A compañía teatral Chévere presentará o vindeiro 20 de febreiro no Auditorio de Galicia a súa nova produción, Ictus (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao). O espectáculo permanecerá en cartel ata o día 22 e supón o arranque dunha xira que percorrerá distintas localidades galegas nas semanas posteriores.
A proposta escénica aborda como se constrúen as narrativas da memoria, tomando como eixo simbólico o cadro A derradeira leición do mestre, a última pintura asinada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao durante o exilio, cando xa sufría unha grave perda de visión. A partir desa peza, a obra propón unha reflexión sobre os mecanismos de transmisión do recordo e a súa reinterpretación no tempo.
O espectáculo está realizado en coprodución co Centro Dramático Nacional de Madrid e conta coa dirección de Xron. O elenco está integrado por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Marcos Pereira, Xema Santos e Borja Fernández. Segundo informou a compañía, as entradas para as funcións en Santiago xa están esgotadas.
Tras a estrea compostelá, Ictus poderá verse en Pontevedra (Auditorio Afundación, 27/02), Carballiño (Auditorio Municipal, 28/02), Vigo (Sala Ártika, 6, 7, 8, 13, 14, 15 e 16/03), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 20 e 21/03), Cangas (Auditorio Municipal, 11/04), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 16/04), Ourense (Teatro Principal, 17 e 18/04), Ames (Casa da Cultura de Bertamiráns, 8 e 9/05) e Narón (Pazo da Cultura, 17/05).
Ademais das funcións abertas ao público, o Auditorio de Galicia programará pases escolares os días 23 e 24 de febreiro, ampliando así o alcance educativo da proposta. A obra tamén está prevista para a súa exhibición en Madrid na próxima tempada, segundo avanzou a compañía.

