InicioECONOMÍAO Concello de Santiago insiste en que a Xunta debe aprobar "canto...

O Concello de Santiago insiste en que a Xunta debe aprobar “canto antes” a declaración de zona tensionada

Míriam Louzao asegura que os datos municipais sobre o mercado da vivenda son "evidentes" e rexeita que se baralle un rexeitamento da proposta

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago urxe á Xunta de Galicia a emitir unha resposta “canto antes” á súa solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado, unha medida que permitiría aplicar limitacións nos prezos do alugueiro. A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, expresou este mércores a confianza do executivo compostelán en que a resolución será positiva, e advertiu que non se contempla un escenario de rexeitamento.

A petición fora obxecto dun requirimento de emenda por parte da administración autonómica, ao que o Concello deu resposta o pasado 23 de xullo, defendendo o diagnóstico inicial realizado polos seus servizos técnicos e incorporando modificacións puntuais para adaptarse ás esixencias da Xunta. Así o detallara esta semana o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, quen asegurou que os axustes non afectan ao fondo da cuestión e que os datos achegados confirman o incremento dos prezos da vivenda, o esgotamento da oferta de alugueiro e as dificultades de acceso para a poboación local.

En paralelo, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, declarou este martes que os seus técnicos están a analizar a documentación e negou que se estean a bloquear solicitudes de zonas tensionadas. “Cando se fan ben as cousas e se envían correctamente os documentos, non hai ningún problema”, afirmou.

Ao ser preguntada sobre estas declaracións, Louzao reiterou o compromiso do goberno local coa súa proposta e subliñou que o problema da vivenda en Santiago é urxente. “Os datos son máis que evidentes e demostran a situación de tensión do mercado residencial. Por iso, esperamos que a Xunta resolva a solicitude canto antes e de forma positiva”, declarou. A portavoz engadiu que desde o executivo municipal non se valora outra posibilidade que non sexa a aprobación da medida.

O recoñecemento de Santiago como zona tensionada permitiría aplicar mecanismos de control temporal dos prezos do alugueiro, unha das ferramentas previstas pola Lei estatal polo Dereito á Vivenda, á que o Goberno galego se ten oposto politicamente, mais que debe aplicar se os concellos cumpren os requisitos e formalizan as solicitudes conforme ao procedemento legal.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...