InicioPOLÍTICARocío Núñez Rúa, candidata da Fronte Ampla ao Senado: "Hai que limitar...

Rocío Núñez Rúa, candidata da Fronte Ampla ao Senado: “Hai que limitar o alugueiro para que non supoña máis dun 25 % do salario”

A candidata de Fronte Ampla ao Senado pola Coruña defende a unidade electoral da esquerda e propón a creación dunha farmacéutica pública en Santiago

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Rocío Núñez Rúa concorre ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro como candidata de Fronte Ampla pola provincia da Coruña dentro da candidatura conxunta de Senado de Progreso, na que comparte lista con representantes do Partido Socialista. Educadora social de profesión e vinculada á política compostelá, Núñez defende a necesidade de trasladar á Cámara Alta unha representación que sitúe os intereses de Galicia por diante das diferenzas entre as formacións políticas.

Nunha entrevista con Xornal de Compostela, a candidata aborda os motivos desta alianza electoral, o seu futuro na política municipal e algunhas das principais propostas da súa formación, como a creación dunha farmacéutica pública en Santiago, a ampliación do parque público de vivenda ou a prestación universal de 200 euros por menor. Tamén reflexiona sobre a situación das persoas migrantes, as condicións laborais e as relacións de España con Israel.

O Partido Socialista e a Fronte Ampla concorren xuntos nesta candidatura de Senado de Progreso para aglutinar o voto da esquerda. Pero, por que noutras eleccións se optou por concorrer por separado? Por que se dá agora este paso?

Eu creo que o contexto político a nivel internacional está sendo moi complicado. Hai un avance da dereita e da ultradereita e aquí, en España, tamén nos sentimos ameazadas. É un momento histórico.

Estamos vendo que o que se fixo na vez anterior, cando non fomos xuntos, non nos valeu, porque o Senado agora mesmo está secuestrado polas dereitas, que o utilizan para bloquear os avances normativos. Ademais, o Senado intervén na elección de membros do Tribunal Constitucional e temos que asegurar que a xustiza siga sendo imparcial e as súas sentenzas tamén. E, como xa dixo Sindo Guinarte, os números dan se imos unidas.

Os números dan se se repiten os resultados das pasadas eleccións.

É un voto de esquerdas. A xente de esquerdas vai seguir votando á esquerda. Poden votar un partido ou outro, pero paréceme difícil que alguén que votase á esquerda agora vaia votar á dereita no Senado. Por iso tamén ten sentido que a esquerda vaia unida.

Pero, á hora de chegar ao Senado e de votar, seguides sendo dous partidos diferentes, con distintas opinións. Como se vai xestionar iso?

Somos partidos diferentes, pero hai unha Plataforma Cidadá por un Senado de Progreso que se presentou aquí estes días e que tamén pide que, cando esteamos no Senado, fagamos un grupo de senadoras por Galicia.

Eu creo que iso tamén o temos que facer, porque é unha cámara de representación territorial. Nós estamos alí representando diferentes partidos, pero imos xuntas en Senado de Progreso. Hai uns mínimos nos que estamos de acordo.

Creo que sería importante facer ese grupo de senadoras por Galicia, tendo en conta que é unha cámara de representación territorial e que os intereses de Galicia teñen que estar por riba.

Para sermos máis concretos, que acordos hai nesta candidatura de Senado de Progreso que non puidese haber en candidaturas por separado?

En candidaturas por separado é probable que non sacásemos a maioría. Entón, non teriamos nada que acordar. Creo que somos partidos de esquerdas que temos capacidade de poñernos de acordo. Nós xa o demostramos porque estivemos gobernando co PSOE no Congreso e no Senado imos ser capaces de facelo tamén.

A papeleta do Senado funciona de maneira diferente á do Congreso. Pódense marcar ata tres nomes, mesmo de diferentes formacións. Haberá persoas que prefiran apoiar os dous candidatos socialistas e outras que queiran apoiar unicamente a candidata de Fronte Ampla. Ti avogas por marcar os tres nomes?

Si. Hai que marcar tres. Neste voto máis minoritario de partidos que igual só presentamos unha persoa, non me poden marcar só a min e deixar os outros dous en branco. Porque, se os outros dous votos non van para a esquerda, os partidos maioritarios, que poden ser os da dereita, poden verse beneficiados.

Iso sería un erro. Hai que marcar tres, si ou si, de esquerda. Se imos na candidatura de Senado de Progreso, nós queremos levar os tres. Queremos ter un Senado de Progreso e un grupo de Senado de Progreso.

Eses outros dous votos tamén poderían ir, por exemplo, para o BNG.

Si, á esquerda. O voto útil, neste sentido, é para quen pode sacar representación, que somos nós. O BNG non ten sacado representación e é difícil que a vaia sacar.

Dende Fronte Ampla propoñedes a creación dunha farmacéutica pública en Santiago, en colaboración co ámbito universitario. Que necesidades de subministración xustifican a súa creación e que propoñedes exactamente?

É recoñecer, por un lado, o traballo que fai a USC, que é unha universidade punteira, de referencia, e que a temos aquí, en Galicia. Por outro lado, reter o talento investigador, porque sabemos que é unha sangría. Moitas investigadoras, coa precariedade dos contratos e das bolsas, marchan fóra. Investimos moitísimos anos e moitísimos cartos en formalas e despois marchan.

As farmacéuticas son un lobby empresarial e económico. Ter unha farmacéutica pública creo que é moi simbólico dun goberno de esquerdas e dun país de esquerdas no que queremos ter servizos públicos. Todas necesitamos medicamentos e as patentes poderían ser públicas tamén, en lugar de ter que pagar a unha empresa.

É curioso porque xa levamos bastantes anos cun goberno de esquerdas e esta proposta non se puxera sobre a mesa nestes termos. De onde vén a idea?

De Galicia, da innovación da Fronte Ampla galega. Temos moito talento e temos xente vinculada a diferentes ámbitos. Todas estamos traballando, cada unha nun sector.

Pasamos á vivenda e aos salarios, dous asuntos que, desgraciadamente, van moi da man. Hai diferentes posturas: a dereita defende a construción de vivenda, a esquerda defende a regulación dos prezos, pero tamén se podería avogar por un incremento dos salarios para combater o prezo da vivenda. Poderiamos enriquecer a sociedade e deixar a vivenda no mercado libre?

Non, porque seguiría subindo. Sería alimentar un capitalismo exacerbado, sen control. Iso non se vai regular só de ningún xeito. Acabariamos as de sempre máis precarizadas, os ricos máis ricos e as pobres máis pobres. Por un lado, si que avogamos por construír vivenda pública, pero vivenda pública ao 100 %. Non construír vivenda e dicir que un 20 % vai ser pública. Propoñemos destinar un 1 % do PIB e construír un millón e medio de vivendas en todo o Estado.

Tamén limitar a compra, que as grandes especuladoras non poidan facerse cos edificios nos que vivimos e cos nosos barrios, que non nos poidan expulsar. Falamos incluso de expropiar, e non hai que terlle medo á palabra, de expropiar cando sexa necesario. Tamén de protexer as familias vulnerables dos desafiuzamentos cando non teñan outra alternativa residencial.

Despois, si é certo que en Galicia e noutros sitios hai vivenda baleira. En Santiago hai unhas 6.000, pero na Coruña, por exemplo, son 20.000. Ata 30.000 contando outro tipo de vivendas que, se se rehabilitan, poderían utilizarse. Con iso tamén teriamos que buscar alternativas para facer un banco público de vivendas, que as propietarias puidesen cedelas, que a Administración puidese rehabilitalas, acondicionalas e poñelas en alugueiro social.

De todas estas medidas, cal debería ser a primeira? Por onde empezamos? Axudamos as familias ou incorporamos vivendas ao parque público?

Primeiro, o que xa fixemos, que foi limitar que se poidan subir os alugueiros coa zona tensionada que se está aplicando. O primeiro é protexer. Despois, hai que limitar que o alugueiro non supoña máis dun 25 % do salario. Deberiamos regulalo en relación co salario mínimo interprofesional, que foi a proposición non de lei que presentamos aquí, en Galicia.

O que hai é que protexer, que non se expulse as familias. Despois, intentar que esa vivenda que está baleira poida saír ao mercado con garantías para as propietarias e construír vivenda pública, pero vivenda pública ao 100 %, que non se poida meter no mercado privado pasados determinados anos.

Outra das medidas que propoñedes é unha prestación de 200 euros por menor. Estamos falando de familias con rendas moi diferentes, dende aquelas con rendas altas ata as que cobran o salario mínimo ou o ingreso mínimo vital. Por que unha prestación universal e non unha axuda destinada a quen máis a necesita?

Nós avogamos polas prestacións universais. Eu entendo o discurso de que hai que darllas a quen máis as necesita. Un grande empresario que ten moitos cartos, como lle vas dar unha prestación universal por crianza? Para iso temos que ter un sistema fiscal xusto. Ese empresario vai tributar moito máis. O que ingresou vaino devolver, pero garantimos que é un dereito universal. Os dereitos teñen que ser universais.

Vaino devolver, pero o seu poder adquisitivo seguirá sendo moito máis alto que o doutras familias.

Si, pero despois vai contribuír, vai volver encher as arcas e, con eses impostos que paga, volvemos dar a prestación universal por crianza ás persoas que non teñen recursos. Garantimos que é un dereito universal. A universalidade dos dereitos é polo que avogamos nós. As dereitas falan de “paguitas”. Iso é totalmente indigno e é vivir totalmente afastado da realidade. Eu traballo en servizos sociais. Quen vive das “paguitas”? Iso é un bulo. Non existen “paguitas” para inmigrantes, non existen “paguitas” para a xente que non quere traballar. Iso é un bulo.

Antes desas “paguitas”, porque é como se refire a dereita ás axudas, viría un salario digno e o acceso ao mercado laboral?

Efectivamente, cunha xornada digna. Para que quede claro, porque hai moita xente que pensa que primeiro damos axudas e logo, se acaso, poñemos un salario digno. As axudas e prestacións económicas están reguladas por lei. Hai uns criterios de acceso que non son tampouco moi fáciles de cumprir.

O que hai que ter, evidentemente, son condicións laborais dignas. Nós levamos tamén a redución da xornada e salarios dignos. Subimos o salario mínimo interprofesional un 75 % e, despois, cando non se pode, cando non se chega, neses momentos nos que o estás pasando mal, o Estado de benestar ten que cubrirte. E iso reinvístese. Esta discusión témola moitas veces nos servizos sociais. Un ingreso mínimo vital, por exemplo, todo o que ingresa esa familia, que poden ser 800 euros, volve saír para pagar o alugueiro, a comida ou os recibos. Esa familia o que fai é subsistir.

En Galicia, por exemplo, temos os datos de pobreza infantil da EAPN, que son bastante preocupantes. A situación empeorou este ano. Viñamos de mellorar e empeorou, tamén entre a xente moza. É algo que hai que cubrir e hai que garantir unhas condicións dignas para os nenos e as nenas.

Que custo anual se estima para esta prestación de 200 euros por menor? Non restaría investimentos doutras partidas?

Non, claro que non. O que hai que ter é un sistema fiscal xusto, que os ricos paguen máis, que non o están facendo. Podemos ver como se lles perdoa aos ricos, tanto no Estado como aquí, en Galicia, por determinadas cuestións. Iso iría para este tipo de prestacións.

Sobre inmigración, hai un aumento da chegada de persoas migrantes e quería saber cal debería ser a atención que recibe unha persoa dende o primeiro día que chega a Compostela. Moitas persoas migrantes nin sequera teñen unha conta bancaria, un contrato de alugueiro ou non están empadroadas. Vostede, como educadora social, supoño que viviu moitas veces estas situacións. Por onde empezamos?

Pola vivenda, claro. Primeiro teñen que ter un lugar onde residir. O padrón é un dereito. Non se lle pode negar o padrón á persoa que chega.

Pero hai xente que non ten un contrato de alugueiro e á que se lle acaba negando.

Se se lle nega un contrato de alugueiro, hai outras fórmulas. Hai outras fórmulas de convivencia, pero quen está á fronte dese contrato ten que acreditar que esa persoa vive aí, efectivamente. Teñen que acreditalo, pero o padrón é un dereito e non se lle pode negar. Ten que ter un sitio onde residir. Evidentemente, ten que ter un teito. Se non, en que condicións te podes presentar a buscar traballo?

Se non tes condicións materiais de vida, se non tes un teito onde durmir ou onde comer, xa é difícil que te poidas estar preocupando tamén de buscar traballo. Porque, ao final, teñen que facelo todo. Todo vai da man. Aí fan un papel impresionante as compañeiras dos servizos sociais, as educadoras sociais e as entidades do terceiro sector, que se pegaron un traballazo aquí para acompañar e dar apoio neste proceso de regularización.

Todas as que forman parte do Foro Galego de Inmigración e todas as entidades que se dedican a iso. Houbo un esforzo, a regularización foi un éxito e agora vén a renovación. Creo que o Estado ou os gobernos teñen que asegurarse de brindar esas condicións dignas.

Ademais, agora as taxas de afiliación á Seguridade Social subiron moitísimo, porque todas as persoas que están regularizadas agora están traballando legalmente. A quen se lle pode ocorrer non querer regularizar unha persoa que ti sabes que está aquí, que está traballando en negro, que está traballando en B e que está sendo explotada, basicamente?

Fronte a isto, o discurso de parte da dereita é que hai que expulsar estas persoas do país.

Como vas botar fóra unha persoa? Quen se cren? A min esa desconexión humana coas persoas cústame un mundo entendela. Quen se cren para poder botar fóra outra persoa? Nós emigramos. As galegas, todas temos familia que emigrou e que buscou esa vida, e agora elas están facendo o mesmo.

E ao mellor volvemos facelo nun futuro, aínda que agardemos que non sexa así.

Espero que non, pero imos asegurarnos de que non. É normal que queiran vir a España porque en España temos agora mesmo unha democracia estable, unhas condicións de vida, unhas condicións laborais e un Estado de benestar. Un Estado de benestar que protexe esas familias, con eses nenos e esas nenas.

Quería falar tamén de Palestina e dos límites que hai que poñer aos pactos con Israel. É algo que se abordou dentro do Goberno, aínda que ao principio o PSOE era reticente a determinadas medidas. Porén, España foi un dos estados que deu un paso adiante para plantarlle cara a Israel. Que hai que seguir facendo?

Diso podemos estar moi orgullosas. Hai todas estas cuestións simbólicas de non participar onde estea Israel, onde non se denuncie a situación, como os mundiais, Eurovisión e todas estas cuestións.

Pero Eurovisión é unha cousa. Hai que facer moitísimo máis.

A nivel económico, non se lle pode dar entrada aos pactos con Israel. Nós fixemos tamén un chamamento ás institucións públicas que teñan relacións contractuais, como as universidades ou outras institucións. Podemos estar orgullosas. É certo que custou ao principio, pero estamos nós aí para tirar deles. Creo que aí non nos podemos relaxar.

En que máis cousas hai que tirar do Partido Socialista?

Na vivenda houbo que tirar deles. Tamén para blindar o aborto na Constitución. Presentámolo en febreiro de 2025 e dixeron que non era o momento. Resulta que si, que o imos facer.

Coa prestación universal por crianza tamén levamos dous anos dicindo que isto hai que facelo. É un marco europeo.

Pode ser que o PSOE tamén lle estea vendo as orellas ao lobo co avance da dereita e decida empezar a facer cousas que tiña que facer?

Eu creo que tamén din: que boas ideas ten esta xente, pois vou copiar.

Pero copiar non está mal, se é para ben.

Pero o que queremos é que nos copien no BOE, non só en campaña.

ÚLTIMAS

Unha focha na avenida de Barcelona obriga a desviar o tráfico nas inmediacións do CHUS

A aparición dunha focha que afecta a unha superficie duns 12 metros cadrados na...

O movemento feminista de Compostela convoca unha manifestación unitaria contra as violencias machistas polo 25N

O movemento feminista de Compostela volverá saír ás rúas este mércores, 25 de novembro,...

Sindo Guinarte reivindica os avances en igualdade do Goberno de Sánchez fronte ás políticas de PP e Vox

O concelleiro socialista de Santiago de Compostela e candidato ao Senado pola provincia da...

Santiago acolle a presentación de ‘Camiño Kaput’, un videoxogo que satiriza o turismo masivo

O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá este mércores, 25 de novembro,...

Sindo Guinarte reivindica os avances en igualdade do Goberno de Sánchez fronte ás políticas de PP e Vox

O concelleiro socialista de Santiago de Compostela e candidato ao Senado pola provincia da...

Verea propón reforzar a atención ás vítimas de violencia machista e impulsar a prevención nas aulas de Santiago

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, presentou unha serie de propostas orientadas...

Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso: “Se o PSOE quere ter o apoio do BNG, vai ter que aceptar os nosos compromisos”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, aborda nunha entrevista...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here