InicioECONOMÍAUnha taxa sen acordo: dúbidas, présas e falta de diálogo no modelo...

Unha taxa sen acordo: dúbidas, présas e falta de diálogo no modelo turístico de Santiago

A medida aplicarase a partir do 1 de outubro tras semanas de tensión, críticas sobre a xestión e a ameaza de conflitos técnicos coa reserva de aloxamentos

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Hai uns días que sabemos que a taxa turística que o Concello de Santiago tiña previsto aplicar este verán non entrará en vigor ata o 1 de outubro, tras semanas de tensión entre o goberno local e o sector da hostalaría. A decisión, anunciada oficialmente a mediados deste mes, prodúcese despois das advertencias lanzadas por representantes de hoteis, pensións e apartamentos turísticos, que alertaron sobre as dificultades técnicas, a falta de diálogo e o impacto sobre as reservas xa feitas.

A nova ordenanza fiscal, que se prevé aprobar en pleno este xoves día 31, contemplaba a aplicación inmediata da taxa ao día seguinte da súa entrada en vigor. Porén, segundo recoñeceu a Xornal de Compostela a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a reacción dos hostaleiros ante a falta de marxe temporal foi clave para adiar dous meses a súa implementación. “É certo que ao publicarse o 31 de xullo, a taxa ía aplicarse xa en agosto, en plena tempada alta. Entendemos que agosto non era o mellor momento para implantar unha medida nova que require adaptación e colaboración do sector”, explicou.

Louzao asegurou ademais que “o diálogo co sector vén de moi atrás” e defendeu que xa en marzo se presentara o borrador da ordenanza a colectivos hostaleiros, veciñais e culturais, abrindo a posibilidade de achegas durante a consulta pública previa. Tamén insistiu en que a decisión de atrasar a entrada en vigor responde á vontade de “garantir a comodidade e a colaboración” das persoas encargadas de recadar a taxa: “É un esforzo engadido para os establecementos, pero fixemos o posible por simplificar o trámite e acompañalos no proceso”.

Pola súa banda, Ramón García, presidente da Asociación de Turismo e Hostalaría de Santiago, considera que a decisión chega tarde e que a xestión da taxa foi “deficiente dende o principio”. “Non se nos consultou como se debía. O goberno local actuou sen prever as consecuencias técnicas que podía ter a aplicación da taxa sobre reservas xa realizadas, plataformas de pago ou contratos pechados con antelación”, declarou a Xornal de Compostela. Tamén advertiu que a medida supón unha carga extra para os pequenos establecementos: “As grandes cadeas poden absorber mellor este tipo de trámites. Para as empresas familiares ou pensións pequenas, supón un gasto en asesorías e xestorías que lles complica aínda máis o día a día”.

A crítica ao modelo de xestión non se limita ao sector. A concelleira non adscrita Mercedes Rosón tamén manifestou o seu desacordo a través da rede social X. “É importante que haxa taxa, pero máis importante aínda é que se aplique ben. O feito de que se cree unha nova comisión para xestionar os ingresos cando xa existe o Consello Municipal de Turismo é difícil de entender”, afirmou. Rosón sinala ademais a preocupación polo impacto económico do adiamento: “Nos orzamentos de 2025 estaban previstos 2,6 millóns de euros en ingresos pola taxa turística. Que pasará agora co déficit que iso provoca?”.

QUE FAN OUTRAS CIDADES?

A taxa turística de Santiago non é unha excepción en Europa, senón parte dun movemento crecente de cidades que apostan por facer que o turismo contribúa ao financiamento de servizos públicos e á conservación do espazo urbano.

Entre os exemplos máis destacados está Barcelona, onde a taxa —moito máis elevada— supera os 7 euros por noite para os aloxamentos de gama alta, ademais de aplicar unha taxa específica aos cruceiros. A cidade recadou en 2023 arredor de 100 millóns de euros, que se destinan a políticas de mobilidade, limpeza e mellora da calidade de vida nos barrios máis saturados.

En Ámsterdam, a taxa sitúase no 12,5 % do prezo do aloxamento, e a os seus ingresos de 2024 superaron os 240 millóns de euros. Os fondos úsanse para manter o equilibrio entre a actividade turística e a vida da veciñanza.

En Venecia, o modelo é distinto: aplícase unha taxa de acceso de 5 euros en días concretos, dirixida aos visitantes que non pernoctan na cidade. En só once días de aplicación, recadouse máis de 1 millón de euros, segundo os datos oficiais.

Na comunidade de Cataluña, que serve de modelo para o Concello de Santiago, a taxa existe desde hai máis dunha década e está plenamente consolidada. “Ao principio tamén houbo reticencias, pero os propios hostaleiros recoñeceron que os turistas non protestaban por pagar unha cantidade moderada se o destino lles ofrecía calidade”, comentou Louzao.

CANTO RECADARÁ SANTIAGO?

A ordenanza compostelá establece unha taxa de entre 1 e 2,5 euros por persoa e noite, aplicable nun máximo de cinco noites por estancia. A previsión oficial é que Santiago poida recadar entre 2,6 e 3 millóns de euros anuais, en función da ocupación turística e da categoría dos aloxamentos. O 80 % deses ingresos destinarase a actuacións vinculadas ao turismo sostible, mentres que o 20 % restante poderá empregarse libremente polo Concello.

Ao retrasar dous meses a súa entrada en vigor, a cidade deixará de ingresar arredor de 430.000 a 500.000 euros en 2025, segundo os cálculos iniciais. Con todo, o executivo local defende que a prioridade agora é “garantir unha boa implantación” e que a taxa “veña para quedar”, como asegurou a concelleira: “Perder dous meses é secundario se conseguimos que no futuro funcione ben e con consenso”.

Para Ramón García, o problema de fondo é outro: “Non se trata só de cando se aplica ou de canto se recada, senón de que o Concello non aclarou como vai ser a xestión da taxa, como se van xustificar as exencións nin quen vai decidir en que se gastan os cartos”.

A MIRADA POSTA EN OUTUBRO

Malia o adiamento, a taxa turística xa é unha realidade fiscal aprobada. A súa aplicación en outubro coincidirá aínda cunha tempada de ocupación alta, especialmente por mor do turismo vencellado ao Camiño, que segue traeno visitantes todo o ano. Será entón cando se comprobe se os establecementos están preparados, se os turistas aceptan o novo cargo sen reticencias e se o Concello é quen de implementar un sistema eficaz e transparente.

ÚLTIMAS

O Concello executa novas actuacións de reparación e asfaltado en varias rúas da cidade

O Concello de Santiago continúa a desenvolver diferentes actuacións de reparación e renovación de...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

Dous feridos en Santiago por unha fuga de gas nunha vivenda

Dúas persoas víronse afectadas por unha fuga de gas dun quentador nunha vivineda de...

Santiago recoñecerá o talento deportivo local na VIII Gala do Deporte o 24 de marzo no Auditorio de Galicia

O Concello celebrou este xoves a presentación da VIII Gala do Deporte, un acto...

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para analizar o legado de Adam Smith e os 40 anos de España na UE

A Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da USC,...

A Xunta inviste máis de 12 millóns na modernización de centros educativos de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cifrou en máis de...

Os Ventos presenta a documentación para asumir a xestión dos centros socioculturais tras a renuncia de Eulen

A empresa Os Ventos formalizou a entrega da documentación requirida polo Concello de Santiago...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here