O Pazo de Raxoi acolleu este xoves unha recepción institucional a Félix Juncal, xefe de equipo do Servizo de Bombeiros de Santiago de Compostela, tras a súa participación nun proxecto de cooperación internacional en Mozambique durante o pasado verán. A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, e representantes da Corporación municipal participaron no encontro, ao que tamén asistiu Andrea García, en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Entre o 16 de agosto e o 12 de setembro, o bombeiro compostelán trasladou a súa experiencia profesional a diferentes comunidades mozambicanas no marco do programa ‘Especialistas en Cooperar’. Na iniciativa participaron tamén outros dous empregados municipais procedentes dos concellos de Lousame e Trazo.
A través da asociación Casa do Gaiato, Juncal desenvolveu actividades dirixidas aos menores residentes neste centro de acollida, ao alumnado das súas escolas e á veciñanza das aldeas próximas. O seu traballo centrouse na adquisición de coñecementos e ferramentas para previr situacións de risco e actuar ante posibles emerxencias. “Agardo ter contribuído a facer pequenos cambios que lles axuden a afrontar os riscos”, sinalou durante a recepción.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín destacou a importancia de poñer “os nosos coñecementos ao servizo dos demais” e agradeceu tanto a implicación do traballador municipal como a actividade que o Fondo Galego leva desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais e representante do Concello no Fondo, María Rozas, reivindicou o compromiso das administracións locais coa cooperación internacional. “Nun momento no que a sociedade mira menos cara ao sur, que o Concello vaia a contracorrente e faga gala de solidariedade é un motivo de orgullo”, manifestou.
O SEGUNDO PROFESIONAL MUNICIPAL QUE PARTICIPA NO PROGRAMA
Coa incorporación de Félix Juncal, son xa dous os profesionais do Concello de Santiago que participaron nas iniciativas de cooperación impulsadas polo Fondo Galego. Durante o encontro, Andrea García agradeceu a colaboración da administración compostelá no desenvolvemento destes programas.
‘Especialistas en Cooperar’ permite que o persoal das entidades locais galegas participe en proxectos internacionais vinculados aos seus respectivos ámbitos profesionais. A finalidade é aproveitar a experiencia acumulada nos servizos municipais para reforzar as capacidades das administracións e organizacións locais dos países destinatarios, mediante a formación e o intercambio de coñecementos.
Desde 2005, un total de 55 traballadores e traballadoras da administración local galega participaron neste programa ou no seu predecesor, ‘Vacacións con Traballo’. As intervencións desenvolvéronse en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde.
A iniciativa recuperouse en 2022, logo da interrupción provocada pola pandemia da Covid-19, cunha reformulación orientada a reforzar a cooperación técnica e a contribuír ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
UNHA REDE DE COOPERACIÓN CON 29 ANOS DE TRAXECTORIA
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade reúne na actualidade 121 concellos e as catro deputacións provinciais de Galicia, que canalizan a través desta entidade parte das súas políticas de cooperación internacional ao desenvolvemento.
Ao longo dos seus 29 anos de actividade, a organización apoiou arredor de 200 proxectos en máis de trinta países. Ademais das intervencións no exterior, a entidade desenvolve iniciativas de sensibilización entre a cidadanía galega para dar a coñecer as desigualdades entre o Norte e o Sur Global e promover a solidariedade internacional e o cumprimento da Axenda 2030.

