InicioECONOMÍAO Concello de Santiago insiste en que a Xunta ignorou datos clave...

O Concello de Santiago insiste en que a Xunta ignorou datos clave ao rexeitar a declaración de zona tensionada

Lestegás acusa ao Goberno galego de tomar unha decisión política e anuncia que o Concello non descarta recorrer pola vía administrativa ou xudicial

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago considera que a Xunta de Galicia ignorou deliberadamente os argumentos e datos presentados para a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado. Así o asegurou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, nunha comparecencia na que cualificou de “resolución inmotivada” o escrito remitido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), co que se dá por desistida a petición do goberno municipal.

O edil comezou afirmando que “Santiago non desiste, nin vai desistir” desta solicitude, e cualificou de “anómala” a situación creada pola Xunta, que —segundo sinalou— comunicou antes aos medios a súa decisión que ao propio Concello. Lestegás sostén que a resolución da Xunta carece de argumentos técnicos e evidencia unha “intencionalidade política” por parte do Partido Popular, contraria á aplicación das medidas de contención de prezos recollidas na Lei polo Dereito á Vivenda.

Lestegás contrapuxo as “trece páxinas de resposta detallada” presentadas polo Concello o pasado 23 de xullo ás “tres páxinas parcas” da resolución autonómica. Segundo o concelleiro, esa resposta municipal rebatía de forma minuciosa todas as observacións feitas pola Xunta no seu requerimento de emenda. “Ninguén redacta un documento tan extenso e fundamentado se ten intención de desistir”, indicou.

O goberno local considera que a cidade cumpre amplamente os requisitos legais, especialmente no que respecta á evolución dos prezos do alugueiro. A diagnose presentada recolle que entre 2019 e 2024 o prezo medio de arrendamento aumentou un 40,5%, mentres que o IPC galego medrou un 20,8% no mesmo período. “Só con ese dato xa debería declararse Santiago como zona tensionada”, recalcou o edil.

Outro dos puntos que o Concello considera malinterpretados é a proposta de redefinir a figura de gran posuidor, reducindo o limiar de 10 a 5 inmobles. A Xunta asegurou que esta medida afectaría só a 100 vivendas, algo que Lestegás cualificou de “falso”. Segundo os datos achegados polo goberno local, serían máis de cen as vivendas afectadas en propiedade exclusiva, e moitas máis se se consideran porcentaxes de copropiedade. Lestegás lembrou que outros territorios como Navarra e Euskadi, así como a cidade da Coruña, incluíron esa mesma definición nas súas solicitudes.

O concelleiro tamén criticou que a Xunta cuestione o uso de datos procedentes dun portal inmobiliario, cando —segundo defendeu— estes non só complementan os datos oficiais, senón que permiten unha análise máis detallada a nivel inframunicipal. Engadiu que boa parte da información recollida procede do propio IGVS e que esta foi empregada no informe técnico encargado a un grupo de investigación da Universidade da Coruña, o cal o Concello considera unha garantía de obxectividade e rigor.

Sobre as críticas do sector inmobiliario, que advirten dunha posible desviación dos contratos cara ao alugueiro de tempada, Lestegás recoñeceu que existe unha lagoa legal na Lei de Arrendamentos Urbanos, mais subliñou que os contratos deben estar debidamente xustificados para non incorrer en fraude.

Lestegás confirmou tamén que o Concello non descarta presentar recurso administrativo nin tampouco acudir á vía xudicial para reverter a decisión da Xunta, e reiterou a disposición do goberno municipal para manter reunións co IGVS co obxectivo de desbloquear o procedemento. “Imos facer todo o necesario para que Santiago sexa declarado zona tensionada. Non queremos que esta solicitude quede no limbo”, concluíu.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Santiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta máis alá do casco histórico

O Concello de Santiago presentou un novo programa de creación de produtos turísticos co...

O PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco millóns procedentes da venda de parcelas municipais en Santiago

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago instou ao goberno local a abrir...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here