InicioECONOMÍAO Concello propón á Xunta un convenio para ampliar o parque público...

O Concello propón á Xunta un convenio para ampliar o parque público de vivenda en Santiago

Goretti Sanmartín ofrece á Consellería de Vivenda a cesión de dúas parcelas municipais e propón un programa autonómico de adquisición e rehabilitación de inmobles para alugueiro social

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago trasladou á Xunta de Galicia a súa disposición para asinar un convenio de colaboración que permita incrementar o parque público de vivenda en alugueiro na cidade. A proposta, formulada pola alcaldesa Goretti Sanmartín á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, inclúe tanto a cesión de parcelas municipais como a creación dun programa autonómico de investimento en adquisición e rehabilitación de inmobles para uso residencial.

Na súa resposta á carta enviada pola Consellería, Sanmartín sinalou que o Goberno local coincide coa Xunta na “necesidade urxente de incrementar o parque público de vivenda”, especialmente na modalidade de alugueiro, para a que existen 597 solicitudes rexistradas no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida do municipio.

O Concello ofrece á administración autonómica dúas parcelas: a UER5 do SUNP-5 (A Muíña), con capacidade para 62 vivendas, e a PR4 do SUNP-4 (As Cancelas), onde se poderían construír 18 vivendas máis. A intención é que o solo se destine a vivenda protexida en alugueiro, e que a Xunta complemente esta actuación cun programa de rehabilitación que contribúa a frear a perda de patrimonio residencial da veciñanza compostelá.

Segundo explicou a rexedora, a política municipal busca mobilizar solo público e recursos económicos para promover vivenda protexida e facilitar o acceso á mesma, especialmente para persoas con menores ingresos. “A máxima prioridade é ofrecer solucións reais ao problema da vivenda en Santiago”, subliñou Sanmartín, quen expresou tamén a vontade de “avanzar con celeridade” na formalización dun acordo entre ambas administracións.

En paralelo, o Concello xa ten en marcha a cesión de tres parcelas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a construción de vivenda de promoción pública con protección permanente: dúas no Castro de Abaixo, con capacidade para 36 vivendas, e unha en Traspaxonal, onde se prevé levantar 39 vivendas adicionais. Estas actuacións, indicou o Goberno local, forman parte da estratexia municipal para ampliar a oferta de vivenda pública e garantir un acceso máis equitativo ao alugueiro na capital galega.

ÚLTIMAS

Diego Adrián Mallo presenta a súa candidatura á Alcaldía de Santiago por UCIN para 2027

Diego Adrián Mallo presentou este sábado de maneira oficial a súa candidatura á Alcaldía...

A CIG denuncia o “bloqueo” da mobilidade interna no CHUS tras catro anos sen resolucións

A CIG denunciou a través dun comunicado o "bloqueo" sistemático da mobilidade interna no...

Sanmartín sobre as críticas de inseguridade en locales de ocio: “Non podemos actuar arbitrariamente de abrilos ou pechalos”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, achacou a baixada dos ingresos por habitación dispoñible...

Santiago promove uns orzamentos participativos con case 300 propostas

Unha pantalla para ver os partidos da selección española de fútbol no Mundial, cinema...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here