InicioECONOMÍAO Concello de Santiago propón cambios no IBI e aproba unha nova...

O Concello de Santiago propón cambios no IBI e aproba unha nova ordenanza do lixo

O Executivo local quere aplicar un recargo ás vivendas baleiras e mellorar as bonificacións para placas solares e vehículos sostibles

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Manuel César Vila, presentou este xoves as principais modificacións que o goberno municipal quere introducir nas ordenanzas fiscais. A iniciativa tramítase en dous expedientes distintos: un para a nova ordenanza da taxa do lixo e outro que unifica criterios de cobro e inclúe cambios en varios impostos municipais.

En primeiro lugar, o chamado expediente ‘paraugas’ busca homoxeneizar os prazos para solicitar beneficios fiscais, que pasarán a fixarse o 1 de xaneiro nos tributos periódicos como o IBI ou o imposto de vehículos. Nos non periódicos, como taxas de licenzas ou pasos de vehículos, poderán pedirse en calquera momento. Ademais, elimínase a porcentaxe mínima nos fraccionamentos de débeda e establécense opcións de pagamento en tres, cinco ou nove cotas ao ano.

No ámbito do IBI, a proposta introduce un recargo do 50% para as vivendas residenciais desocupadas, medida que se enmarca no plan municipal para mobilizar inmobles baleiros e reforzar a solicitude da declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Tamén se prevén novas bonificacións do ICIO para vivendas protexidas ou de promoción autonómica, así como descontos do 50% para vehículos de cero emisións e do 25% para os de tipo eco. En canto ás vivendas con placas solares, rebaíxase o limiar para acceder á bonificación, pasando de 5 kW/100 m² a 2 kW/100 m².

O segundo bloque de cambios refírese á ordenanza fiscal do lixo, que se adapta á Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados. A taxa calcularase en función do valor catastral das vivendas, abandonando a referencia ao consumo de auga. O recibo será anual, aínda que poderá fraccionarse en tres, cinco ou nove cotas. Mantense a cota mínima en 6,17 euros ao mes ata os 33.841,91 euros de valor catastral, con cinco tramos que engaden un máximo de 3,2 euros nas vivendas de maior valor.

Entre as novidades figuran exencións para inmobles situados a máis de 200 metros dun contedor no rural e para solos sen edificar. A ordenanza tamén prevé un incremento do 24,31% na cota fixa para usos non domésticos. O custo anual do servizo de xestión de residuos estímase en 8,9 millóns de euros, dos que boa parte corresponde ao canon de Sogama.

Vila subliñou que a nova taxa garante o principio de “quen contamina paga” e permitirá cubrir os custos do servizo, ao tempo que introduce incentivos ás boas prácticas na separación en orixe. As propostas deberán pasar agora pola comisión informativa correspondente, someterse a debate no Pleno municipal e abrir un período de exposición pública de 30 días antes da súa aprobación definitiva.

ÚLTIMAS

O Festival Atlántica medra na súa décimo cuarta edición con 33 localidades e 50 artistas

O Festival Atlántica celebrará a súa décimo cuarta edición entre o 26 de xuño...

A Xunta visita a casa de acollida de vítimas de violencia de xénero impulsada pola Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home

As obras da nova casa de acollida de vítimas de violencia de xénero impulsada...

Santiago activa un servizo municipal para asesorar sobre contratos de alugueiro residencial

O Concello de Santiago puxo en marcha este luns o novo Servizo Municipal de...

A Xunta de Goberno autoriza obras no conxunto catedralicio e aproba melloras na Quinta dos Fuentes e en Verdía

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns novas licenzas urbanísticas, proxectos...

Santiago activa un servizo municipal para asesorar sobre contratos de alugueiro residencial

O Concello de Santiago puxo en marcha este luns o novo Servizo Municipal de...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here