InicioECONOMÍAUn estudo da USC revela que máis da metade das mulleres empresarias...

Un estudo da USC revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral

A investigación constata unha alta prevalencia da síndrome de burnout e outros trastornos do ánimo

Publicado o

Xornal de Compostela

Un estudo desenvolvido pola investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC Susana Martínez Rodríguez e o profesor da Universidade de Granada Manuel Ruiz Adame revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral, constatándose unha alta prevalencia da síndrome de burnout ou traballadoras queimadas e outros trastornos do ánimo.

O traballo parte dunha enquisa realizada a 199 mulleres en postos de liderado, co obxectivo de obter datos sobre o estado de ánimo das empresarias e directivas en Galicia e a influencia deste no seu desempeño profesional. A media de idade das participantes é de 47,01 anos, casada no 52,6% dos casos, e cunha media de 1,20 fillos. Son mulleres con ampla experiencia laboral e cun alto nivel de formación: a media no mercado laboral é de 19,57 anos e con 9,91 anos no posto actual (empresaria ou directiva). Un 82,41% conta con formación universitaria.

Entre os principais achados, destaca que máis do 50% das enquisadas reportan síntomas de esgotamento emocional, despersonalización e baixa realización persoal, xunto coa percepción de risco para a saúde vencellada ao traballo. Isto ten un impacto claro na produtividade, de xeito que un 53,54% das empresarias e directivas non alcanza o rendemento laboral esperado, cunha redución media do 26,44%.

Como factores de risco que explican a alta prevalencia da síndrome de burnout, o estudo sinala a falta de conciliación entre vida laboral e persoal e a carencia de recursos adecuados. Descóbrese ademais a importancia dos trastornos do ánimo no desempeño da actividade laboral: a enquisa amosou unha alta frecuencia de ansiedade e dificultades no sono, que impactan na concentración e na toma de decisións.

Entre os signos de tipo ansioso, predominan nas mulleres enquisadas as dificultades para relaxarse, sentirse preocupadas e excitadas; estes signos están presentes en máis do 70% da mostra, ademais das alteracións do sono. Entre os signos de tipo depresivo son frecuentes os relativos á percepción de pouca enerxía, todos eles vinculados coa diminución de produtividade.

Como contrapeso a eses factores de risco, a enquisa mostrou a importancia da resiliencia, pois a pesar dos desafíos, as enquisadas amosan unha alta capacidade de adaptación e recuperación fronte a situacións adversas e un compromiso firme coa súa contorna laboral, aínda que descoidan as súas necesidades persoais.

Susana Martínez, quen ademais de investigadora do IDEGA é catedrática da Universidade de Murcia, considera que esta investigación “subliña a urxente necesidade de abordar o burnout e os trastornos do ánimo nas mulleres líderes de Galicia para fomentar unha contorna laboral máis saudable e produtiva, unha peza clave do armazón empresarial”. A profesora Martínez atópase no IDEGA da USC como beneficiaria do Programa para a Recualificación do Sistema Universitario Español.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here