InicioCULTURAO coloquio de 'Ons' no cineclub do Ateneo afonda no illamento emocional...

O coloquio de ‘Ons’ no cineclub do Ateneo afonda no illamento emocional e na linguaxe cinematográfica da película

O director Alfonso Zarauza explicou tras a proxección en Santiago as claves narrativas, sonoras e simbólicas dun filme marcado pola illa, o clima e os silencios

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O cineclub do Ateneo de Santiago acolleu na tarde do martes a proxección da película Ons, seguida dun coloquio co seu director, Alfonso Zarauza, no marco do II Ciclo Cinema galego do século XXI. O encontro permitiu afondar nos elementos formais e simbólicos do filme, así como nas decisións creativas que marcaron unha das obras máis singulares da súa filmografía recente.

No inicio do debate, Zarauza definiu Ons como unha película de “rumeado lento”, afastada do efectismo, pensada para seguir operando no espectador máis alá da propia proxección. O director explicou que a illa é o eixo conceptual do filme, tanto desde o punto de vista narrativo como emocional. Segundo indicou, a idea de illa e de illamento foi a que fixo posible a propia película, ao servir como metáfora de personaxes incapaces de comunicarse plenamente e convertidos en “illas emocionais”. Esa concepción tradúcese nunha posta en escena baseada en planos secuencia estáticos, no xogo entre campo e fóra de campo e nunha narrativa que aposta polo implícito fronte ao explícito.

Un dos aspectos nos que máis insistiu Zarauza foi o traballo sonoro, construído practicamente sen música e sustentado nos sons naturais da illa, especialmente o do faro, asociado aos estados mentais do personaxe de Mariña. O director subliñou que se trata dunha película “escura e críptica”, distinta doutras obras súas, e lembrou que o seu percorrido estivo condicionado pola pandemia, ao quedar truncada a súa estrea internacional tras a cancelación do Festival de Cannes en 2020.

Durante o coloquio tamén se abordou o traballo actoral, con especial atención á interpretación de Melania Cruz, da que destacou a súa entrega e capacidade para expresar emocións a través do rostro e do corpo. Zarauza relatou as complexidades da rodaxe, condicionada polo clima, que obrigou a modificar continuamente o plan de traballo en función das previsións meteorolóxicas, unha esixencia que só foi posible, segundo sinalou, pola dispoñibilidade do elenco e do equipo técnico.

Outro dos temas centrais foi o carácter matérico e visual do filme, no que cores, texturas e espazos funcionan como elementos narrativos. O director explicou o control cromático da posta en escena, baseada maioritariamente en tons fríos, coa aparición puntual da cor vermella como elemento disruptivo, así como a progresiva integración do vestiario da protagonista co espazo doméstico para transmitir a súa absorción pola illa.

No debate saíron tamén á luz as referencias teóricas da película, como a idea de topografía sentimental, inspirada no pensamento do arquitecto Dimitris Pikionis, e a concepción da illa como entidade activa que inflúe nos personaxes. Nese sentido, varios asistentes destacaron o papel da propia Illa de Ons como un protagonista máis do relato.

O coloquio permitiu igualmente afondar no papel da personaxe da estranxeira, definida polo director como un elemento á vez realista e simbólico, detonante da aparición de conflitos latentes na parella protagonista. Zarauza insistiu en que moita da información da historia está presente de forma fragmentaria e implícita, convidando o espectador a reconstruír o relato máis alá dunha primeira visualización.

Finalmente, o director referiuse ao traballo lingüístico do filme, defendendo a diversidade de galegos presentes nos personaxes, adaptados á súa orixe e contexto, fronte a un uso uniforme da lingua. Segundo explicou, esta decisión responde á procura dunha maior verosimilitude tanto lingüística como social.

A sesión pechouse cun intercambio de reflexións sobre a capacidade do cinema para narrar a través da imaxe, do son e do movemento, unha liña creativa que Zarauza situou no centro do seu interese como cineasta e que marcou o coloquio celebrado no Ateneo de Santiago tras a proxección de Ons.

ÚLTIMAS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha manifestación pola atención á diversidade

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público...

O muro do antigo cemiterio de Bonaval derrúbase por acumulación de auga no terreo superior

Un treito do muro do antigo cemiterio de Bonaval, en Santiago de Compostela, veu...

A Policía Nacional instala unha carpa informativa exterior tras o incendio na comisaría

A Policía Nacional habilitará unha carpa no exterior da comisaría de Santiago de Compostela...

Augas de Galicia sanciona ao Concello de Santiago pola antiga depuradora de Sar

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da resolución emitida por Augas...

A XX edición de ‘Compostela Ilustrada’ desenvolve actividades gratuítas ata o 12 de marzo na sede de Afundación

A XX edición de ‘Compostela Ilustrada’ continúa en marcha ata o 12 de marzo...

Chévere estreará en Santiago a obra ‘Ictus’ sobre a memoria e Castelao

A compañía teatral Chévere presentará o vindeiro 20 de febreiro no Auditorio de Galicia...

O podcast ‘No es el fin del mundo’ aborda en Santiago a dimensión xeopolítica da física de partículas

O podcast ‘No es el fin del mundo’, un dos programas de divulgación máis...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here