O pavillón do Restollal conta dende hoxe cun novo mural dedicado a tres referentes do deporte compostelán: Alejandra Neira, Esther Pedrosa e Borja Iglesias. A intervención artística, promovida pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) coa colaboración do Concello, busca recoñecer a traxectoria destas tres figuras deportivas e transmitir valores relacionados coa igualdade, o respecto e a diversidade.
A obra, denominada ‘Coraxes’, foi elaborada polo artista Fernando Yáñez e forma parte de ‘Rehabilit-Arte’, unha iniciativa de ACEM que emprega a creación artística como ferramenta para contribuír ao benestar e á calidade de vida das persoas con esclerose múltiple e párkinson.
O mural foi presentado este venres nun acto no que participaron a tenenta de alcaldesa, María Rozas; a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e dúas das deportistas representadas, Esther Pedrosa e Alejandra Neira. Durante a presentación, varias usuarias da asociación colaboraron nos últimos detalles da pintura, completando así unha intervención na que tamén participaron persoas vinculadas á entidade durante o proceso creativo.
A composición reúne tres retratos de grandes dimensións de Alejandra Neira, Esther Pedrosa e Borja Iglesias, realizados cunha estética próxima ao ‘pop art’ e acompañados de formas e elementos gráficos que remiten ás súas respectivas disciplinas deportivas. Un dos elementos centrais da pintura é unha man de gran tamaño que toma como referencia o costume do futbolista Borja Iglesias de levar as unllas pintadas. Cada unha delas incorpora símbolos asociados a cinco valores: igualdade, liberdade, compañeirismo, esforzo e respecto.
A elección destes elementos pretende vincular a práctica deportiva con cuestións sociais que van máis alá da competición, combinando o recoñecemento aos éxitos deportivos coa defensa da diversidade e da participación de todas as persoas na sociedade.
Ademais, a elaboración do mural contou coa implicación de persoas con esclerose múltiple e párkinson que participan nas actividades de ACEM, unha colaboración coa que a entidade procura dar visibilidade ás capacidades e achegas das persoas que conviven con estas enfermidades.
O CONCELLO DESTACA O LABOR DE ACEM E A TRAXECTORIA DAS DEPORTISTAS
Durante a presentación, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, agradeceu o traballo desenvolvido pola asociación, á que definiu como “unha entidade que está a mellorar a vida de moitas familias, e que axuda a construir un Santiago mellor para todos e todas, máis inclusivo e máis comprometido”.
Rozas tamén destacou a elección das tres figuras deportivas representadas, tanto polos seus resultados nas competicións como pola súa proxección social. Segundo explicou, son “persoas das que Compostela se sinte profundamente orgullosa, e espellos nos que mirarse desde diferentes xeracións, e non só polos seus logros deportivos”.
A tenenta de alcaldesa considerou, ademais, que a iniciativa reflicte determinados valores que identificou coa capital galega. Neste sentido, afirmou que o mural “é o mellor reflexo da cidade que somos: empática, solidaria e coidadora”. Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, incidiu na importancia de contar con entidades que desenvolven proxectos de inclusión a través de diferentes actividades e disciplinas.
“En Santiago somos moi afortunadas por contar con entidades como ACEM e tamén por ter deportistas como Alejandra Neira, Esther Pedrosa e Borja Iglesias”, sinalou.
Lueiro lembrou que as tres figuras homenaxeadas acadaron títulos mundiais e puxo en valor a súa disposición a colaborar con iniciativas sociais. “Falamos de dúas campioas e un campión do mundo que nos fixeron desfrutar moito este ano cos seus éxitos deportivos, e que son ademais persoas moi facilitadoras e colaboradoras”, engadiu.
A ARTE COMO FERRAMENTA DE PARTICIPACIÓN E REHABILITACIÓN
A intervención no Restollal intégrase no programa ‘Rehabilit-Arte’ de ACEM, que propón actividades artísticas como parte das iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple e párkinson.
O proxecto parte da participación das persoas usuarias nos procesos creativos, de maneira que non se limitan a contemplar as obras, senón que interveñen directamente na súa elaboración.

