Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar contra a actuación da Policía Nacional durante os incidentes rexistrados o pasado mércores na Coruña, coincidindo coa visita do presidente de Vox, Santiago Abascal. A convocatoria partiu das persoas que manteñen desde hai tres semanas unha acampada reivindicativa na Praza do Obradoiro para reclamar o dereito á vivenda.
A manifestación comezou ás 20:00 na Praza 8 de Marzo, desde onde as persoas participantes percorreron diferentes rúas da Cidade Histórica ata regresar ao Obradoiro. Unha pancarta co lema ‘Contra o estado policial, autodefensa radikal’ encabezou a marcha, durante a que se escoitaron consignas como “Abonda xa de violencia policial”, “A represión non é a solución” ou “As rúas serán sempre nosas”. Tamén se corearon outras expresións críticas coa Policía, entre elas “A policía tortura e asasina” e “Vergoña daríame ser policía”.
Unha das portavoces da acampada explicou aos medios de comunicación que a protesta pretendía amosar o rexeitamento ás cargas policiais que deixaron varias persoas feridas na Coruña, pero tamén chamar a atención sobre unha situación que, segundo denunciou, se está a estender a outras mobilizacións sociais. “Estamos a manifestarnos como unha resposta á violencia desmesurada da policía que houbo o outro día na Coruña”, sinalou, antes de advertir dun suposto incremento destas actuacións no conxunto do Estado español e noutros países europeos.
Ao remate do percorrido, xa na Praza do Obradoiro, unha representante da acampada deu lectura a un manifesto no que se relacionaron os acontecementos da Coruña con outras intervencións policiais. O documento fixo referencia ás protestas polo acceso á vivenda, aos procedementos de desafiuzamento e ao trato recibido polas persoas migrantes en Ceuta, onde os convocantes sosteñen que existen casos documentados de violencia policial. “A cuestión non é só como actúa a policía, senón en contra de quen”, recolleu o texto.
As persoas organizadoras tamén cuestionaron a continuidade da coñecida como ‘lei mordaza’, aprobada en 2015 durante o Goberno de Mariano Rajoy. No cartel empregado para difundir a manifestación, a normativa aparecía cualificada como unha “estafa”. A lei continúa en vigor malia os intentos de reforma e derrogación impulsados durante os gobernos de Pedro Sánchez.
A marcha compostelá transcorreu sen incidentes, cun dispositivo de acompañamento formado por dous vehículos da Policía Local. Ao longo do percorrido non se rexistrou presenza de axentes da Policía Nacional.
AS PROTESTAS CONTINUARÁN ESTE DOMINGO NAS SETE GRANDES CIDADES
A mobilización de Santiago chega dous días despois dos altercados producidos na Coruña durante as protestas contra a presenza de Santiago Abascal na Praza de María Pita. Na mañá do mércores, 21 de outubro, a concentración de rexeitamento ao acto de Vox derivou en cargas policiais, detencións e varias persoas feridas, entre elas un mozo que presentaba lesións visibles no rostro.
A intervención policial provocou unha segunda convocatoria de protesta esa mesma xornada, na que participaron arredor de 2.000 persoas. Tras esta mobilización producíronse novos enfrontamentos entre un grupo de manifestantes e efectivos da Policía Nacional, que realizaron máis cargas. Os disturbios deixaron tamén danos no mobiliario urbano e axentes feridos. Segundo os datos trasladados pola Delegación do Goberno, a xornada rematou con tres persoas detidas. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu a actuación policial e atribuíu os episodios violentos a unha minoría de participantes.
As protestas terán continuidade o domingo 25 de outubro, ás 12:00, con concentracións simultáneas nas sete principais cidades galegas, convocadas por Galiza Nova co respaldo da CIG, Erguer e o BNG.
En Santiago de Compostela, a nova concentración celebrarase na Praza do Toural, mentres que na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra as protestas están previstas diante das respectivas subdelegacións do Goberno. En Ferrol terá lugar na Praza Amada García e en Vigo, diante do Farol de Urzáiz.

