O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, propuxo reforzar a colaboración do Concello coas entidades sociais da cidade a través dun Plan Especial do Terceiro Sector. O candidato explicou que o PSdeG leva tempo traballando nunha proposta que busca identificar as necesidades de atención social en Compostela e incorporar ao plan as achegas das asociacións, dos seus equipos e das familias.
Blanco deu a coñecer as liñas da iniciativa durante unha visita ao centro de día de Agadea, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer. O encontro, enmarcado nas ‘Conversas de Barrio’, contou tamén coa participación do secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, e dos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte.
O candidato defendeu que Santiago debe “abrir unha nova etapa na política social municipal” na que as entidades do terceiro sector teñan un papel destacado. Segundo explicou, o plan pretende dar continuidade á colaboración entre o Concello e as asociacións e ampliar os recursos cos que conta a cidade para atender as demandas do tecido social. “Falamos dun compromiso que non pode quedar só nas palabras, senón que ten que traducirse en feitos, recursos e respostas concretas”, afirmou.
MÁIS DE 30 ANOS DE ATENCIÓN EN SANTIAGO
Durante a visita, Blanco destacou a traxectoria de Agadea, que leva máis de 30 anos traballando en Santiago e atende actualmente arredor de 500 persoas cun equipo de 60 profesionais. O socialista recoñeceu o labor do persoal da asociación e das familias no coidado das persoas con alzhéimer e outras demencias.
O candidato lembrou que calquera persoa pode precisar ao longo da súa vida unha prestación social, un servizo como o que ofrece Agadea ou algún outro tipo de apoio. A partir dese exemplo, reivindicou que a atención social sexa unha prioridade permanente do Concello e defendeu que Compostela dispoña dunha rede de servizos públicos capaz de responder ás necesidades das persoas e das súas familias.
Blanco resumiu esa prioridade coa idea de que o terceiro sector sexa “o primeiro sector de Compostela” e situou o diálogo coas entidades como parte do traballo para elaborar o plan. “Queremos que Santiago sexa un exemplo no ámbito das políticas sociais. Ímolo facer con diálogo, cooperación e compromiso”, concluíu.

