InicioMOV. SOCIAISEstudantes da acampada pro Palestina de Santiago acusan á USC de manter...

Estudantes da acampada pro Palestina de Santiago acusan á USC de manter a condena ao “xenocidio” no plano “simbólico”

E de non dar pasos cara á ruptura de relacións con entidades e empresas que apoian "o sionismo"

Publicado o

Xornal de Compostela

A acampada pro Palestina que desde hai case un mes permanece na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago volveu a acusar á directiva da USC de manter a súa condena ao “xenocidio” do pobo palestino por parte do Estado de Israel no plano “simbólico” e non dar pasos cara á ruptura de relacións con entidades e empresas que apoian “o sionismo”.

A asemblea da acampada celebrou na mañá deste venres unha nova rolda de prensa na entrada da facultade compostelá para trasladar o resultado da reunión mantida o pasado mércores co equipo directivo da USC, á que finalmente non acudiu o reitor, Antonio López.

Os estudantes lamentaron a ausencia do reitor, representado no encontro polo xerente da institución académica, Javier Ferreira, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o seu xefe de gabinete, Carlos Toural.

Acusan ao primeiro de manter un “ton paternalista e misóxino” con intentos por “hexemonizar o discurso” durante a reunión, á que os acampados acudiron para “esixir” a asunción por parte da USC dun documento con 17 medidas encamiñadas a “romper” coa súa relación con entidades que respaladan “o estado sionista” e a manifestar un compromiso “real” coa causa do pobo palestino.

Critican a negativa a cumprir esta demanda e tamén a impedir a súa asistencia ao consello de goberno da USC deste luns “baixo o argumento de que só aceptarían como interlocutores válidos a persoas que o equipo directivo considere técnicas especializadas na cuestión palestina”.

Para a asemblea de estudantes, o “obxectivo desta táctica discursiva é desestimar calquera medida que transcenda do simbólico e supoña unha desvinculación real das entidades sionistas” por parte da USC, á que acusan de manter un compromiso “retórico” coa causa palestina, como, ao seu xuízo, evidencia a negativa a exhibir nas facultades “simboloxía palestina”.

Sobre esta reclamación plasmada no documento de 17 medidas defendidas pola asemblea, afirman que a directiva da USC trasladoulles que facelo sería converter os espazos da universidade en “unha ensalada de bandeiras” e “situaría ideológicamente” á institución, algo que consideran que “xa fai” con “a súa colaboración” con entidades israelís.

Saúdan a reunión prevista para este venres do equipo reitor coa Asociación Galaico-Árabe Jenin e avisan que “non” cederán na loita “ata que a USC asuma todas” as súas reivindicacións, que teñen “un obxectivo claro: esixir a liberdade do pobo palestino desde o río ata o mar”.

“PERSECUCIÓN POLICIAL”

Ademais, os acampados tamén denuncian que as forzas da orde están a someter a unha “persecución policial” ás que persoas que participan no peche de Historia, con “fotografías” e “seguimentos” fóra do espazo onde leva a cabo a protesta.

Como exemplo disto, sinalaron a identificación dunha persoa por levar unha kufiya e a outro cinco persoas que recollían firmas á beira dunha tenda de campaña “alegando que podía danar o patrimonio” ou a “acusación” a outro membro da acampada de “portar armas” por “levar ao pescozo un colar de petiscos”.

Consideran que estas accións da Policía Local e Nacional, sumadas a “a campaña de difamación” da que responsabilizan á directiva da USC e aos medios de comunicación, pretende “amedrentar” e “dividir” á acampada.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...