InicioCULTURAO Festival Ateneo Barroco regresa en outubro con seis concertos e actividades...

O Festival Ateneo Barroco regresa en outubro con seis concertos e actividades arredor da música antiga

A VII edición, baixo o lema 'Instrumental #1', celebrarase en Santiago entre o 8 e o 22 de outubro con prezos accesibles e unha colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián

Publicado o

Xornal de Compostela

O Ateneo de Santiago presentou este xoves a VII edición do Festival Ateneo Barroco, que se desenvolverá na cidade entre o 8 e o 22 de outubro de 2025. O programa, agrupado baixo o título Instrumental #1, inclúe seis concertos e unha oferta de actividades complementarias arredor da música antiga.

O presidente do Ateneo, Francisco Candela, subliñou o “esforzo organizativo importante” que supón para a entidade manter este evento, mais insistiu en que se fai porque “prestixia a cidade de Santiago, complementa a súa imaxe como cidade barroca e permite poñer á disposición dos cidadáns unha alternativa musical distinta”. Engadiu que por primeira vez existe un convenio de colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián e destacou “a facilidade para participar neste Festival por parte dos cidadáns, con prezos moi asequibles porque queremos chegar a todo o público”.

As entradas e abonos xa están dispoñibles na web oficial do festival (www.festivalateneobarroco.gal). O abono para os seis concertos custa 35 euros (25 euros para menores de 30 con Carné Xove e socios do Ateneo). As entradas individuais teñen un prezo de 10 euros, cunha tarifa reducida de 8 euros.

O director artístico, José Víctor Carou, explicou que esta edición marca o inicio dun proxecto artístico bianual: “Baixo o título Instrumental queremos resaltar o papel fundamental que os instrumentos teñen desempeñado neste repertorio”. Entre as novidades destacou a presenza da musette, instrumento da familia das gaitas que gozou de gran difusión nos séculos XVII e XVIII e que será interpretado pola galega Nadia Vázquez.

O programa comezará o 8 de outubro no Teatro Principal coa Camerata Boccherini, liderada por Massimo Spadano e Paolo Grazzi, cun repertorio de sonatas e triosonatas do Barroco tardío. O 10 de outubro, tamén no Principal, actuará Ars Atlántica con Nadia Vázquez (musette), Anna Margules (frautas de pico), Calia Álvarez (viola da gamba) e Manuel Vilas (arpa de dúas ordens), cun repertorio de danzas francesas na España barroca.

O 14 de outubro, o Salón Teatro acollerá o concerto do clavecinista Kenneth Weiss, cunha homenaxe a Wanda Landowska. O 17 de outubro, a Igrexa da Universidade será escenario das Lamentacións de Delalande a cargo de María Espada e o Collegium Musicum Madrid. O 21, a Capela Compostelana ofrecerá Les Charmantes Invasions, centrado na influencia francesa, e o festival pechará o 22 de outubro no Paraninfo da Universidade con Ars Lachrimae, concerto de laúde a cargo de Enrike Solinis.

A programación complétase con actividades paralelas: unha conferencia de Beatriz Cancela, a proxección do documental The Quest for Tonewood, un club de lectura con obras de Harriet Constable e Helena Attlee, encontros cos artistas e o concerto de improvisación Fractais Sonoros do pianista Alejandro Vargas no Hostal dos Reis Católicos.

ÚLTIMAS

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

Santiago abre o ciclo ‘Malestares’ para abordar os medos e incertezas da mocidade

A Concellería de Xuventude de Santiago e a Asociación Mulleres Andaina impulsan durante este...

Santiago coloca unha placa na casa natal de Alfredo Vicenti tras as peticións do Ateneo

O Concello de Santiago colocou este sábado unha placa conmemorativa na casa natal do...

A Banda Municipal de Santiago une música e ilustración nunha tempada con Kiko da Silva como colaborador

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dedicará a súa tempada 2026-2027...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here