A concelleira do Partido Popular en Santiago de Compostela Olaya Otero concorre ás eleccións xerais deste domingo, 29 de novembro, como número 4 na candidatura da formación ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña. A popular afronta esta nova etapa coa intención de compatibilizar as súas responsabilidades na política municipal cun eventual escano na Cámara Baixa, dende onde aspira a trasladar as demandas da cidadanía compostelá.
Nunha entrevista con Xornal de Compostela, Otero aborda a relación entre o Partido Popular e Vox ante un posible escenario de negociación postelectoral, apela ao voto dos antigos electores socialistas e expón as propostas da súa formación en materia de vivenda, emprendemento e fiscalidade. A candidata tamén reivindica o papel de Santiago como capital de Galicia e aborda as aspiracións do Partido Popular de cara ás próximas eleccións municipais.
Por que se presenta a estas eleccións xerais?
Preséntome porque o Partido Popular e Borja Verea me dan a oportunidade de formar parte desta candidatura ao Congreso dos Deputados. Isto supón unha oportunidade para min, unha oportunidade para defender os intereses dos galegos, das galegas e dos composteláns e das compostelás. É unha oportunidade que afronto con moita ilusión e con moito sentido da responsabilidade.
A súa intención é compatibilizar esta responsabilidade co teu traballo a nivel local? Vai seguir sendo concelleira se entra no Congreso?
Claro. Vou seguir sendo concelleira do Partido Popular de Santiago. Formar parte da candidatura ás xerais é unha honra, pero ser concelleira do Partido Popular en Santiago tamén o é. Eu sempre fago a mesma broma: son máis picheleira que a Catedral. Non hai orgullo maior que poder defender a Santiago de Compostela. Imaxina agora poder defender os intereses de Galicia e da nosa cidade en Madrid.
Entendo que queres defender os intereses de Santiago no conxunto de España, pero, concretamente, que cuestións queres defender de Compostela e cales máis alá da cidade?
Imos traballar polos intereses de todos os galegos e galegas e tamén do conxunto de España. Pero está claro que a posición de concelleira en Santiago me dá a posibilidade de estar moi preto das persoas, de escoitar de primeira man as súas inquedanzas, os seus problemas e tamén, porque ás veces creo que se fai pouco, as posibles solucións a eses problemas.
Ás veces, cando falas coa xente directamente, formúlase un problema e tamén posibles solucións. Eu creo que se estila pouco iso de escoitar. No Partido Popular estamos sempre moi preto da xente, escoitamos e defendemos esa escoita directa, ese trato de ti a ti cos veciños e coas veciñas, pero creo que noutros partidos se fai pouco.
Incluso a nivel local se fai pouco?
Si. Nós facémolo porque estamos na rúa moitísimo tempo e iso non o pode negar ninguén. Os concelleiros e as concelleiras do Partido Popular, así como o propio presidente local, Borja Verea, estamos a pé de rúa todos os días, non só cando arranca unha campaña electoral.
Dende que chegamos en 2023, boa parte do tempo que dedicamos a traballar, e vós como xornalistas xa vedes como é este traballo porque tedes case os mesmos horarios ca nós, dedicámolo a estar cos veciños e coas veciñas. Noutros grupos políticos non se escoita tanto como se fala. Eu creo que hai que empezar por escoitar.
Cre que ese contacto directo coa cidadanía tamén se pode manter dende outros ámbitos? A nivel estatal, estando máis afastada, non é máis complicado escoitar de preto á xente?
Paréceme que outros grupos poderían facer máis. Pero, como falabamos agora, eu vou continuar sendo concelleira de Santiago, polo que está claro que imos seguir tendo ese contacto directo cos veciños e coas veciñas.
O que nos posibilita esta candidatura, se todo vai ben, que eu creo que vai ir moi ben, é poder estar no Congreso dos Deputados e trasladar esas preocupacións da xente da rúa directamente ao Congreso. Alí poderemos representar os seus intereses, loitar por solucións e defender os intereses dos galegos e das galegas.
As enquisas apuntan a uns bos resultados para o Partido Popular e para as dereitas en xeral. Porén, o PP podería precisar os apoios de Vox para gobernar no Estado. Que esixencias ten o Partido Popular cara a Vox en materias nas que ambos os partidos poden estar enfrontados, como a inmigración, a violencia de xénero ou mesmo os dereitos lingüísticos?
O presidente Feijóo xa comentou un pouco estes puntos. Anunciou que non son negociables as políticas sociais e de igualdade. De feito, nalgunhas comunidades estase gobernando con este partido e esas cuestións son intocables.
Son intocables e a realidade demostra que non houbo ningún retroceso, co cal eu creo que xa non ten ningún sentido que a esquerda continúe inoculando medo nos cidadáns a través de cousas que saben perfectamente que non son verdade. Inocular medo, é dicir, mentir directamente aos cidadáns.
Pero que sucedería no caso de que non se chegase a un acordo porque Vox non quixese respectar esas políticas sociais e de igualdade? Se Vox e o PP non chegan a un entendemento podería non haber investidura a Feijóo e iso facilitaría un Goberno do PSOE. Que sucedería nese escenario?
Aí terías que falar con Vox, preguntarlles que teñen pensado facer chegado o momento de ter que negociar co Partido Popular. Restan moi poucos días de campaña, pero aínda temos moito traballo por diante. O que hai que facer é centrarse en conseguir o maior número de votos para o Partido Popular. E ademais é así porque canto máis apoio teña o Partido Popular, menos se dependerá doutras forzas.
Incluso para as persoas que non valoren a Vox como unha opción, polas circunstancias que sexan, a mellor opción, por non dicir a única que teñen agora mesmo, para o que se di de frear a extrema dereita, é votar ao Partido Popular.
Nas eleccións xerais non votamos todos nunha mesma circunscrición, senón que estamos repartidos por provincias. Na Coruña, pola que se presenta vostede, hai oito escanos a repartir. Todos os partidos están apelando ao voto útil, aínda que na dereita se fala pouco desta cuestión. Entendo que, dende un punto de vista numérico, para un votante de dereitas é máis útil votar ao PP que a Vox.
Eu creo que votar ao Partido Popular é o voto máis útil. Pero, xa fóra dos números, incluso para un votante de esquerdas, votar o PP é a única maneira de poder frear o avance de Vox. Iso é así.
Para un votante de esquerdas resulta útil votar o PP?
Si, claro. Arríscase a que o PP non teña forza ou a que teña menos forza e, entón, dependa máis de formar Goberno con Vox ou co apoio de Vox. Iso é así.
É dicir, que pide o voto para o Partido Popular incluso á xente de esquerdas.
Eu pido a todo o mundo o voto para o Partido Popular. Por suposto, á xente de centroesquerda, por suposto que lle pido o voto para o Partido Popular. Ademais, sei que, por circunstancias que creo que son obvias, hai moita xente de centroesquerda moi desencantada e que se sente orfa agora mesmo, que non encontra un referente no que era a esquerda. E digo era, no que era a esquerda.
Fala do Partido Socialista?
Eu creo que si. Ademais, creo que imos ter votos no centroesquerda. Incluso un pouquiño máis alá.
Non é unha sorpresa a estas alturas da campaña para ninguén que hai moitos antigos votantes do Partido Socialista desencantados que van votar ao Partido Popular. Iso escoitámolo todos os días. Falo de votantes, de cidadáns de a pé, e incluso de figuras importantes do Partido Socialista.
Volvendo a Santiago, quero falar do tema estrela desta campaña, que é a vivenda. En Santiago a situación da vivenda é especialmente delicada, quizais máis que noutras cidades máis pequenas de Galicia. Compostela foi declarada este ano zona de mercado residencial tensionado. Por que o Partido Popular quere desfacerse desta figura?
Non está funcionando. Antes de que se declarase a zona tensionada en Santiago, declarouse noutras cidades e a realidade é que o resultado non é o que nos anunciaban.
Hai quen argumenta que fai falta máis tempo para poder ver os resultados desta medida.
Fará falta tempo. Eu creo que é un argumento que non serve porque, como digo, hai exemplos anteriores a Santiago onde se demostrou que o que fai a zona tensionada é retirar pisos do mercado de alugueiro, os prezos continúan estando altos, estancados, e ao final hai menos vivenda dispoñible no mercado.
No Partido Popular entendemos que hai que facer moitas cousas. O problema da vivenda non se soluciona unicamente cunha medida estrela, que ás veces parece que algúns partidos o que pretenden é facer crer que cunha medida como a zona tensionada se vai solucionar un problema tan grave.
Hai que poñer vivendas no mercado, hai que construír, hai que rehabilitar, hai que facilitar a construción e a rehabilitación de vivenda e hai que dar seguridade aos propietarios para que non sintan medo á hora de poñer no mercado as súas vivendas.
O problema da vivenda tamén está relacionado cos salarios e co comercio. Acompañou a Borja Verea en numerosas ocasións na presentación de propostas para facilitar a apertura de negocios e a remuda xeracional no comercio compostelán. Que decisións apoiaría dende o Congreso para que estes negocios, tanto os de Compostela como os do resto do país, non só poidan emprender, senón tamén ofrecer soldos dignos que permitan vivir nunha cidade cuns alugueiros como os que temos?
Falamos da figura dos autónomos, que eu ás veces defino como superheroes, porque neste país é unha carreira de obstáculos continua ser autónomo. En España, pero se falamos máis concretamente de Galicia, ao final o tecido empresarial tamén está formado por pemes, pequenas e medianas empresas. Un autónomo é unha persoa que ten unha mercería, unha perruquería… O que hai que facer con eles é darlles facilidades.
O que non pode ser é que máis da metade do que sería o salario dun autónomo se vaia en pagar impostos. Non ten sentido. O que non pode ser é que, se o proxecto dun autónomo vai ben e medra e necesita ampliar o equipo, ampliar persoal, non o poida facer polo custo que lle supón.
Haberá que baixar, polo menos, os impostos a estas persoas?
Haberá que bonificar a contratación. Nós, por exemplo, no programa levamos unha medida que é a bonificación das cotas da Seguridade Social para o primeiro traballador contratado por unha persoa autónoma durante o primeiro ano.
Outra medida, que seguro que lle escoitastes tamén ao presidente Feijóo, é a posibilidade de non declarar o IVE para os autónomos que facturen menos de 85.000 euros ao ano.
Falabas antes da remuda xeracional. Cando un mozo ou unha moza quere emprender, o que se encontra é moitísima burocracia que sacar adiante e ter que asumir uns custos para os que probablemente terá que pedir axuda a familiares. Non creo que lle dea tempo a un mozo ou a unha moza a aforrar o que necesita. E tamén as dificultades para acceder ao financiamento. Hai que facilitar e intentar que estas tres cousas, por exemplo, sexan máis sinxelas.
Haberá que habilitar unha xanela única para que unha persoa que queira emprender poida acceder a un punto no que se lle dea toda a información, se lle asesore e se lle bote unha man para sacar adiante toda esa burocracia. Isto, entre outras medidas.
Son dificultades económicas, pero tamén burocráticas. Ao final, un autónomo quere obter un rendemento económico do seu proxecto e do seu modo de vida, loxicamente. Un autónomo e calquera persoa no seu traballo. Se unimos iso co problema da vivenda, hai unha medida recollida no programa do Partido Popular que establece que a vivenda do autónomo, se constitúe o seu fogar habitual, vai quedar protexida por defecto.
Eu creo que isto é moi importante porque todos coñecemos algún caso dunha persoa autónoma que arrisca e inviste o seu patrimonio. Na economía hai momentos bos e momentos malos. Pode ir moi ben durante uns anos, pero chega un momento un pouquiño máis complexo.
Falamos bastante do papel de Compostela no Estado, pero resulta curioso que o Partido Popular decidise abrir a campaña electoral cun gran mitin de Feijóo en Santiago. Por que se decidiu comezar en Compostela?
Non sei por que se decidiu empezar en Compostela, pero teño clarísimo por que foi un acerto facelo así.
Pedro Sánchez tamén escolleu Santiago para iniciar a campaña.
Porque veu a rebufo. Como non vai ter sentido que Alberto Núñez Feijóo arranque a campaña electoral dunhas eleccións tan importantes como estas, tan determinantes para o futuro do país, se Alberto Núñez Feijóo é galego?
Foi presidente da Xunta durante 13 anos. Somos a capital de Galicia, que a algúns parece que se lles esquece, pero somos a capital de Galicia. Deberiamos ser referente para isto e para milleiros de cousas máis. Se me preguntas a min, o Partido Popular de Santiago debería ser o referente para absolutamente todo o que acontece en Galicia e case en parte do estranxeiro.
E fáltalle a Santiago para ser ese referente?
Claro que lle falta, porque non hai ambición. Non hai ambición, non hai ganas e non hai capacidade para facer que Santiago volva ser referente en moitas das cousas nas que foi referente. E isto, coa vitoria do Partido Popular resolverase nuns meses. Volveremos ter un Goberno con ganas de traballar por Santiago, que crea na capacidade de Santiago, e teremos por fin o cambio necesario para que teña tamén un alcalde á altura do que Santiago merece, que será Borja Verea.

