Decenas de persoas participaron na tarde deste martes nunha asemblea convocada polo Sindicato de Vivenda de Santiago na praza do Obradoiro para analizar os seguintes pasos das mobilizacións polo acceso á vivenda. A reunión produciuse un día despois da protesta que levou centenares de mozos ata a estación intermodal compostelá, onde parte dos participantes pasaron a noite ata seren desaloxados pola Policía Nacional á primeira hora da mañá.
O encontro comezou arredor das 19:00 baixo os soportais do Obradoiro, onde as persoas asistentes buscaron refuxio ante o mal tempo. Á convocatoria sumáronse tamén integrantes da Plataforma Vivenda Xa, nunha xuntanza aberta destinada a recoller propostas e debater que accións desenvolver nas próximas xornadas.
A intención dos convocantes era alcanzar un consenso sobre a continuidade das protestas, estudando diferentes fórmulas de mobilización despois das medidas en materia de vivenda aprobadas polo Consello de Ministros. A reunión chega nun contexto no que o acceso á vivenda e o aumento dos prezos do alugueiro levaron diferentes colectivos a organizar protestas tanto en Compostela como noutras cidades do Estado.
A asemblea dá continuidade á mobilización celebrada este luns en Santiago. A protesta comezara na Alameda e posteriormente trasladárase polas rúas da cidade ata a estación intermodal, onde centenares de participantes realizaron unha sentada e parte deles decidiu permanecer durante a noite. Á primeira hora deste martes, axentes da Policía Nacional comunicáronlles que debían abandonar o interior das instalacións.
Precisamente durante a mañá deste martes, os portavoces do Sindicato de Vivenda, Daniel e Nuria, xa advertiran en declaracións aos medios de que a mobilización non tiña por que rematar co desaloxo da estación. Ambos deixaron aberta a posibilidade de organizar novas acampadas nos próximos días, á espera das decisións adoptadas colectivamente polos participantes nas protestas.

