A acampada polo dereito á vivenda instalada na praza do Obradoiro afronta este venres a súa segunda xornada coa intención de continuar independentemente do resultado da votación no Congreso dos Deputados dos dous decretos lei impulsados polo Goberno central. Os participantes aseguran que cada vez se incorporan máis persoas e confían en que a protesta medre durante a fin de semana.
“Cada día somos máis“, afirmou ante os medios a portavoz da asemblea, Eirena Souto, que explicou que durante as últimas horas continuaron chegando persoas á praza compostelá. A protesta comezou na madrugada do xoves e os seus impulsores xa manifestaran desde o inicio a súa intención de mantela de maneira indefinida.
A mobilización coincide coa xornada na que o Congreso debate a convalidación ou derrogación de dous reais decretos lei en materia de vivenda, aprobados o pasado martes polo Consello de Ministros. O pleno extraordinario comezou ás 11:00 e aborda as dúas normas, unha delas centrada na función social e na oferta de vivenda asequible e outra destinada a reforzar a estabilidade dos contratos de alugueiro de vivenda habitual.
Os acampados reclaman a aprobación das medidas, pero consideran que o seu contido non responde por completo ás demandas que motivaron as protestas. “Esiximos a aprobación dos decretos que se están negociando, pero consideramos que isto non é suficiente e non nos imos conformar coa aprobación destes decretos“, sinalou Souto.
A continuidade das normas non está asegurada despois de que Junts confirmase este venres o seu voto contrario e reclamase ao Executivo que retire os textos para negociar unha nova proposta. A votación prodúcese ademais nun contexto político marcado polas informacións sobre a posibilidade dun adianto das eleccións xerais.
Desde a acampada compostelá, porén, insisten en que a súa mobilización non está condicionada ao resultado parlamentario. Consideran os decretos “parches e reformas absolutamente insuficientes” e aseguran que continuarán coa protesta tanto se son convalidados como se finalmente decaen.
UNHA VIVENDA “UNIVERSAL, GRATUÍTA E DE CALIDADE”
Entre as reivindicacións formuladas pola asemblea está que a vivenda deixe de funcionar, segundo expresan os participantes, como “unha mercadoría e un ben de negocio“. Para iso propoñen medidas que van máis alá dos textos sometidos este venres á consideración do Congreso.
Entre as súas demandas figura a expropiación do patrimonio que atribúen a persoas ou entidades especuladoras, a prohibición da intervención dos fondos voitre no mercado residencial e a adopción de mecanismos que garantan o acceso a unha vivenda digna independentemente dos recursos económicos ou da situación administrativa das persoas.
“Non imos aceptar simplemente a aprobación destes decretos, senón que temos obxectivos maiores e imos permanecer nesta praza e seguir loitando para garantir o dereito a unha vivenda universal, gratis e de calidade“, afirmou a portavoz da asemblea.
Souto responsabilizou tamén aos diferentes gobernos da situación actual do acceso á vivenda e asegurou que os participantes continuarán dirixindo as súas reclamacións ás administracións. Preguntada pola posibilidade dun adianto electoral, sostivo que “ningún goberno vai garantir” por si só que remate o que os manifestantes definen como o negocio da vivenda.
“Non cremos que un cambio no Goberno vaia solucionar esta situación, pero seguiremos loitando por todas as reformas e as melloras das condicións de vida“, engadiu.
A CAMPAÑA SUMARASE Á MANIFESTACIÓN DESTE SÁBADO
O seguinte punto da mobilización en Santiago chegará este sábado ás 12:00, cando os participantes da acampada prevén sumarse á protesta convocada na cidade. A asemblea mantén a convocatoria independentemente do que aconteza este venres no Congreso.
Os organizadores agardan ademais que a chegada da fin de semana incremente a presenza de persoas no Obradoiro. Segundo Souto, “haberá moita máis xente” este sábado e a previsión dos convocantes é que a mobilización teña unha participación elevada.
Mentres tanto, as tendas de campaña permanecen nunha praza que continúa coa súa actividade habitual e coa chegada constante de peregrinos e turistas. A acampada iniciouse na madrugada do xoves, despois das mobilizacións pola vivenda celebradas durante os días anteriores na capital galega.
Os participantes aseguran tamén estar recibindo apoio de persoas que se achegan ata o Obradoiro para entregarlles alimentos e outros materiais necesarios para manter a acampada. Souto afirmou que a resposta recibida está sendo positiva e reiterou a intención de continuar ocupando a praza.
“Hai unha acollida moi boa a esta acampada e imos permanecer aquí, a seguir loitando e imos participar na mobilización das 12:00 deste sábado“, concluíu.

