InicioECONOMÍAO seminario de USO e EZA en Santiago propón mellorar os servizos...

O seminario de USO e EZA en Santiago propón mellorar os servizos públicos como vía para fixar poboación nova no rural

As organizacións sindical e europea salientan que os coidados, a sanidade e a educación son claves para crear emprego xuvenil e frear o despoboamento

Publicado o

Xornal de Compostela

O sindicato USO e a organización europea EZA concluíron en Santiago de Compostela un seminario dedicado a analizar as oportunidades laborais para a mocidade no medio rural e a buscar estratexias que contribúan a frear o proceso de despoboamento. Durante as dúas xornadas de debate, os participantes coincidiron en que sen servizos públicos non hai futuro para o rural, e que estes deben ser atendidos por traballadores formados e arraigados no territorio.

Entre os principais nichos de emprego identificados destacan os coidados ás persoas maiores e dependentes, a sanidade e a educación, ámbitos que, segundo os relatores, combinan a cobertura de necesidades sociais coa creación de emprego estable para a mocidade. “Prestar servizos públicos é, ao mesmo tempo, unha forma de atraer e fixar poboación”, resumiron os organizadores.

O encontro puxo tamén o foco na necesidade de abordar o reto demográfico desde unha perspectiva global. A despoboación, advertiron, “non é só un problema local, senón europeo e mesmo mundial”, polo que as políticas deben ter coordinación supranacional, aínda que xestionadas dende o propio territorio para evitar medidas “despegadas da realidade”.

Os participantes insistiron ademais en cambiar a percepción social do rural, reivindicando que vivir no pobo “é unha elección, non un fracaso”, e que quen decida facelo debe poder acceder ás mesmas condicións de vida que na cidade. Para iso, lembraron que a investimento en servizos rurais non debe verse como un gasto, senón como unha aposta social a longo prazo. Exemplos como manter unha aula de primaria ou implantar ciclos formativos específicos foron citados como decisións fundamentais para que as familias con nenos non se vexan obrigadas a marchar.

Xunto aos servizos públicos, o seminario sinalou outros campos de oportunidade laboral para a mocidade, como as enerxías renovables, os empregos verdes, a agrogandaría e o aproveitamento forestal, ademais de iniciativas ligadas á industria agroalimentaria, a artesanía, a etnografía e o turismo sustentable.

Por último, tanto USO como EZA lembraron que o despoboamento non se pode entender sen integrar as políticas de inmigración, consideradas unha fonte de revitalización social e económica para o medio rural. As conclusións do seminario darán lugar agora á redacción dun documento de propostas concretas, que será trasladado ás administracións públicas polos responsables de xuventude das organizacións participantes.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here