InicioCULTURA'Modo galego, actívao!', recoñecido co Premio Mil Primaveras polo seu labor nos...

‘Modo galego, actívao!’, recoñecido co Premio Mil Primaveras polo seu labor nos centros educativos de Ames

O proxecto, impulsado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, foi distinguido xunto a outras tres iniciativas pola súa contribución á promoción do galego entre a infancia e a mocidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O proxecto ‘Modo galego, actívao!’, desenvolvido desde 2021 polo Concello de Ames, a Real Academia Galega (RAG) e os once centros educativos públicos do municipio, vén de ser recoñecido cun dos Premios Mil Primaveras 2024, entregados esta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra. Estes galardóns, impulsados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), recoñecen propostas que promoven o uso do galego e o asocian a valores positivos, en especial entre a mocidade.

A iniciativa amesá destaca pola súa abordaxe colaborativa, que involucrou a máis de 3.000 alumnos e alumnas, arredor de 200 docentes, 150 monitores/as e as ANPAS dos centros, co obxectivo de activar o uso do galego en contextos formais e non formais, e facer das escolas espazos seguros para a súa utilización. Os centros participantes abranguen todas as etapas educativas previas á universidade, desde escolas infantís ata institutos.

Na entrega dos premios tamén foron recoñecidas as propostas ‘Galego para peques’ (unha canle de vídeos animados para a primeira infancia), ‘Brazolinda’ (empresa que crea xogos de mesa en galego) e ‘Vitamina G’ (proxecto do CEIP Sagrada Familia da Coruña centrado na cohesión a través da lingua). A gala contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello da cidade, e foi presentada pola narradora e actriz Atenea García.

En representación do Concello de Ames acudiron o alcalde Blas García e a concelleira de Educación, Carmen Porto, mentres que pola Real Academia Galega participou o seu presidente, Henrique Monteagudo, xunto a membros do Seminario de Sociolingüística da institución.

Durante a súa intervención, García subliñou que “o galego é un nexo de unión que debemos seguir impulsando desde todas as administracións”, e mostrou o seu desexo de que a colaboración coa RAG “se prolongue no tempo e sirva de exemplo para outros concellos”. Monteagudo, pola súa banda, valorou positivamente a elección de Ames, tanto polo seu compromiso lingüístico como pola súa diversidade sociolingüística, e reafirmou a vontade da Academia de continuar a traballar conxuntamente na ampliación do proxecto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, mais procuran dar visibilidade e difusión aos proxectos seleccionados, que se poden consultar detalladamente na web milprimaveras.gal. A través deste recoñecemento simbólico, que inclúe un trofeo artístico elaborado polo obradoiro Coas Mans Artesanía, a CTNL procura poñer en valor o labor de normalización lingüística e ofrecer modelos replicables a outras entidades, centros e colectivos que traballan na promoción da lingua galega.

Con esta sexta edición, suman xa 32 os proxectos premiados desde a creación dos Mil Primaveras en 2019, consolidando esta iniciativa como referente no recoñecemento de boas prácticas en dinamización lingüística en Galicia.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Santiago abre o ciclo ‘Malestares’ para abordar os medos e incertezas da mocidade

A Concellería de Xuventude de Santiago e a Asociación Mulleres Andaina impulsan durante este...

Santiago coloca unha placa na casa natal de Alfredo Vicenti tras as peticións do Ateneo

O Concello de Santiago colocou este sábado unha placa conmemorativa na casa natal do...

A Banda Municipal de Santiago une música e ilustración nunha tempada con Kiko da Silva como colaborador

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dedicará a súa tempada 2026-2027...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here