InicioCULTURAAberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

Dupla, Luisa Pita e Trinta participarán desde Santiago nun programa que se desenvolverá do 17 ao 19 de setembro en cinco cidades

Publicado o

Xornal de Compostela

A cuarta edición de ‘Aberto’ celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa simultáneo en nove galerías de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense, que inaugurarán novas exposicións para marcar o inicio da tempada da arte contemporánea en Galicia. A iniciativa está organizada por Contemporánea, a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, e reunirá durante tres días propostas de artistas nacionais e internacionais.

En Compostela participarán tres espazos expositivos: Dupla, Luisa Pita e Trinta, cunha programación que abrangue desde o vídeo e a música ata a fotografía e a pintura. O conxunto da edición incorpora tamén escultura, instalación e debuxo, con proxectos articulados arredor de cuestións como a paisaxe, a memoria, o corpo, a arquitectura, o territorio e os procesos de transformación da materia.

A galería Dupla abrirá ‘Back to Back’, unha proposta de Hugo Alonso na que o artista conecta a súa práctica visual co vídeo, o cinema e a música, ámbito no que traballa baixo o alias ‘Lynda Blair’. A exposición estará acompañada por un texto curatorial de David Varro e permitirá achegarse ás diferentes disciplinas que atravesan a produción recente do creador.

Tamén en Santiago, Luisa Pita presentará ‘Ao aire libre’, un proxecto fotográfico de Juan Adrio que dirixe a mirada cara á paisaxe próxima. O autor centra o traballo en contornas naturais como pozas, praias fluviais e fervenzas, empregando estes espazos como materia principal dunha serie construída arredor da relación co territorio.

A programación compostelá complétase na galería Trinta con ‘Lovers, thieves, fools and pretenders’, unha nova exposición individual do portugués Francisco Mendes Moreira. A mostra reúne pinturas recentes nas que o artista desenvolve unha figuración atravesada polo humor e a ironía e emprega materiais reutilizados xunto con técnicas como óleo, collage, pastel e papel maché.

Fóra de Santiago, ‘Aberto26’ estenderase tamén ás outras tres provincias galegas. Na Coruña, Nordés exhibirá ‘Galicia’, unha selección de fotografías realizadas por Anna Turbau durante os anos nos que residiu na comunidade nos primeiros tempos da Transición. A exposición recupera o traballo da fotógrafa documental, falecida en 2025, e propón unha revisión do seu legado e da súa mirada sobre a Galicia daquel período.

Na mesma cidade, Moret Art acollerá ‘A outra verdade’, de Héctor Francesch, unha proposta que aborda a relación entre subxectividade, relato e imaxinación e analiza como a práctica artística pode construír interpretacións propias da realidade. Pola súa banda, Vilaseco presentará ‘Lotto’, unha selección de obras de Enrico Della Torre, cunha práctica situada entre pintura, debuxo e collage e na que conflúen referencias á cultura urbana, ao skate e ao grafiti cun traballo centrado no debuxo e no carbón sobre lenzo.

En Vigo, a galería PM8 programará ‘Pose’, a primeira exposición individual en Galicia do artista lituano Gediminas G. Akstinas. O seu traballo desenvólvese principalmente a través da escultura, os obxectos, as instalacións e a performance, disciplinas desde as que constrúe boa parte da súa investigación artística.

A programación chegará igualmente a Lugo, onde Néboa acollerá ‘Substrato habitual’, de Román Corbato. Formado en Arquitectura e cunha traxectoria como artista visual, investigador e docente, Corbato combina escultura, instalación, fotografía, vídeo e debuxo. Nas súas obras emprega materiais recuperados, restos arquitectónicos e elementos procedentes da paisaxe para abordar o paso do tempo, a memoria e as marcas deixadas pola actividade humana no territorio.

En Ourense, Marisa Marimón presentará ‘O elemento caprichoso’, de Tamara Feijoo, con traballos realizados durante os dous últimos anos. A autora investiga o paso do tempo e a transcendencia a partir das transformacións físicas dos materiais, atendendo a aspectos como a pegada, o desgaste, a pátina e a fraxilidade.

A programación foi presentada este martes no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, coa participación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. O representante da Xunta puxo o foco na capacidade de ‘Aberto26’ para difundir o traballo dos creadores e apoiar a actividade das galerías, ademais de facilitar o acceso do público ás “creacións máis recentes de vangarda” producidas tanto dentro como fóra de Galicia.

López Campos definiu o programa como unha iniciativa “preciosa e marabillosa” e incidiu tamén na participación do Centro Galego de Arte Contemporánea, que colabora por cuarto ano consecutivo coa proposta. Como parte desa colaboración, o CGAC adquirirá obras das exposicións participantes para incorporalas á súa colección, dando continuidade ao vínculo entre o programa das galerías e os fondos públicos de arte contemporánea.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Santiago abre o ciclo ‘Malestares’ para abordar os medos e incertezas da mocidade

A Concellería de Xuventude de Santiago e a Asociación Mulleres Andaina impulsan durante este...

Santiago coloca unha placa na casa natal de Alfredo Vicenti tras as peticións do Ateneo

O Concello de Santiago colocou este sábado unha placa conmemorativa na casa natal do...

A Banda Municipal de Santiago une música e ilustración nunha tempada con Kiko da Silva como colaborador

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dedicará a súa tempada 2026-2027...