A lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura de Galicia incorpora unha nova intervención artística da man do creador visual Diego Lara. Baixo o título ‘A auga é un intre que aprendeu a quedar’, a proposta introduce na superficie acuática do Gaiás unha estrutura de madeira en forma de verme que establece unha relación directa coa contorna natural na que se sitúa.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este xoves na presentación da obra, que convida a reflexionar sobre a fugacidade, a permanencia e o transcurso do tempo a través dunha illa flotante que interactúa co movemento cíclico da auga.
A iniciativa foi a gañadora en 2025 da Convocatoria de Intervencións Artísticas en espazos naturais do Gaiás, impulsada no marco do Encontro de Artes Novas, que conta co apoio da Fundación Banco Sabadell.
Un dos elementos centrais da proposta é o proceso de elaboración da propia escultura. Para a súa construción, Lara recorreu á madeira autóctona de castiñeiro e a procedementos tradicionais da carpintaría náutica, incorporando á creación artística contemporánea coñecementos e prácticas vinculadas historicamente á arquitectura popular e á construción naval galega.
Durante a presentación, Lorenzo salientou o “emprego consciente de materiais orgánicos e locais e de técnicas artesanais de produción”, así como a conexión que establece a peza co espazo que ocupa.

