InicioCULTURAAcouga despídese do seu primeiro disco ‘Ámbar’ cun concerto especial no Riquela...

Acouga despídese do seu primeiro disco ‘Ámbar’ cun concerto especial no Riquela Club

A banda de Pazos de Borbén presenta o venres 21 en Santiago un directo cheo de colaboracións e emocións, co que poñen fin a unha etapa e abren outra nova

Publicado o

Xornal de Compostela

A sala Riquela Club de Compostela acollerá o venres 21 de novembro, a partir das 21:00, o concerto de despedida de Ámbar, o primeiro álbum da banda Acouga, natural de Pazos de Borbén. A apertura de portas será ás 20:30 e o grupo compostelán Battosai será o encargado de abrir a noite.

Formado por Gabri Fuentes (voz), Carlos de Castro (guitarra e voz), David Martiz (batería) e César Ríos Domínguez (baixo), o cuarteto leva en activo dende 2022 cun son que se move entre o posthardcore, o rock alternativo e o metal, con incursións melódicas que achegan tamén matices pop. “Non sabemos moi ben como definilo”, comentan entre risas.

O concerto terá un significado especial para a banda: será a presentación e, á vez, a despedida dun disco que non chegou a publicarse oficialmente. “Por cousas da vida non deu saído como esperabamos. En dous anos non demos publicado o disco, así que decidimos facer deste concerto un punto e aparte, pasar páxina e abrir unha nova etapa facendo o que máis nos gusta: tocar en directo”, explican.

Nos últimos anos, Acouga compartiu varios adiantos, como ‘Arde’, o seu tema con Nuno Pico (Grande Amore), que os situou como finalistas nos Premios Martín Códax da Música 2025 na categoría de Metal.

O grupo promete un concerto inmersivo e visceral, no que mesturarán enerxía e sensibilidade. “Incorporamos sons ambientais e buscamos fiar máis os temas, ofrecer unha experiencia máis completa”, apunta Carlos. Gabri engade que “os concertos non poden ser recitais; teñen que ser experiencias que paguen a pena, momentos que o público lembre, mesmo se non coñece a banda ou o xénero”.

O escenario do Riquela Club contará con colaboracións especiais de Gonzalo Grela (Machina, Broa), Mauro Gómez (Deleiba), Martín Gómez (Musgo 981) e as voces de Noemia Veiga e Marta Cons, tamén presentes no disco.

O álbum que agora se despide é un proxecto conceptual sobre a nostalxia, dividido en dúas metades simétricas de tres cancións, separadas polo interludio instrumental Cénit. A obra percorre un arco temporal que vai do amencer á noite, evocando o paso das emocións desde o descubrimento ata a perda.

Os primeiros temas —’Un novo día’, ‘Deflagración’ e ‘Corta o baleiro’— reflicten a ilusión e a aprendizaxe ante a dor. Despois, Cénit marca o punto de inflexión antes da segunda parte, encabezada por ‘Salitre’, onde o ámbar se presenta como metáfora do tempo e da memoria. “É un anaco de pasado que permanece intacto co paso do tempo; quente e luminoso como os recordos”, explica Gabri.

O disco culmina con ‘Turra de min’, a peza máis contundente, e ‘Arde’, que pecha o ciclo queimando o pasado para dar comezo “a un novo día”.

ÚLTIMAS

O estudantado da USC convoca folga o 28 de abril para reclamar melloras no ensino público

O movemento estudantil da Universidade de Santiago de Compostela anunciou a convocatoria dunha folga...

O Concello inicia obras de rehabilitación de firmes en Santiago con actuacións no rural e na cidade

O Concello de Santiago vén de poñer en marcha unha nova fase de actuacións...

Mercedes Rosón levará ao Pleno a situación do treito final da rúa dos Forniños pola falta de claridade sobre a súa titularidade

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón anunciou que trasladará ao vindeiro Pleno municipal a...

Veciños de Cacheiras saen á rúa contra a planta de residuos e alertan do perigo do tráfico pesado

Decenas de veciños participaron este sábado na andaina reivindicativa convocada pola Plataforma STOP Planta...

Mondra actuará na Praza da Quintana polo día grande da Ascensión

O artista compostelán Mondra será un dos protagonistas das vindeiras Festas da Ascensión cun...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Senra acollerá o I Albaroque o 16 de maio cunha xornada de música tradicional e gastronomía popular

O lugar de Senra, no concello de Oroso, converterase o vindeiro 16 de maio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here