InicioCULTURAO Outono das Artes arrinca en Compostela cun concerto de De Ninghures...

O Outono das Artes arrinca en Compostela cun concerto de De Ninghures en Conxo

A alcaldesa Goretti Sanmartín e a deputada provincial Natividade González presentaron un ciclo que busca descentralizar a oferta cultural e levar música, teatro, danza e cinema a toda a provincia

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Deputación da Coruña deu a coñecer hoxe en Santiago a programación do Outono das Artes, un ciclo que se estenderá de setembro a decembro e que levará preto de cen propostas culturais a concellos de toda a provincia. A presentación contou coa deputada de Cultura, Natividade González, e coa alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, ademais das compañías e artistas participantes.

González subliñou que a iniciativa busca “reforzar o compromiso coa cultura como un dereito” e chegar “a todas as persoas, sen importar o tamaño dos concellos”. O programa inclúe 33 concertos, 31 representacións teatrais, 8 espectáculos de danza e 26 proxeccións audiovisuais, cunha oferta diversa pensada para diferentes públicos.

En Compostela, a primeira cita será o sábado 6 de setembro ás 21:00 no Campo de Conxo, cun concerto do grupo De Ninghures, que tamén servirá de peche ás conmemoracións polo centenario da anexión do antigo concello de Conxo a Santiago. Sanmartín destacou que o outono é “un momento de efervescencia cultural” na cidade, no que “o regreso do estudantado e o reencontro da veciñanza converten Compostela nun espazo especialmente vivo”.

A alcaldesa sinalou tamén a importancia da descentralización: “Non sempre pedimos que veñan a Compostela para ver espectáculos, senón que tamén queremos animar a que se acuda a outras vilas e que haxa vida nos barrios”. O propio concerto inaugural en Conxo responde a esa idea de levar cultura a diferentes espazos da cidade.

No acto interviñeron tamén representantes das compañías participantes. Arraianos Producións presentou un documental arredor da figura de Prisciliano; Producións Excéntricas anunciou a xira da obra Desterradas, dirixida por Kiko Cadaval; o Memorial Mireia Dieste avanzou catro concertos centrados en compositoras galegas para piano; Morra o Conto expuxo a peza Tromsø, unha viaxe escénica “en clave de humor sobre a perda”, e o Laboratorio Escénico anunciou o espectáculo Blues de Medianoite.

Tamén participaron Os Náufragos Teatro, que levarán ás táboas Bulebule, unha obra infantil sobre a muller no mar e o TDAH; Pérez & Fernández, con Nanai da China, recoñecida nos premios María Casares; a asociación Donaire, que celebra o seu 25 aniversario con música e baile tradicional, e a cantante Uxía, que continuará a súa xira Será por flores, unha retrospectiva polos seus 40 anos de carreira.

A programación completa do ciclo pode consultarse nas canles da Deputación da Coruña e inclúe citas en Santiago, Ferrol, Ribeira, Negreira, Betanzos, Muros, Teo, Oroso e outros puntos da provincia. O obxectivo, segundo a deputada González, é “facer da cultura unha ferramenta de cohesión social, de participación cidadá e de orgullo do noso patrimonio artístico”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here