A plataforma Galiza por Palestina convocou para o vindeiro domingo 4 de outubro unha nova mobilización en Santiago de Compostela en apoio ao pobo palestino. A protesta terá como punto de encontro a Alameda compostelá ás 12:00.
A convocatoria busca volver levar ás rúas da capital galega as reivindicacións do movemento de solidariedade con Palestina. Galiza por Palestina chama a participar na protesta baixo as consignas “basta de xenocidio, basta de ocupación, basta de impunidade”, nun contexto marcado pola continuidade do conflito e da crise humanitaria nos territorios palestinos.
No comunicado difundido para anunciar a mobilización, a plataforma sostén que non quere “normalizar o horror nin aceptar como inevitable o que é inaceptábel” e reivindica a resistencia e a liberdade do pobo palestino. A organización emprega tamén a consigna “Palestina existe, resiste e será libre do río ao mar”.
Galiza por Palestina anima á cidadanía compostelá a participar e difundir a convocatoria, coa que pretende manter a mobilización social arredor da situación en Palestina. “Diante do xenocidio, o silencio non é unha opción”, sinala a plataforma, que pecha o seu chamamento reclamando “resistencia, liberdade e paz”.

