InicioCULTURAA Praza de Abastos celebra os seus 80 anos reivindicando o seu...

A Praza de Abastos celebra os seus 80 anos reivindicando o seu papel como motor da alimentación de proximidade

O Concello homenaxeou ás persoas praceiras máis veteranas e inaugurou unha exposición fotográfica en Mazarelos dentro da campaña ‘80 anos alimentando Compostela’

Publicado o

Xornal de Compostela

O edificio da Praza de Abastos converteuse esta mañá no epicentro da celebración dos 80 anos da súa inauguración, cun acto central no que participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mercados, Xan Duro, membros da Corporación municipal, a xerenta da Praza, Marta Rey, e Joaquín Vaquero Ibáñez, neto do arquitecto que deseñou o edificio, Joaquín Vaquero Palacios. Como fixera no acto de 1944, a Banda Municipal de Música puxo o acompañamento sonoro da conmemoración.

Durante o evento, o Concello recoñeceu a traxectoria das persoas praceiras máis veteranas: María del Carmen Aldrey Piñeiro, de Peixes Maricarmen; Antonio José González Álvarez, da Chacinería Seco; e María del Carmen Rarís García, da terceira xeración de pementeiros da súa familia. “As persoas que levan sostendo o mercado ao longo de tantos anos son as verdadeiras protagonistas deste acto”, sinalou Xan Duro, quen defendeu “o papel da Praza como centro de alimentación de proximidade e eixo do Pacto Alimentario de Milán, comprometido coa creación de sistemas agroalimentarios sostibles, inclusivos e diversificados”.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín describiu a Praza como “un monumento dentro dun monumento, un mundo dentro dun mundo, unha cidade con vida propia no corazón da nosa cidade”. A rexedora destacou o seu valor como espazo de memoria colectiva, económico e social, e como símbolo do comercio local e da sustentabilidade. “A Praza é, indubidabelmente, a súa xente, as persoas que cada día abren os seus postos e manteñen vivo este corazón da cidade”, engadiu.

A alcaldesa tivo tamén palabras de lembranza para Antonio Costa, da carnicería Chelo & Muñico, vítima dunha agresión hai case un ano, e para Lolo Fernández, da Cortadoría Fina, así como para outras persoas da Praza xa falecidas.

A xornada incluíu tamén a inauguración dunha exposición fotográfica na praza de Mazarelos, comisariada por Ruth Varela, que repasa en imaxes a historia do mercado entre 1935 e 1975. A mostra reúne fondos de institucións como a Filmoteca de Galicia, o Consorcio de Santiago e o Fondo Sánchez Estalote, e poderá visitarse ata o 27 de outubro, antes de trasladarse á Praza Roxa.

Dentro da campaña ‘80 anos alimentando Compostela’, o Concello desenvolverá diferentes accións de promoción e educación alimentaria. O departamento de Mocidade levará os cursos de cociña do Centro Xove á Praza de Abastos, co obxectivo de achegar o mercado á mocidade e fomentar hábitos de consumo responsable e sostible. As sesións terán lugar o 17 de novembro e os días 8, 15, 22 e 29 de decembro, en horario de 18:00 a 21:00, con inscrición previa en info@centroxove.com.

Tamén se distribuirán bolsas de malla e friameiras reutilizables entre a clientela, a cambio de tíckets de compra de 15 e 25 euros, e presentaranse nas próximas semanas vídeos divulgativos e a imaxe da campaña, creada pola artista Lidia Cao, quen se inspirou nunha fotografía das irmás Maruxa e Coralia na Praza para unir tradición e modernidade.

Finalmente, o departamento de Mercados prepara para xaneiro unha xornada técnica coa participación de entidades como a FAO, Justicia Alimentaria, o Observatorio do Dereito á Alimentación, as universidades galegas e a Rede de municipios pola agroecoloxía, co obxectivo de fortalecer a rede local de apoio á Praza de Abastos e aos sistemas alimentarios de proximidade.

ÚLTIMAS

O estudantado da USC convoca folga o 28 de abril para reclamar melloras no ensino público

O movemento estudantil da Universidade de Santiago de Compostela anunciou a convocatoria dunha folga...

O Concello inicia obras de rehabilitación de firmes en Santiago con actuacións no rural e na cidade

O Concello de Santiago vén de poñer en marcha unha nova fase de actuacións...

Mercedes Rosón levará ao Pleno a situación do treito final da rúa dos Forniños pola falta de claridade sobre a súa titularidade

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón anunciou que trasladará ao vindeiro Pleno municipal a...

Veciños de Cacheiras saen á rúa contra a planta de residuos e alertan do perigo do tráfico pesado

Decenas de veciños participaron este sábado na andaina reivindicativa convocada pola Plataforma STOP Planta...

Mondra actuará na Praza da Quintana polo día grande da Ascensión

O artista compostelán Mondra será un dos protagonistas das vindeiras Festas da Ascensión cun...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Senra acollerá o I Albaroque o 16 de maio cunha xornada de música tradicional e gastronomía popular

O lugar de Senra, no concello de Oroso, converterase o vindeiro 16 de maio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here