Miles de persoas concentráronse este sábado na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para reclamar medidas que garantan o acceso á vivenda, nunha nova xornada de mobilizacións que chega despois das protestas desenvolvidas durante toda a semana. A convocatoria, promovida polo Sindicato de Vivenda de Compostela, comezou ás 12:00 no mesmo espazo no que permanece instalada desde o xoves a ‘Acampada pola vivenda’.
A mobilización congregou a numerosos participantes diante do Pazo de Raxoi e da Catedral, con pancartas e proclamas centradas na situación do alugueiro e nas dificultades para acceder a unha vivenda. A concentración compostelá forma parte dunha xornada reivindicativa máis ampla, con mobilizacións convocadas tamén noutras cidades galegas e con novas accións previstas para os próximos días.
Durante a protesta produciuse tamén un momento de tensión coa chegada á praza de varias persoas que portaban bandeiras de España. A súa presenza provocou a reacción dunha parte dos participantes na concentración, que se dirixiron cara a elas e acabaron botándoas da zona na que se estaba desenvolvendo a mobilización, entre berros dos asistentes.
A mañá deixou tamén unha escena diferente no propio Pazo de Raxoi, onde coincidía a celebración dunha voda coa concentración pola vivenda. Nun momento da protesta, a noiva saíu a un dos balcóns do edificio e mostrou o seu apoio aos manifestantes, un xesto que foi recibido desde a praza polos participantes na mobilización.
A protesta deste sábado dá continuidade á ‘Acampada pola vivenda’, instalada no Obradoiro desde o xoves e que os seus participantes pretenden manter sen unha data concreta de finalización. A iniciativa foi medrando durante os últimos días coa chegada de novas persoas, mentres os integrantes da asemblea reiteraron a súa intención de continuar coas accións reivindicativas.
A portavoz da acampada, Eirena Souto, chamou este sábado á participación tanto na mobilización de Santiago como nas convocatorias previstas noutras cidades. Souto considera que as medidas sobre vivenda debatidas durante os últimos días son “absolutamente insuficientes” e “parches a un sistema que nos afoga día a día cada vez máis”, polo que os participantes reclaman actuacións de maior alcance por parte das distintas administracións.
Sobre a continuidade da protesta no centro de Compostela, Souto asegurou que “non ten unha data límite”. Os participantes avanzaron que seguirán mobilizados “ata que se cumpran as nosas esixencias”, cunhas reivindicacións que pasan por garantir o acceso á vivenda e limitar o seu uso como ben de investimento.
A PROTESTA CONTINÚA TRAS A CAÍDA DOS DECRETOS DE VIVENDA
A concentración celébrase despois de que o Congreso dos Deputados rexeitase este venres os decretos impulsados polo Goberno central en materia de vivenda. Un deles incluía medidas como a prohibición dos desafiuzamentos de persoas vulnerables, modificacións sobre o mercado do alugueiro e diferentes medidas fiscais, mentres que outro contemplaba a renovación automática de determinados contratos de arrendamento.
O primeiro dos textos recibiu 172 votos a favor de PSOE, Sumar, ERC, EH Bildu, PNV, Podemos, BNG, Coalición Canaria e Compromís, fronte aos 178 votos en contra de PP, Vox, Junts e UPN. A súa caída no Congreso non alterou, con todo, os plans dos colectivos mobilizados, que xa advertiran previamente de que consideraban insuficientes as medidas e que manterían as protestas aínda no caso de que os decretos fosen aprobados.
En Santiago, a mobilización deste sábado reforza así unha protesta que leva varios días instalada no principal espazo monumental da cidade. A acampada continúa no Obradoiro e os seus participantes manteñen aberta a convocatoria de novas accións, coa intención de prolongar a presión para reclamar cambios nas políticas de vivenda.
MÁIS PROTESTAS EN GALICIA
As reivindicacións deste sábado esténdense tamén a outros puntos de Galicia. En Vigo, a Alianza pola Vivenda convocou unha manifestación ás 19:00, con saída desde o cruzamento de Vía Norte con Urzáiz e chegada á Porta do Sol, mentres que na Coruña o Sindicato de Vivenda chamou a mobilizarse á mesma hora desde a Ronda de Outeiro coa avenida das Conchiñas ata a Subdelegación do Goberno.
Tamén en Lugo está prevista unha concentración diante do Concello ás 19:00, mentres que as mobilizacións continuarán o luns en Pontevedra, cunha concentración ás 20:00 na praza da Peregrina. As diferentes convocatorias comparten a reclamación de respostas de carácter permanente ante os problemas de acceso á vivenda e dan continuidade ás protestas desenvolvidas durante os últimos días.
O PSOE DE SANTIAGO ÚNESE Á MANIFESTACIÓN E RECLAMA ACELERAR A MOBILIZACIÓN DE VIVENDA BALEIRA
A concelleira socialista Marta Abal participou na concentración do Obradoiro, onde defendeu “o dereito a unha vivenda digna e axeitada” e criticou o rexeitamento no Congreso dos decretos de vivenda. Ante a presenza de miles de persoas na praza, afirmou que “necesitamos respostas, non máis bloqueos nin esperas”.
Abal asegurou que a cifra de demandantes de vivenda en Santiago se duplicou en dous anos ata superar as 2.100 persoas, das que tres de cada catro solicitan alugueiro ou alugueiro con opción de compra. Por iso, reclamou acelerar o estudo municipal sobre vivendas baleiras, previsto para finais de ano, e insistiu na creación dunha empresa pública municipal de vivenda que permita ampliar o parque de alugueiro, impulsar a rehabilitación e promover nova vivenda protexida.

