InicioCULTURADolores Vilavedra toma posesión como presidenta do Consello da Cultura Galega e...

Dolores Vilavedra toma posesión como presidenta do Consello da Cultura Galega e marca como reto reforzar os dereitos culturais

A nova responsable do CCG reivindicou a autonomía da institución, anunciou un informe sobre a lectura en Galicia e comprometeuse coa defensa da lingua galega nun acto celebrado en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

Dolores Vilavedra tomou posesión este venres como nova presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) nun acto solemne celebrado na sede da institución, en Santiago de Compostela, no que estivo acompañada por representantes do ámbito político, institucional, académico, social e cultural.

A sesión contou coa presenza do presidente de honra do CCG e presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entre outras autoridades.

A secretaria do Consello, Paula Cabaleiro, abriu o acto coa lectura do Decreto 60/2026, polo que se nomea Vilavedra como presidenta. No seu primeiro discurso no cargo, a nova responsable da institución situou a produción de coñecemento como unha das principais funcións do CCG e defendeu o seu papel como espazo de análise e reflexión ao servizo da sociedade galega.

Inicio esta tarefa con ilusión cuxa meta é unha Galicia na que se dean as mellores condicións para o desenvolvemento dunhas prácticas culturais que reforcen a democracia, que combatan as desigualdades e que nos axuden a pensar novas formas de vida“, afirmou Vilavedra ao comezo da súa intervención.

A nova presidenta sinalou que, entre as competencias atribuídas ao Consello, existe unha que ao seu xuízo atravesa todas as demais: “a de ser un ente activo de produción de coñecemento“. Nesa liña, apelou á capacidade da institución para elaborar diagnósticos e propostas desde unha perspectiva transversal e interdisciplinaria, con vocación de servir de referencia tanto á cidadanía como aos poderes públicos.

Entre as primeiras liñas de traballo que avanzou figuran o reforzo do Observatorio da Cultura Galega, o impulso dos dereitos culturais, a ampliación dos públicos da institución e a adaptación do Consello aos novos retos sociais, culturais e tecnolóxicos. Tamén anunciou a elaboración dun informe sobre a lectura en Galicia e a posta en marcha dun plan cuadrienal de dixitalización.

Vilavedra trasladou ao Goberno galego unha disposición de “lealdade e respecto institucional, máxima colaboración e a nosa maior vontade de manter activas canles de comunicación fluídas“. Ao mesmo tempo, reivindicou a autonomía orgánica e funcional do Consello da Cultura Galega como garantía da súa independencia e da súa capacidade para cumprir a misión de defensa e promoción da cultura galega.

Outro dos aspectos centrais do seu discurso foi o reforzo do traballo en rede. A presidenta apostou por intensificar a colaboración co asociacionismo cultural, co sistema educativo, cos centros de estudos galegos no exterior e coas novas diásporas. Tamén defendeu o papel do Pleno, das seccións e das comisións como espazos de participación e representación da diversidade cultural do país.

A lingua galega ocupou tamén unha parte destacada da intervención. Vilavedra expresou o seu compromiso, “como cidadá e como presidenta“, coa súa defensa e coa creación de condicións que favorezan o seu uso, transmisión e difusión. Xunto a isto, puxo o foco na crecente diversidade cultural e lingüística da sociedade galega e advertiu da necesidade de facilitar o acceso á cultura galega aos novos grupos cidadáns.

Preocúpannos os atrancos que estes novos grupos cidadáns poidan atopar no acceso á nosa lingua e á nosa cultura. Garantir o seu dereito a seren galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería ser unha prioridade nos vindeiros anos“, indicou.

Pola súa banda, Alfonso Rueda expresou o seu apoio á nova presidenta e destacou o momento que atravesa o sector cultural galego, que vinculou ao talento dos creadores e creadoras do país. O presidente da Xunta salientou tamén que a cultura ten un carácter transversal na acción do Goberno galego e apuntou entre os retos próximos a procura de consensos arredor do Pacto pola Lingua neste 2026.

Vilavedra sucede no cargo a Rosario Álvarez, que presidiu o Consello da Cultura Galega desde 2018. No seu discurso de despedida, Álvarez definiu o seu mandato como “colaborativo, participativo e non presidencialista” e fixo balance dalgunhas das liñas desenvolvidas nos últimos anos, como o reforzo da rede institucional e social do CCG, a descentralización da programación, a dixitalización e o contacto coa cultura de base.

Unha das maiores satisfaccións foi corroborar a forza da cultura de base, a que fan día a día homes e mulleres de todas as idades, en verdadeira transmisión interxeracional“, sinalou a presidenta saínte. Álvarez tamén expresou a súa confianza na nova etapa e puxo a súa colaboración á disposición de Vilavedra e da institución: “sempre me encontrará á disposición dela e do Consello da Cultura Galega para o que sexa mester“.

O acto incluíu un programa musical concibido como un diálogo entre literatura e creación sonora. A apertura correu a cargo de Canto de berce, de Marcial del Adalid, sobre un poema de Fanny Garrido. No ecuador da sesión interpretouse Les roses de Saadi, da compositora Eugenia Saunier, sobre versos de Marceline Desbordes-Valmore. O peche chegou con Maio longo, de José Baldomir, sobre un poema de Rosalía de Castro.

As tres pezas foron interpretadas pola mezzosoprano Nuria Lorenzo López, acompañada ao piano por Alejo Amoedo Portela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

ÚLTIMAS

Sanmartín celebra o avance do aparcadoiro do CHUS e pide á Xunta “máxima celeridade” para executar a obra

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, valorou este venres como unha "moi boa noticia"...

Ames percorre o Pazo da Peregrina nunha visita teatralizada arredor da pegada de Rosalía

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 20 de xuño unha...

O PP reclama un plan urxente para mellorar os accesos e a contorna do Multiusos Fontes do Sar

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, reclamou ao...

Patricia Iglesias apoia a Pedro Blanco nas primarias socialistas de Santiago

A deputada autonómica do PSdeG Patricia Iglesias expresou esta mañá o seu apoio ao...

Carlangas presentará no ‘Atardecer no Gaiás’ o seu terceiro disco en solitario

Carlangas inaugura este xoves, ás 20.00 horas, unha nova edición de 'Atardecer no Gaiás',...

Sanmartín destaca a proxección internacional do Premio Compostela para Álbums Ilustrados, que recibe 265 obras de diferentes países

O XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados xa ten obra gañadora. A alcaldesa...

O Luscofusco Fest reunirá na Sala Moon a Silee, Alddara e Noa Vigo o 18 de xullo

A Sala Moon de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 18 de xullo a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here