Toma forma a primeira Romaría das Flores con música, gastronomía e actividades infantís en Belvís

Uxía Lambona, The Peawees e De Ninghures protagonizan unha xornada con oito horas de concertos

0
150
Parque de Belvís - David Gómez Pérez - Xornal de Compostela

O Parque de Belvís será este sábado o escenario da primeira edición da Romaría das Flores, unha nova celebración impulsada polo Concello de Santiago que combina concertos, gastronomía e actividades para público infantil. A xornada arrancará ás 13:00 horas e prolongarase até a noite, cun cartel que mestura sons galegos emerxentes, propostas internacionais e espazos pensados para desfrutar en familia.

O evento servirá de presentación en directo da banda compostelá Ulex, gañadora do certame de Novos Valores do Festigal. O grupo abrirá o escenario principal co seu primeiro disco, Lonxe de ti, definido polos seus autores como ‘rock atolondrado con aires cumbieiros’. Seguiralles Tona, proxecto que mestura acordeón e trikititxa con batería e baixo, e que conta coa voz do ex-Terbutalina Miguel Cernadas, quen lle dá forma á autodenominada ‘música da ribeira’.

Pola tarde, o flamenco electrónico de Yeli Yeli traerá ritmos do sur peninsular á capital galega, combinando kuduro con tradición andaluza. De seguida chegarán De Ninghures, finalistas nos Premios Martín Códax e unha das formacións máis activas da nova escena folk galega. Presentarán o seu espectáculo Feira, co que veñen de xirar por distintas localidades galegas.

A parte final da programación contará con dúas bandas europeas: as francesas Alvilda, cunha proposta de power pop con toques yeyé, e os italianos The Peawees, un cuarteto con dúas décadas de traxectoria no garage rock. O broche musical poñerao a picadiscos Wanda Buluba, que manterá o ambiente festivo até a noite.

Ademais dos concertos, o evento contará cunha zona gastronómica con presenza de negocios locais, como Chicha Lovers e O Bochínche. Entre actuacións, a música seguirá da man dos DJ’s Saibran e Chicho Selektor, que amenizarán os cambios de escenario ao longo do día.

O público familiar tamén terá o seu espazo durante toda a xornada. De 14:00 a 18:00 horas estará aberta a área infantil con obradoiros e xogos a cargo de Xogos Miudiño, e ás 15:30 celebrarase un concerto da banda Uxía Lambona e a Banda Molona, unha das propostas máis recoñecidas da música infantil galega.

A Romaría das Flores está organizada polo Concello de Santiago, co apoio de Tremendo Audiovisual, e conta co patrocinio de Deleite, Estrella Galicia, Bodegas Lodeiros e Paco & Lola. Con esta nova cita, o parque de Belvís reforza o seu papel como espazo de encontro para actividades culturais e festivas na cidade.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here