A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou que secundará a folga convocada para o mércores 11 de novembro, unha decisión que implicará a suspensión da súa axenda pública e das reunións de traballo previstas durante esa xornada. A rexedora explicou que exercerá o seu dereito á folga sen deixar de atender as responsabilidades que lle corresponden como máxima representante municipal.
Sanmartín pronunciouse sobre esta cuestión durante a rolda de prensa de presentación da campaña municipal polo 25N, na que foi preguntada pola súa participación na mobilización. “Eu vou facer folga ese día. Creo que hai suficientes razóns para acudir á folga”, afirmou.
A alcaldesa sinalou tamén que o goberno municipal apoia a convocatoria, unha posición que xa fora compartida polas dúas formacións que integran o executivo compostelán, BNG e Compostela Aberta. Segundo explicou, os integrantes do goberno tamén exercerán o seu dereito a secundala.
SEN ACTOS PÚBLICOS NIN REUNIÓNS DURANTE A XORNADA
A rexedora detallou como compatibilizará a súa participación na folga coas obrigas propias da Alcaldía. Neste sentido, indicou que non terá axenda pública nin convocará reunións internas ou externas que supoñan desenvolver a súa actividade institucional habitual.
“Evidentemente, unha persoa está sempre á fronte da Alcaldía as 24 horas do día, os sete días da semana e os 365 días do ano”, explicou Sanmartín, que diferenciou a súa responsabilidade permanente como alcaldesa da actividade ordinaria que deixará de realizar durante a xornada de protesta.
Con todo, Sanmartín continuará facendo un seguimento da situación da cidade, ante a posibilidade de que se produza algunha circunstancia que requira a súa atención como alcaldesa. “Farei seguimento de todo o que acontece en Santiago de Compostela, como non pode ser doutra maneira. Sigo sendo alcaldesa da cidade a pesar diso”, manifestou.

