InicioCULTURASantiago celebrará o Día do Xogo cunha tarde de actividades en Galeras...

Santiago celebrará o Día do Xogo cunha tarde de actividades en Galeras para reivindicar o dereito da infancia a xogar

A Casa das Máquinas e o Parque de Galeras acollerán o 29 de maio unha programación con xogos, actividades ao aire libre, música e propostas para diferentes idades, incluíndo mocidade e familias

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago celebrará o vindeiro venres 29 de maio unha nova edición do Día do Xogo, unha iniciativa impulsada polos Centros Socioculturais coa colaboración do Departamento de Mocidade que trasladará a súa programación á Casa das Máquinas e ao Parque de Galeras. A xornada desenvolverase desde as 17:00 cunha proposta aberta ao público pensada para diferentes franxas de idade e coa intención de reivindicar o dereito ao xogo como unha ferramenta vinculada ao desenvolvemento persoal e social.

Durante a presentación da iniciativa, a concelleira María Rozas explicou que o cambio de localización responde tamén á vontade de poñer o foco nos espazos públicos como lugares de encontro e convivencia. Segundo sinalou, a celebración busca lembrar que o xogo “non é só para divertirse, non é só para entreterse, senón tamén para aprender, para socializar, para medrar felices”.

A actividade celébrase arredor do Día Internacional do Dereito ao Xogo, que se conmemora o 26 de maio, aínda que a programación se trasladou ao venres para facilitar a participación de nenos e nenas. Rozas advertiu ademais da necesidade de preservar tempos de lecer para a infancia nun contexto no que, segundo apuntou, as rutinas e horarios poden deixar pouco espazo para este tipo de actividades.

A responsable municipal tamén incidiu na dimensión social desta celebración, lembrando que o dereito ao xogo segue sen estar garantido en diferentes partes do mundo por situacións como conflitos ou a incorporación temperá de menores ao traballo. “Hai moitos países no mundo nos que este dereito non se cumpre”, afirmou.

PROGRAMACIÓN CON ACTIVIDADES PARA TODAS AS IDADES

A xornada combinará actividades interiores e ao aire libre con propostas dirixidas á infancia, adolescencia e público familiar. Entre as iniciativas previstas figuran inchables, tirolina, xogos cooperativos e de habilidade, xogos de mesa, actividades de xeocaching no Parque de Galeras e un espazo de procura de tesouros.

No interior da Casa das Máquinas habilitarase tamén unha zona con máquinas recreativas retro e celebrarase a lectura do manifesto vinculado ao artigo 31 da Convención sobre os Dereitos da Infancia das Nacións Unidas, que recolle o dereito ao descanso, ao lecer e ao xogo.

A programación completarase cunha exhibición de artes urbanas e cunha actuación musical en directo a cargo de Joan Julien.

A técnica dos Centros Socioculturais Matilde Pérez explicou que o obxectivo é ofrecer unha proposta pensada para o desfrute compartido das familias e para fomentar o coñecemento de novas formas de xogar. Segundo indicou, preténdese aproveitar tamén os espazos públicos da cidade como escenarios de encontro e convivencia.

A MOCIDADE, ENTRE OS OBXECTIVOS DA INICIATIVA

Un dos aspectos nos que máis incidiu María Rozas foi a ampliación da proposta cara á adolescencia e a mocidade. A concelleira considerou que este grupo de idade adoita quedar fóra de moitas políticas públicas relacionadas co lecer.

“Son os grandes esquecidos nas políticas públicas”, afirmou, ao tempo que sinalou a necesidade de crear alternativas de ocio para este sector da poboación, especialmente nun contexto de preocupación polo uso intensivo das pantallas.

Pola súa parte, o técnico de Mocidade Manuel Fernández destacou a incorporación de xogos tradicionais e colaborativos pensados para persoas a partir dos 12 anos. O programa incluirá partidas de curta duración para facilitar a participación e permitir que os asistentes poidan probar diferentes propostas ao longo da tarde.

As actividades serán, en xeral, de acceso libre. Só algunhas das dinámicas poderán organizarse en función da participación para facilitar a distribución dos grupos e a rotación entre xogos.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Alcalá Norte actuará en Santiago o 6 de marzo de 2027 para presentar o seu segundo disco

A banda madrileña Alcalá Norte ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela o próximo...

O Concurso Fran Pérez Narf celebrará a súa final en Santiago co regreso aos escenarios dos Quinindiolas

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario este sábado, 24 de...

Troyanos de Compostela abrirá ao público o seu ensaio do luns no centro sociocultural do Romaño

A agrupación Troyanos de Compostela ofrecerá o próximo luns, 19 de outubro, un ensaio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here