O Auditorio Caja de Música de CentroCentro, en Madrid, acollerá mañá venres 12 de decembro ás 19:00 a entrega dos Premios Talento 2025 da Academia de Televisión e das Ciencias e as Artes do Audiovisual. Entre as persoas distinguidas atópase Ghaleb Jaber Ibrahim, fundador e presidente da produtora galega CTV, quen recibirá un recoñecemento que pon o foco na contribución profesional a un sector que evoluciona con rapidez e no que Galicia consolidou un lugar propio.
O homenaxeado agradece o premio e sitúa a distinción no camiño colectivo percorrido polo audiovisual galego desde a creación da Televisión de Galicia. Segundo explica, “os profesionais galegos, creativos e técnicos, traballaron incansablemente para exportar a capacidade produtiva de Galicia ao resto do mundo”, un proceso facilitado hoxe pola presenza das plataformas dixitais. Jaber destaca tamén a actitude pioneira de CTV, que naceu antes da TVG e contribuíu a dotar o novo medio dos recursos necesarios para iniciar emisións. A compañía foi, ademais, un dos piares no desenvolvemento do dobraxe ao galego, abrindo camiños que marcaron un avance notable para a lingua e a cultura.
A traxectoria da produtora está vencellada a numerosas primeiras experiencias en Galicia, desde a instalación da que se presentou como primeira antena parabólica do país no Hotel Araguaney de Santiago, ata a creación dalgúns dos formados máis recoñecidos da TVG ou a produción do primeiro thriller en galego distribuído internacionalmente en Netflix, O sabor das margaridas, dispoñible en máis de 190 países.
Xunto a Jaber, a Academia distingue profesionais de campos moi diversos do sector audiovisual: Gema R. Neira, Pere Vila, Esther González, Jorge Ventosa, Paloma Juanes, Lola Molina, Óscar Montesinos, Fernando Castelló, Idoia Bilbao, Juan de Dios Mellado e Pilar Cerisuelo.
UN EMPRESARIO LIGADO A COMPOSTELA E Á PROXECCIÓN CULTURAL DE GALICIA
Nado en Nablus (Palestina) en 1950 e establecido en Galicia desde os 17 anos, Ghaleb Jaber Ibrahim vinculou boa parte da súa actividade a Santiago de Compostela, onde se formou na USC e puxo en marcha proxectos empresariais, culturais e sociais. Preside desde 1984 o Grupo de Empresas Araguaney, ao que pertencen o hotel compostelán do mesmo nome e a produtora CTV, situada entre Teo e Santiago e con arredor dun cento de empregados.
No ámbito cultural destaca a creación, en 1984, da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, promotora de iniciativas de diálogo intercultural e impulsora do Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL. A entidade, membro da Alianza Mundial para a Diversidade Cultural da UNESCO desde 2008, desenvolveu unha intensa programación de actividades, exposicións e encontros durante décadas.
A súa traxectoria profesional complétase con estudos de dirección empresarial e un doutoramento en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, centrado na historia dos medios palestinos no século XX. É tamén autor de varias obras, entre elas Crónicas de una injusticia (2002), Génesis de Israel (2004) e Regalo de memoria (2011), libro no que recolle o seu propio percorrido vital.
CTV, CATRO DÉCADAS DE CREACIÓN E INNOVACIÓN DENDE GALICIA
Fundada en 1985, CTV converteuse nunha das produtoras de referencia do audiovisual español pola dimensión das súas instalacións, o seu equipo humano e a diversidade de producións desenvolvidas. A compañía lidera a creación de formatos de entretemento en Galicia e está detrás de programas e series que marcaron época na TVG, como Luar, Pratos Combinados, Land Rober Tunai Show, Libro de familia ou As aventuras de Minchi, así como de proxectos pioneiros en dobraxe.
A aposta pola internacionalización consolidouse coa chegada de títulos como O sabor das margaridas, Motel Valkirias ou Dalia, a modista, difundidos en plataformas e canles internacionais. A produtora acumula recoñecementos como o Premio Iris, varios Mestre Mateo e o Premio da Cultura Galega, ademais de asinar fitos como o primeiro concurso emitido pola TVG ou a primeira serie televisiva realizada en Galicia, Os outros feirantes.

