InicioCULTURACompostela Cultura pecha 2025 con dous concertos de aniversario no Auditorio de...

Compostela Cultura pecha 2025 con dous concertos de aniversario no Auditorio de Galicia

Sumrrá celebra os 25 anos con novo disco o 29 de novembro ás 20:30 e De Vacas conmemora os 10 anos o 28 de decembro ás 20:30 cunha 'Vacanal sinfónica'

Publicado o

Xornal de Compostela

A concellaría de Capital Cultural presentou as dúas últimas grandes citas de Compostela Cultura para este ano: Sumrrá despedirá a súa xira de 25º aniversario no Auditorio de Galicia o 29 de novembro ás 20:30, mentres que De Vacas celebrará dez anos de traxectoria no mesmo escenario o 28 de decembro ás 20:30 cun novo formato sinfónico. As entradas para ambos espectáculos están dispoñibles desde hoxe ás 12:00 na web de Compostela Cultura e na Zona C; se quedasen localidades, haberá venda no propio Auditorio o día de cada concerto.

A concelleira Míriam Louzao enmarcou os dous eventos no apoio municipal a proxectos creados en Santiago e consolidados no tempo. “Responden ao compromiso deste concello de acompañar e recoñecer proxectos que naceron na cidade, medraron co apoio do público galego e se fixeron referentes tamén fóra do país”, sinalou. Louzao destacou tamén o efecto de proxección cultural: “Queremos amosar esa Compostela sonora e diversa ás persoas que nos visitan, máis alá dos tópicos”.

No caso de Sumrrá, o trío formado por Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e L.A.R. Legido porá o ramo a un cuarto de século de actividade coa presentación de Sumrrá Revolution, o seu oitavo disco. Será o derradeiro concerto da xira de aniversario. Ao longo da súa traxectoria, o grupo levou o jazz compostelán a festivais e escenarios de Canadá, Corea, Sudáfrica, México, Brasil, China ou Portugal. “Quixemos facer un disco que, a nivel compositivo e de posta en escena, é unha revolución para nós“, avanzou Xacobe Martínez Antelo, engadindo que a estrea en directo das novas pezas en Compostela constitúe “o primeiro ritual co público” deste traballo.

Un mes despois, De Vacas subirá ao Auditorio cunha proposta de carácter celebrativo: ‘Vacanal sinfónica’. As cantantes Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e o guitarrista Guillerme Fernández revisarán os grandes éxitos do grupo nun formato ampliado con coro e conxunto de cámara (cordas e ventos), con arranxos de Luca Rey e dirección de Ramón Bermejo. No elenco instrumental figuran, entre outras e outros, Helena Vázquez, Carmen Gallego, María José Pámpano, Macarena Montesinos, Benxamín Otero, Pablo Pascual, Claudia Carballo e Roberto Rama. “Acostumadas a un formato espido —tres voces e unha guitarra—, o 10º aniversario pedía vestir a escena e elevar o repertorio a un carácter sinfónico, cunha fantasía moi propia do universo do grupo”, explicou Paula Romero. A produción artística complétase co traballo escénico e de iluminación de Dúas e Punto (María e Carmen).

Durante a rolda, a xestora e violinista María José Pámpano subliñou o valor das dúas traxectorias para o ecosistema cultural local: “Son propostas de carreira de fondo que tecen un escenario profesional sólido do que Compostela pode estar orgullosa”. A organización confirmou que De Vacas contará con convidadas e convidados sorpresa, mentres que Sumrrá presentará unha posta en escena sobria deseñada xunto a Laura Iturralde, afastándose do patrón habitual de trío en concerto.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Ghaleb Jaber pronunciará o pregón das festas do Apóstolo

Ghaleb Jaber Ibrahim será o encargado de pronunciar o pregón das festas do Apóstolo,...

Bala leva o seu rock ao ciclo Atardecer no Gaiás este xoves

O ciclo Atardecer no Gaiás encara os seus últimos concertos do mes de xullo coa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here