O movemento feminista de Compostela volverá saír ás rúas este mércores, 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os colectivos convocantes fan un chamamento á participación cidadá nunha manifestación unitaria que terá como lema ‘Contra as violencias machistas, loita transfeminista’.
A marcha comezará ás 20:00 na Praza 8 de Marzo e percorrerá as rúas Virxe da Cerca, Hórreo e Xeneral Pardiñas, antes de acceder á Cidade Vella pola Porta Faxeira. A mobilización concluirá na Praza das Praterías, onde mulleres e persoas disidentes de xénero, en representación da diversidade da veciñanza compostelá, serán as encargadas de dar lectura ao manifesto.
Nesta ocasión, ademais da denuncia das diferentes formas de violencia machista, a convocatoria incorpora reivindicacións relacionadas coa crise da vivenda e as dificultades que atravesan as persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente aquelas con menos recursos económicos, sen fogar, migrantes ou disidentes de xénero.
O movemento feminista tamén pon o foco nos obstáculos administrativos aos que se enfronta a poboación migrante para regularizar a súa situación, así como na realidade das mulleres e persoas disidentes que resisten en territorios ocupados, denunciando o impacto do colonialismo e do patriarcado.
UN DECÁLOGO PARA O DESENVOLVEMENTO DA MANIFESTACIÓN
De cara á mobilización, a organización difundiu un decálogo no que establece unha serie de indicacións sobre a participación, a distribución dos colectivos durante o percorrido, a accesibilidade e a prevención de posibles agresións.
Así, as entidades feministas e transfeministas ocuparán a cabeceira da marcha, seguidas dos colectivos autoxestionados, mentres que os partidos políticos e os sindicatos se situarán na parte traseira. Tamén se solicita que as faixas se leven á altura do corpo para evitar monopolizar o espazo visual da protesta.
A manifestación contará, ademais, cun servizo de coidados, integrado por persoas identificadas con chalecos de alta visibilidade, que se encargarán de atender posibles agresións ou comportamentos contrarios ás normas establecidas pola organización.
Durante a lectura do manifesto nas Praterías, as bandeiras, os carteis elevados e outros materiais deberán situarse nos laterais ou na parte traseira da praza para garantir a visibilidade da persoa encargada da interpretación en lingua de signos española.
Por outra banda, os colectivos convocantes solicitan que calquera outra iniciativa prevista para esa mesma xornada sexa comunicada previamente, co obxectivo de evitar solapamentos entre mobilizacións.
O documento recolle expresamente que non se admitirán discursos nin actitudes transfóbicas, racistas, putofóbicas ou calquera outra forma de violencia que atente contra a dignidade das persoas ou dos colectivos. Tampouco se permitirá a participación de agrupacións transexcluíntes ou identificadas co movemento ‘gender-critical’. “O noso espazo debe ser seguro para todes!”, reivindican desde a organización.

