O Monbus Obradoiro anunciou a incorporación do base estadounidense Tra Holder ata o final da tempada, nun movemento orientado a reforzar a dirección de xogo do conxunto compostelán nun momento decisivo do calendario.
Holder, de 30 anos e 1,85 metros de altura, conta cunha traxectoria profesional desenvolvida en distintas ligas internacionais. Formado na universidade de Arizona State, na NCAA, o xogador pasou por equipos europeos como Skyliners Frankfurt e BG Göttingen en Alemaña, MKS Dąbrowa Górnicza en Polonia e Jämtland Basket en Suecia. Ademais, tamén competiu na G League estadounidense en franquías como Birmingham Squadron, Capitanes CDMX e Westchester Knicks.
Na súa última etapa no BG Göttingen, o novo xogador obradoirista participou en 29 encontros da liga alemá, nos que rexistrou medias de 15,4 puntos, 1,9 rebotes e 3,6 asistencias por partido.
O director xeral do club, Héctor Galán, explicou que esta incorporación se produce “nun momento complicado pola altura da tempada, a proximidade do peche do mercado e a lesión de Micah”. Neste sentido, destacou a disposición do xogador e do seu representante para formalizar o acordo.
Galán sinalou tamén que Holder se integra nun equipo cunha dinámica de traballo definida e cun obxectivo claro de manter a competitividade neste tramo final. “Aportará experiencia, capacidade anotadora e dirección de xogo, cubrindo a baixa provocada pola lesión de Micah”, indicou.
Coa chegada de Holder, o conxunto compostelán reforza a súa rotación exterior co obxectivo de afrontar con maiores garantías as últimas xornadas da tempada.

