InicioCULTURABala leva o seu rock ao ciclo Atardecer no Gaiás este xoves

Bala leva o seu rock ao ciclo Atardecer no Gaiás este xoves

O dúo coruñés actuará ás 21:00 na praza central da Cidade da Cultura, dentro dunha programación que continuará con Sheila Patricia, Lisdexia e catro novas citas en agosto

Publicado o

Xornal de Compostela

O ciclo Atardecer no Gaiás encara os seus últimos concertos do mes de xullo coa actuación de Bala, unha das bandas galegas con maior proxección internacional dentro da escena rock. O dúo formado por Ánxela Baltar e Violeta Mosquera subirá este xoves 23 de xullo ao escenario da praza central da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

O concerto comezará ás 21:00 e terá acceso libre e gratuíto. A cita forma parte do programa impulsado pola Xunta de Galicia para achegar diferentes estilos musicais ao público durante as tardes e noites do verán no monte Gaiás.

Bala chegará a Compostela despois de actuar en escenarios e festivais de distintos puntos de España e de países como Reino Unido, Australia, Estados Unidos e Xapón. A banda coruñesa conta con catro traballos discográficos e cunha proposta construída arredor da guitarra, a batería e as voces das súas dúas integrantes.

No concerto do Gaiás, Baltar e Mosquera repasarán parte do seu repertorio, caracterizado pola combinación de rock, stoner, hardcore e punk. O proxecto incorpora referencias ao son máis intenso da década de 1990 e baséase no contraste entre as voces das dúas músicas.

O seu último disco, Besta, publicado en 2024 por PIAS, inclúe colaboracións con artistas e formacións como Tanxugueiras, Ana Curra, integrante de grupos como Alaska y los Pegamoides e Parálisis Permanente, e a banda estadounidense de punk Surfbort.

A programación de xullo continuará o xoves 30 coa actuación de Sheila Patricia, unha das voces da nova canción de autora galega. A súa proposta parte da tradición e incorpora unha perspectiva feminista, combinando composicións acústicas e íntimas con recursos electrónicos e novas texturas sonoras.

O venres 31 será a quenda de Lisdexia, grupo procedente de Muros que mestura garage, punk, pop, funk e elementos da música tradicional. A formación recolle parte da influencia do punk rock desenvolvido no municipio por bandas como Terbutalina, ao tempo que se incorpora a unha escena local da que tamén saíron nos últimos anos proxectos como The Rapants ou 9Louro.

CATRO CONCERTOS DURANTE O MES DE AGOSTO

O ciclo continuará en agosto con outras catro actuacións gratuítas. A primeira estará protagonizada polo grupo compostelán Dogo, que actuará o xoves 6 na Cidade da Cultura.

A semana seguinte concentrará tres citas consecutivas. O mércores 12, os lucenses Galician Army ofrecerán un set de música electrónica preparado para coincidir coa celebración do eclipse total de sol.

O xoves 13 terá lugar a segunda edición do Atardecer Fest, unha xornada dedicada ao rap e ás músicas urbanas que contará coas actuacións de Israel B, Santa Salut e Silee.

A décimo sexta edición de Atardecer no Gaiás pecharase o venres 14 de agosto co electropop de Turista Sueca, trío procedente de Barcelona.

O programa conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra e forma parte da campaña de verán ‘Para gustos, cultura’, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A iniciativa reúne máis de 3.600 actividades repartidas por arredor de 200 concellos de Galicia.

ÚLTIMAS

Prisión provisional e sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Bertamiráns

O detido polo atropelo mortal sucedido este mércores en Bertamiráns, no municipio coruñés de...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Dous detidos en Santiago mentres roubaban xoias nun domicilio do centro

Dúas persoas foron detidas o pasado domingo tras ser pilladas 'in fraganti' mentres roubaban...

Investigado por asasinato o detido logo dun atropelo intencionado en Ames no que a vítima faleceu

A Garda Civil investiga por un delito de asasinato ao detido este mércores por...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...

O destino definitivo das estatuas de Abraham e Isaac será o Museo do Pobo

O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela foi o lugar elixido para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here