohibición xeral se se cumpren estabilidade orzamentaria, nivel de débeda e un período medio de pago inferior a 60 días. O Concello, dixo, cumpre estabilidade e débeda e traballa para axustar o período medio de pago, co obxectivo de que a fórmula sexa factible. “O que se pregunta agora é se queremos que unha parte do recibo se dedique a beneficio empresarial ou que se reinvista no propio servizo”, afirmou, defendendo que a sociedade mixta achega investimento privado medido e experiencia técnica, sempre “baixo control público”.

A folla de ruta do Goberno local pasa por convocar nas próximas semanas unha nova sesión da comisión especial, unha vez que todos os seus integrantes poidan estudar o informe con detalle e contrastalo co persoal técnico. O obxectivo é emitir un ditame para elevar ao Pleno a elección do modelo. Sanmartín recoñeceu que o documento non pecha outras alternativas, mais insistiu en que, para o caso de Santiago, “é a máis equilibrada e lóxica”. “Nós imos defender iso nesta comisión”, avanzou.

Ao fío das preguntas dos medios, a alcaldesa referiuse tamén á situación da Policía Local: ante a falta de efectivos dispoñibles por mor da negativa a realizar horas extraordinarias, o Goberno deu instrucións puntuais para cobrir postos sensibles —sala de pantallas, atestados, mandos— co fin de garantir a seguridade cidadá. Precisou que as instrucións afectan exclusivamente á Policía Local e lembrou que mañá está prevista unha reunión do grupo de traballo específico, na que o Concello acode con vontade de axilizar pagamentos pendentes de horas extra e buscar acordos co cadro de persoal.

En síntese, o executivo municipal sitúa a sociedade mixta con maioría municipal como vía para asegurar o dereito á auga, reforzar a transparencia e planificar investimentos sen condicionar en exceso as contas públicas. O seguinte paso será o debate político na comisión e, de seguido, a tramitación necesaria —estudos económicos, pregos e novas ordenanzas— para materializar a decisión que adopte o Pleno. “Santiago necesita un modelo que garanta a auga como dereito humano, que sexa eficiente e baixo control público“, concluíu a rexedora.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here