O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou este xoves a nova edición do programa ‘Mañás de verán nos centros socioculturais’, unha proposta dirixida especialmente á infancia compostelá para ofrecer alternativas de lecer, convivencia e aprendizaxe durante o mes de xullo a través da rede municipal de centros.
Durante a presentación, na que tamén participou a técnica do departamento Mati Pérez, Duro destacou o papel dos centros socioculturais como espazos de referencia para moitas familias ao longo de todo o ano e especialmente durante as vacacións escolares, cando se converten en lugares de encontro para o xogo, a socialización e o acceso a actividades educativas.
A programación estrutúrase este ano en dúas modalidades diferenciadas. Por unha banda, repítense por segundo ano consecutivo as aulas de xogo matinais, que funcionarán de maneira gratuíta e sen necesidade de inscrición previa nos centros socioculturais de Santa Marta, Fontiñas, Vite, Conxo e O Castiñeiriño, en horario de 09:30 a 14:30. Esta iniciativa inclúe reforzo de persoal e unha programación adaptada ás características de cada barrio, aproveitando tanto os recursos propios dos centros como os espazos da contorna, como parques ou bibliotecas.
Segundo explicou Mati Pérez, estas aulas están concibidas como espazos flexibles que, coa chegada do bo tempo, permiten ampliar as actividades ao exterior e potenciar xogos cooperativos, tradicionais, deportivos e de movemento, favorecendo a convivencia entre rapaces e rapazas.
Por outra banda, o Concello desenvolverá tamén as chamadas ‘Cativadas de verán’, un programa con inscrición previa que se celebrará en once centros socioculturais tanto do ámbito urbano como rural, cun total de 234 prazas para menores de entre 5 e 12 anos.
No rural, as actividades chegarán á Gracia, A Lavacolla, Laraño e Nemenzo, con 20 prazas por centro, así como a Marrozos, Figueiras e Bando, con 30 prazas en cada caso. Na zona urbana, haberá oferta en Pontepedriña (25 prazas), Ensanche (19) e Romaño (20), con propostas organizadas arredor de temáticas específicas como o universo, a arte, o teatro, a danza ou o coñecemento doutras culturas.
A inscrición para este segundo programa abrirase o 11 de maio e permanecerá dispoñible ata o 20 de maio, mentres que a listaxe provisional de persoas admitidas publicarase posteriormente.
Duro fixo un chamamento ás familias compostelás para participar nestas iniciativas, que definiu como parte da aposta municipal por ofrecer un tempo de lecer “enriquecedor” para a infancia, combinando diversión, relación social e desenvolvemento persoal durante o período estival. O edil subliñou que a rede de centros socioculturais busca consolidarse tamén no verán como un recurso de apoio á conciliación e á vida comunitaria nos barrios e parroquias de Santiago.

