InicioCULTURASantiago descobre o Castelao máis insólito cun paseo polo seu vínculo coa...

Santiago descobre o Castelao máis insólito cun paseo polo seu vínculo coa cidade

O Concello organiza catro percorridos guiados os días 25, 26 e 27 de xuño e habilita unha ruta autoguiada en galego e inglés polo 140 aniversario do nacemento do autor e o centenario de 'Cousas'

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela porá en marcha a próxima semana ‘Castelao Insólito’, unha proposta cultural que convida a percorrer a cidade a través da pegada menos coñecida de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. A iniciativa, presentada este xoves pola concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, e por Nee Barros, integrante de Maos Innovación Social, combina catro sesións presenciais guiadas cun itinerario dixital autoguiado dispoñible en galego e inglés.

O proxecto nace no marco de dúas efemérides vinculadas á figura de Castelao: o 140 aniversario do seu nacemento, en 1886, e o centenario da primeira publicación de Cousas, editado en 1926. A proposta municipal busca achegar á cidadanía e ás persoas visitantes unha lectura da súa relación con Compostela a través de episodios biográficos, espazos urbanos e facetas que van máis alá da imaxe pública construída arredor do intelectual, artista e político galeguista.

Castelao viviu en Santiago durante nove anos, unha etapa ligada á súa formación, á súa vida cotiá e ao seu desenvolvemento como creador. A cidade aparece así como un escenario no que se cruzan o estudante de Medicina, o debuxante, o escritor, o militante e tamén a persoa que, antes de converterse nunha figura central da cultura galega contemporánea, transitou por bares, espazos de estudo, círculos sociais e lugares que forman parte da memoria compostelá.

A ruta propón precisamente recuperar ese Castelao humano, ás veces oculto pola dimensión simbólica do personaxe. Entre os episodios que se incorporan ao relato está a súa primeira chegada a Compostela, cando aínda era un bebé e a súa nai o levou a Belvís por medo a que padecese mal de ollo ou estivese endemoñado. Tamén se lembran os anos nos que, mentres estudaba Medicina, deixaba debuxos nas mesas dos bares e pedía despois que fosen borrados.

O percorrido guiado estrutúrase arredor de nove paradas, unha por cada ano que Castelao residiu na cidade. Segundo explicou Nee Barros, tres desas paradas estarán centradas na súa etapa compostelá, dúas abordarán a súa faceta artística, unha estará dedicada á súa obra literaria, outras dúas á súa actividade política e a última permitirá coñecer o regreso dos seus restos a Compostela.

As sesións presenciais desenvolveranse en galego e serán gratuítas, aínda que será necesario inscribirse previamente debido á limitación de prazas. Cada percorrido terá un máximo de 30 participantes e unha duración estimada de dúas horas. A primeira saída está prevista para o xoves 25 de xuño ás 20:00. O venres 26 haberá dúas sesións, ás 17:00 e ás 20:00, mentres que a última terá lugar o sábado 27 ás 12:00.

A inscrición debe realizarse a través dun formulario en liña dispoñible na web castelaoecompostela.gal, que funciona tamén como espazo de consulta do proxecto. Nese portal recóllense materiais complementarios, unha selección de fotografías e obras de Castelao, así como os contidos do itinerario autoguiado.

A versión dixital permitirá realizar o paseo de maneira independente, no momento que cada persoa escolla. Para seguilo só será preciso contar cun dispositivo móbil e auriculares. As narracións estarán dispoñibles tanto en formato audio como en texto, en galego e en inglés, co obxectivo de facilitar o acceso á proposta tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Santiago.

Míriam Louzao sinalou que a intención do Concello é que este tipo de iniciativas teñan continuidade máis alá das sesións presenciais. “Queremos que estes paseos non sexan efémeros, senón que queden para que calquera persoa poida facelo no momento que queira e por iso están dixitalizados e nunha páxina web e tamén en dous idiomas, galego e inglés, para que tamén poidan gozalos as persoas que nos visitan dentro do noso obxectivo de amosar moito máis de Compostela aos turistas”, indicou a concelleira.

O proxecto foi desenvolvido por Maos Innovación Social e conta coa participación doutras entidades vencelladas á cidade. A tradución ao inglés correu a cargo de Raquel Senra, de Árbore Azul, mentres que os audios foron gravados por A Casa do Rock. Louzao destacou esta dimensión colaborativa e afirmou que iniciativas coma esta “constrúen ese tecido cultural forte e vivo do que tan orgullosas nos sentimos”.

Con ‘Castelao Insólito’, o Concello de Santiago dá continuidade a unha liña de paseos culturais centrados na historia e na memoria da cidade. Nos últimos anos impulsáronse outras propostas como ‘Ruth e o Leviatán’, arredor do centenario da primeira visita de Ruth Matilda Anderson a Compostela, ou ‘Venceremo Nós’, dedicada ás mobilizacións estudantís de marzo de 1968.

ÚLTIMAS

Santiago cede á Xunta dúas parcelas en Volta do Castro para construír vivenda pública

O Concello de Santiago formalizou este xoves a cesión á Xunta de Galicia de...

O Concello reforza a limpeza e a recollida de residuos polo Son do Camiño

O Concello de Santiago puxo en marcha un reforzo do servizo de recollida de...

O equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo

O proceso que permitiu ao Concello de Santiago recuperar as estatuas de Ezequiel e...

O PSOE acusa o Goberno local de presentar un plan de vivenda sen medidas concretas para aumentar a oferta residencial

A concelleira socialista Marta Abal cuestionou este mércores o contido do Plan de medidas...

O Festival Ateneo Barroco programa seis concertos e actividades arredor dos instrumentos da música antiga

O Ateneo de Santiago presentou este mércores a oitava edición do Festival Ateneo Barroco,...

O Son do Camiño reunirá máis de 125.000 persoas no Monte do Gozo desde este xoves

O Monte do Gozo ultima os preparativos para acoller unha nova edición do Son...

O Museo do Pobo Galego incorpora o primeiro videoxogo galego coñecido aos seus fondos

O videoxogo galego pasará a formar parte de maneira estable dos fondos e dos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here