InicioECONOMÍAA Xunta rexeita a "xustiza estalinista de dar de baixa en bloque"...

A Xunta rexeita a “xustiza estalinista de dar de baixa en bloque” pisos turísticos e ofrece colaboración a Santiago

A Xunta impuxo 408 sancións en 2024 (+13 %) a diferentes aloxamentos e establecementos dentro do plan global de inspección do sector

Publicado o

Xornal de Compostela

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, rexeitou a “xustiza estalinista” de dar de baixa “en bloque” pisos turísticos, aínda que non ten “ningún inconveniente” en colaborar co Concello de Santiago se este lle comunica “unha por unha” cales das arredor de 600 que contabiliza na capital galega “son ilegais”. Chegado o caso, a Xunta comunicarallo “ao interesado”, ao que dará “audiencia” e “o cidadán poderase defender”, segundo Merelles, nunha intervención na que se mostrou contrario a “esa xustiza estalinista de dar de baixa en bloque actividades económicas nun estado liberal”. “Penso que non pode funcionar”, apostilou.

Pola súa banda, asegurou levar tempo “traballado no ámbito de peitear internet” e está “a reforzar esa actividade dunha forma obxectiva e clara”. “E probablemente en pouco tempo podamos achegar datos que eu encantado presentarei no Parlamento”, afirmou. E criticou “o anuncio que fixo o ministro xerando alarma e sen ningún respecto institucional” na súa visita a Compostela, “porque quen ten as competencias é a Xunta” e o ministerio “nunca se dirixiu” a ela.

Na quenda dos grupos, o popular Borja Verea centrouse na situación da capital galega e no debate sobre a presenza de pisos turísticos. Tachou de “auténtica irresponsabilidade” o anuncio do ministro e engadiu que se o goberno municipal, do BNG, “ten a seguridade de que hai 600 ilegais, por que non as pecha?”. Preguntado en rolda de prensa polas acusacións de Verea, tamén portavoz popular en Santiago, o concelleiro de urbanismo, Iago Lestegás, considerou “sorprendente” que suxira “que o Concello non actúa”.

Nesta liña, reivindicou que o Consistorio abriu no último mes tres procedementos a pisos turísticos, con sancións propostas de máis de 30.000 euros. “O Concello está a actuar desde hai tempo”, insistiu o edil. Así mesmo, o Consistorio continúa tramitando as baixas unha a unha de cada vivenda de uso turístico que non conta con licenza municipal –actualmente 66–, como esixe a Xunta, aspecto que membros do goberno local reiteraron en varias ocasións.

INSPECCIÓN

As inspeccións realizadas pola Xunta para tratar de garantir a legalidade e calidade dos diferentes servizos turísticos de Galicia subiron un 15 % en 2024 en relación co ano anterior, de modo que o total de actuacións situouse en 4.314, das que 3.903 (o 94 %) “están pechadas”. Así o destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nunha comparecencia na comisión parlamentaria do ramo para informar do plan de inspección de 2025.

Aínda sobre os datos do pasado exercicio, Merelles sinalou que se elaboraron un total de 3.915 “actas/informes” por estas actuacións, o cal arroxa unha alza do 26 %. Pola súa banda, os expedientes sancionadores creceron un 13 %, ata 408. Por tipoloxía, abarcan “todo o espectro” de aloxamentos e outros establecementos. A maioría das actuacións, segundo o director xeral, teñen que ver con expedientes de alta, baixa ou modificación, actuacións de oficio, sancións e reclamacións, entre outras.

Nun comunicado, a Xunta di que o plan “vén optimizándose nos últimos anos tamén con ferramentas para loitar contra a fraude en internet”. O de 2025, aprobado no consello de Turismo o pasado 8 de abril, sumará seis novos inspectores. Merelles falou dun “momento de gran dinamismo” e “plena transformación”, mentres que o deputado do BNG Daniel Pérez avisou de que é preciso “un órgano de inspección turística, non un plan”, para loitar, entre outras cuestións, contra a “masificación”. Lara Méndez (PSdeG) constatou que a vivenda de uso turístico “xa está a ser en moitos casos un problema” para a vivenda residencial “e para os traballadores”.

ÚLTIMAS

Santiago facilita a nova sede de Medicina Xenómica e adxudica por 251.420 euros a ampliación do saneamento en Formarís

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 10 de agosto, un...

Turismo de Santiago repartirá 2.026 gafas para seguir a eclipse solar do 12 de agosto

Santiago de Compostela prepárase para vivir este mércores 12 de agosto un dos principais...

Fotowalk Galicia leva a Boqueixón unha quedada fotográfica para percorrer o seu patrimonio e paisaxe

A comunidade Fotowalk Galicia celebrará o próximo sábado 22 de agosto unha nova quedada...

Prisión provisional e sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Bertamiráns

O detido polo atropelo mortal sucedido este mércores en Bertamiráns, no municipio coruñés de...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Dous detidos en Santiago mentres roubaban xoias nun domicilio do centro

Dúas persoas foron detidas o pasado domingo tras ser pilladas 'in fraganti' mentres roubaban...

Pedro Blanco destaca o Xacobeo 2027 como unha “oportunidade para proxectar Galicia no mundo

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o Xacobeo 2027 como unha...