A concelleira de Deportes de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro, presentou este mércores o XVIII Trofeo Cidade de Santiago-Copa España Infantil A de Judo, unha proba incluída no calendario estatal e puntuable para a final do Campionato de España. A competición disputarase este sábado 21 de febreiro no Pavillón Multiusos Fontes do Sar a partir das 9:30.
Segundo explicou a edil, está prevista a participación de máis de 275 judokas, procedentes de diferentes puntos do Estado e tamén de Portugal, cunha representación aproximada de medio cento de deportistas do país luso. Lueiro destacou que se trata dunha das citas “máis relevantes do calendario estatal” nesta categoría.
Na presentación tamén interviñeron David Fernández Neira, delegado en Santiago da Federación Galega de Judo, e Xaquín Baldomir, responsable do Judo Club Base. Fernández Neira agradeceu o apoio municipal á organización do evento e sinalou que nesta edición o trofeo rexistra unha participación récord. Ademais, subliñou que a competición “pon Santiago no mapa” do judo estatal.
TRES CITAS DEPORTIVAS NUNHA MESMA XORNADA
O programa previsto para o sábado concentra tres competicións de judo ao longo do día, todas elas con entrada libre. O XVIII Trofeo Cidade de Santiago desenvolverase durante a mañá, coa previsión de entrega de premios arredor das 15:30.
Xa pola tarde, a partir das 17:30, celebraranse dúas probas dirixidas ás categorías de base: o Xogajudo e o III Trofeo de Judo Promoción Concello de Santiago, organizado polos clubs.
No Xogajudo participarán rapazas e rapaces das categorías benxamín, alevín e infantil. Pola súa parte, o Trofeo de Judo Promoción está orientado ás categorías biberón e prebenxamín. Entre ambas as dúas competicións prevese a presenza duns 600 judokas, convertendo a xornada nunha das máis numerosas da tempada no ámbito da promoción deportiva.
Durante a súa intervención, Pilar Lueiro sinalou que este tipo de eventos contribúen a situar a cidade como referente deportivo e trasladou o seu desexo de que as persoas participantes “gocen moito da competición” e aproveiten tamén a súa estancia para coñecer a cidade.

