O Teatro Principal de Santiago de Compostela converteuse este martes, 10 de decembro de 2024, no epicentro do Novo Circo Galego coa celebración da primeira edición dos Premios Manu Lago, organizados pola Asociación Profesional de Circo de Galicia (APCG). Estes galardóns, ademais de recoñecer o talento e a creatividade das artistas e compañías galegas, renden tributo a Manuel Lago García, coñecido como Manu Lago ou Manu Malabaranda, figura imprescindible do circo en Galicia, falecido en 2018.
O LEGADO DE MANU LAGO PROTAGONIZA O COMEZO DA GALA
A gala, bautizada como Circo de Inverno, foi conducida por Malala Ricoy, presidenta da APCG, e Iván Casanova, tesoureiro da asociación. Tras agradecer á comunidade circense o seu esforzo e paixón, os presentadores recordaron os inicios da APCG en 2011, destacando que a asociación foi fundada o 11 de novembro dese ano, ‘ás 11 da mañá, como bos circenses’. Tamén introducíronse vídeos homenaxe a Manu Lago, presentado como ‘malabarista, pallaso e compañeiro eterno’.
O evento contou con momentos artísticos especiais, como un breve número titulado Malabaranda, que incluíu imaxes do espectáculo orixinal de Manu Lago, creado nos anos 90 xunto a Jorge, Pablo e Arturo, e que marcou unha época no circo galego.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, tomou a palabra para subliñar o significado destes premios: ‘Hoxe celebramos o talento e tamén o legado de Manu Lago cun premio que leva o seu nome. Agardo que sexa a primeira gala de moitas, reforzando o circo como parte da nosa identidade cultural’. Pola súa parte, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, cualificou a xornada como ‘un antes e un despois para o sector do circo en Galicia’. Tamén destacou a capacidade do circo para romper fronteiras e fixo un chamamento a programar máis espectáculos de circo en teatros galegos.
ESPECTÁCULOS EN DIRECTO E PREMIOS
O primeiro premio da noite foi o Manu ao Mellor Espectáculo de Rúa. Antes da entrega, as tres producións finalistas ofreceron unha breve mostra dos seus traballos, permitindo ao público gozar de pequenas representacións en directo. Así, Marta Sempre Arriba presentou Hoxe Sí, un espectáculo de acrobacias aéreas de gran intensidade; Alfredo Pérez Muíño, con Circanelo, combinou mimo, humor e teatralidade facendo uso do peculiar ‘swazzle’ ou ‘pito de mimo’; e Natalia Outeiro “Pajarito”, con A Vida Tola, fixo unha demostración de escapismo clown implicando voluntarios do público.

A entrega foi realizada por Álvaro Revoredo ‘Fiti’ e Bea ‘Sin Triz’, quen sorprenderon ao público cunha breve actuación acrobática antes de anunciar o gañador, que foi finalmente para Circanelo.
Na categoría de Mellor Espectáculo de Sala, tamén se ofreceron representacións dos finalistas. SÓ, de Xampatito Pato, destacou polo seu malabarismo de caixas, desafiando a gravidade; Solo, de Roi Borrallas, combinou espuma e música para explorar emocións; mentres que Orquestra Malabares, de Pista Catro, impresionou co seu sincronismo entre malabares e música en directo. O premio foi entregado por Miriam Crespo e Dani Blanco, exintegrantes da asociación Malandraxe, e recaeu na Orquestra Malabares, que dedicou o recoñecemento á súa xestora, Belén Brandido.

REIVINDICACIÓNS E COMPROMISO INSTITUCIONAL
O presidente da APCG, Isaac Rodríguez, máis coñecido como o clown Peter Punk, deu un descurso no que agradeceu a colaboración de institucións como a AGADIC e a Deputación da Coruña, e recordou a precariedade do sector circense. ‘O circo é converter o imposible en posible, pero vivimos na incerteza’, afirmou, solicitando a inclusión do circo no Estatuto do Artista.
No tramo final da gala, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, comprometeuse a apoiar o circo como parte esencial da vida cultural da cidade, anunciando que o Concello de Santiago pasará a ser socio da APCG. ‘Santiago é un núcleo de talento circense, e como cidade patrimonio da humanidade, queremos que as artistas tamén sexan recoñecidas como patrimonio cultural’, declarou.
UNHA GALA PARA LEMBRAR
A gala concluíu coa intervención de Antón Coucheiro, creador e clown, quen actuou como voz en off ao longo do evento. Tras sacar unha foto grupal dos artistas e do público, a celebración pechouse coa frase ‘O circo vive, a loita segue’, repetida a coro por todos os asistentes.
Esta primeira gala de premios Novo Circo Galego non só homenaxeou o legado de Manu Lago, senón que tamén marca un antes e un despois para os artistas do Novo Circo, consolidando o recoñecemento institucional e social desta arte como un piar clave da identidade cultural de Galicia. Ademais, tamén simboliza un momento de transformación para o sector, destacando o talento e reforzando a esperanza nunha traxectoria máis sólida e recoñecida.
