InicioECONOMÍAO Concello de Santiago impulsa a solicitude para ser declarado mercado residencial...

O Concello de Santiago impulsa a solicitude para ser declarado mercado residencial tensionado

A declaración permitiría aplicar medidas específicas para conter os prezos do alugueiro e mellorar o acceso á vivenda en toda a cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago prepara a solicitude formal para ser declarado como zona de mercado residencial tensionado, unha figura que permitiría aplicar medidas extraordinarias para frear a subida do prezo dos alugueiros e ampliar a oferta de vivenda a prezos accesibles. A decisión foi anunciada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, na segunda reunión da Mesa Sectorial de Vivenda, celebrada esta semana.

Segundo explicou o edil, o obxectivo da declaración é garantir o dereito á vivenda nun contexto no que esta problemática é unha das principais preocupacións da veciñanza compostelá. A reunión da mesa supón o trámite previo necesario para formalizar a solicitude diante da Xunta de Galicia, e o Concello conta xa cunha memoria xustificativa, un diagnóstico actualizado, as respostas ás alegacións recibidas e un proxecto de plan de medidas correctoras específicas.

Estas medidas están organizadas en dúas liñas principais: por unha banda, mellorar o uso do parque residencial existente, e por outra, ampliar a dispoñibilidade de vivenda a prezos razoables, especialmente mediante a promoción de vivenda protexida. Entre as actuacións concretas inclúense a mobilización de vivenda baleira, o control sobre os pisos turísticos, recargas no IBI e a continuación da política de conservación e rehabilitación a través do Rexistro de Soares.

“Temos xa preparadas as actuacións previas para incorporar ao rexistro outros seis edificios en ruínas”, afirmou Lestegás, quen defendeu a continuidade desta ferramenta para obrigar aos propietarios a cumprir co deber legal de manter os inmobles en condicións dignas de uso. Neste sentido, lembrou o caso de tres edificios incluídos no Rexistro desde 2011 e que, malia unha sentenza favorable ao Concello en 2013, ficaron abandonados ata hoxe por falta de accións do anterior goberno local.

No novo plan tamén se contempla a rehabilitación de espazos como Caramoniña, que se atopa xa na fase de contratación do proxecto. Así mesmo, avanzarase na dispoñibilidade de solo para vivenda protexida, coa implicación directa do Concello en zonas urbanizables como o Sud-1 de Maioxo, nun marco de colaboración co plan da Xunta.

Respecto ás diferenzas entre políticas municipais e autonómicas, o concelleiro sinalou que ambas poden ser complementarias: “Non hai unha única ferramenta para abordar o problema da vivenda”, asegurou, e insistiu en que cada administración debe actuar desde as súas competencias. O Concello, dixo, céntrase nas competencias urbanísticas, mentres outras administracións poden optar por apoios económicos directos á rehabilitación, como fai a Xunta.

No tramo final do encontro, Lestegás tamén abordou a postura municipal en relación a determinadas infraestruturas promovidas pola Xunta. Referiuse a unha actuación que, ao seu xuízo, non se planificou de forma axeitada e que entra en conflito coa protección dos valores patrimoniais e naturais da contorna. “O Concello está a favor da mobilidade sustentable, pero non a calquera prezo”, concluíu.

A previsión do goberno local é presentar a solicitude formal diante da Xunta na vindeira semana, co obxectivo de activar canto antes as ferramentas legais e financeiras que implica a declaración como zona tensionada e seguir avanzando nun modelo urbano que facilite o acceso á vivenda e freo á especulación.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Santiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta máis alá do casco histórico

O Concello de Santiago presentou un novo programa de creación de produtos turísticos co...

O PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco millóns procedentes da venda de parcelas municipais en Santiago

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago instou ao goberno local a abrir...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here