InicioPOLÍTICAO Concello autoriza obras en San Martiño Pinario e destina 400.000 euros...

O Concello autoriza obras en San Martiño Pinario e destina 400.000 euros a cooperación ao desenvolvemento

A Xunta de Goberno tamén aproba convenios con entidades sociais, licita actuacións nos muros de Belvís e Bonaval e aborda a evolución do turismo e a situación da captación de auga tras o vertido no Tambre

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago deu luz verde esta semana a unha nova intervención no mosteiro de San Martiño Pinario, aprobou convenios con diferentes entidades sociais e as bases dunha convocatoria de 400.000 euros para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. A alcaldesa, Míriam Louzao, informou tamén de próximas actividades de ‘Compostela e Memoria’, da evolución do turismo durante o verán e da situación da captación de auga tras o vertido no río Tambre.

Entre os asuntos urbanísticos, o Goberno local concedeu ao Arcebispado a licenza para acondicionar o claustro pequeno de San Martiño Pinario e derrubar un alxibe. O conxunto monástico conta con nivel 1 de protección no Plan Especial da Cidade Histórica, foi declarado Ben de Interese Cultural en 2020 e dispón dun plan director desde xuño de 2025.

A actuación autorizada ten un orzamento de execución material de 113.879,91 euros e conta cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico. Trátase dunha intervención provisional á espera de executar as previsións do plan director, que contempla unha transformación máis ampla do claustro para recuperar a súa configuración e eliminar elementos incorporados durante o século XX.

Os traballos agora autorizados inclúen a eliminación do alxibe, a adecuación dos paramentos interiores e exteriores dos baños situados no claustro, a reorganización das instalacións, unha limpeza xeral e intervencións puntuais nas carpintarías. O plan director prevé no futuro outras actuacións, entre elas novos accesos, un elevador, a substitución de fábricas contemporáneas e a cubrición do patio mediante unha estrutura lixeira de vidro.

MÁIS DE 125.000 EUROS PARA OS MUROS DE BELVÍS E BONAVAL

En materia de contratación, o Concello aprobou o expediente para a reparación e acondicionamento de muros tradicionais nos parques de Belvís e Bonaval, cun orzamento base de licitación de 125.170 euros e mediante procedemento aberto simplificado. O proxecto continúa as actuacións derivadas do plan municipal de mantemento destes elementos redactado en 2022.

En Belvís executaranse actuacións correctivas correspondentes á primeira fase, despois dos traballos preventivos realizados en 2024, mentres que en Bonaval están previstas tanto medidas preventivas como algunhas reparacións.

O Goberno municipal tomou ademais razón da proposta para resolver o contrato, asinado en 2022, para a subministración dun vehículo autobomba de primeira intervención para o servizo de extinción de incendios e salvamento. O Concello sostén que o vehículo entregado non cumpre as condicións recollidas no prego técnico. A resolución suporía a incautación dunha garantía definitiva de 19.006 euros e tamén deberá ser sometida ao ditame do Consello Consultivo.

A Xunta de Goberno acordou igualmente manter temporalmente o contrato con Aspas Emprego para a conservación e mellora das zonas verdes e do arborado do parque de Brandía, nas mesmas condicións actuais e ata a adxudicación dun novo contrato. O gasto anual ascende a 87.233,74 euros. Ademais, adxudicouse a Occident, por 28.728,77 euros, o seguro da frota municipal de vehículos a través dun acordo marco da FEMP.

CONVENIOS CON ENTIDADES SOCIAIS

Outro dos bloques da reunión estivo centrado nos convenios con entidades sociais. O Concello aprobou unha achega de 124.607,24 euros a Cruz Vermella para o programa dos EMUS, financiada tamén a través do POS+ Social da Deputación, e outros 100.000 euros para os seus programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar.

Tamén se aprobaron 120.000 euros para Cáritas Diocesana, destinados aos programas de primeira atención e vivendas en transición; 30.000 euros para a Escola de Tempo Libre Don Bosco, para intervención educativa e un recurso de acollida temporal para persoas inmigrantes; 30.000 euros para a FAMPA Compostela; 24.000 euros para un programa de lecer alternativo para a mocidade da Asociación Xuvenil Cultural Ítaca; 10.000 euros para a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia; e 5.000 euros para o Banco de Alimentos da provincia da Coruña.

No caso da FAMPA, os fondos destinaranse a actividades e ao fomento da escolarización nos centros públicos de Infantil e Primaria da cidade. A Xunta de Goberno tamén rexeitou un recurso de reposición da Fundación Amigos de Galicia relacionado co programa municipal de actividades para a igualdade entre mulleres e homes, os dereitos das persoas LGTBIQ+ e a prevención das violencias machistas de 2026.

A maiores, quedaron aprobadas as bases das subvencións municipais de cooperación ao desenvolvemento, dotadas con 400.000 euros. Poderán concorrer as ONG inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación e o prazo será de dez días hábiles desde o día seguinte á publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.

A convocatoria priorizará intervencións aliñadas co V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026 en países como Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Guatemala, Honduras, Nicaragua, O Salvador, Bolivia, Ecuador, Perú e República Dominicana. Tamén se poderán presentar iniciativas noutros territorios cando as entidades xustifiquen as circunstancias que motivan a intervención.

UNHA PEZA ESCULTÓRICA LEMBRARÁ A LUZ FANDIÑO EN SAR

Fóra dos asuntos da Xunta de Goberno, Louzao avanzou dúas actividades vinculadas ao programa ‘Compostela e Memoria’. O mércores 30, a partir das 16:30, a Casa das Asociacións de Cornes acollerá a xornada ‘A Memoria e Capital no Ensino’, centrada na presenza da memoria histórica no ámbito educativo.

A programación contará cunha conferencia do catedrático da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel, unha mesa redonda con Berta Gómez, Cristina Corral, Pepe Cabido e a responsable da CIG-Ensino, Laura Arroxo, así como unha palestra de António Míguez Macho e Iria Morgade. A entrada será gratuíta e o Concello prevé anunciar nos próximos días as restantes actividades do ciclo, que continuará durante o último trimestre do ano.

O xoves 1 de outubro, ás 19:30, celebrarase ademais un acto institucional de homenaxe a Luz Fandiño na praza que leva popularmente o seu nome, no barrio de Sar. Alí colocarase unha peza escultórica realizada por Pablo Barreiro, tamén veciño do barrio.

No acto participarán, entre outras persoas, a regueifeira Alba María, o poeta Andrés Núñez e Sonia Méndez e Nati Juncal, directora e produtora do documental ‘A poeta analfabeta’. A iniciativa busca recoñecer tanto a traxectoria poética de Fandiño como a súa participación en movementos sociais vinculados ao feminismo, o ecoloxismo e a defensa da lingua.

AS ESTADÍAS INTERNACIONAIS MEDRAN EN AGOSTO

Louzao tamén fixo balance dos últimos datos turísticos publicados polo Instituto Nacional de Estatística. Santiago rexistrou 188.143 estadías durante agosto, un 0,71% máis que no mesmo mes de 2025. O Concello considera que os datos consolidan unha estabilización da demanda iniciada en xuño tras os efectos do peche da base de Ryanair.

O Goberno local destacou especialmente a evolución do mercado internacional. En agosto contabilizáronse 89.558 estadías de visitantes estranxeiros, un 30,39% máis, segundo os datos expostos pola alcaldesa. Louzao relacionou esta evolución coa diversificación da oferta do aeroporto de Santiago e coa incorporación ou ampliación de conexións internacionais.

Tamén aumentaron os ingresos por habitación dispoñible. Tras os 111,99 euros rexistrados en xuño, o indicador chegou en agosto aos 112,92 euros, o maior dato da serie do INE citado polo Concello. A alcaldesa apuntou ademais á celebración de congresos durante setembro e outubro e á apertura dunha nova base de Wizz Air en decembro como factores que poderán influír na evolución da actividade turística nos próximos meses.

A rexedora informou igualmente de que Santiago recibiu o 24 de setembro o premio do público da Rede Europea de Turismo Cultural polo proxecto ‘Dual Pilgrim’, desenvolvido en colaboración coa cidade xaponesa de Tanabe para promover conxuntamente o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. A candidatura compostelá obtivo máis de 5.000 votos entre 19 finalistas seleccionados dun total de 72 proxectos de 23 países e conseguiu tamén o segundo posto do xurado na súa categoría.

O CONCELLO MANTÉN AS ANÁLISES DA AUGA DO TAMBRE

Preguntada pola situación derivada do vertido no río Tambre, Louzao explicou que as medicións dispoñibles permiten manter actualmente a captación de auga con normalidade. Segundo indicou, os niveis de amonio na zona de captación atópanse dentro dos parámetros establecidos, polo que non foi necesario interromper o proceso.

A alcaldesa advertiu, con todo, de que o Concello continuará realizando análises, especialmente ante a chegada das choivas, que poderían arrastrar ao río restos depositados nas marxes. “Non podemos dicir que desaparece o risco 100%”, sinalou, ao lembrar a dimensión do vertido e a necesidade de seguir a súa evolución.

Louzao insistiu en que, cos datos actuais, non é necesario paralizar a captación e trasladou unha mensaxe de tranquilidade sobre a auga de consumo. Segundo afirmou, no caso de que as análises detectasen unha situación que obrigase a adoptar medidas, estas aplicaríanse antes de que a auga afectada chegase á rede de abastecemento.

ÚLTIMAS

Centenares de mozos protagonizan unha sentada na estación intermodal polo acceso á vivenda

Centenares de mozos e mozas mobilizáronse este luns en Santiago de Compostela para reclamar...

O Concello defende que a nova rede multiplicará as conexións dos Tilos cos hospitais pese á supresión da liña 12

O Concello de Santiago defende que a desaparición da liña 12 entre Os Tilos...

A Nobel de Física Anne L’Huillier visita Santiago cunha conferencia aberta sobre a ciencia dos attosegundos

A Premio Nobel de Física Anne L'Huillier visita esta semana Santiago de Compostela para...

A Xunta licita por 1,1 millóns a mellora de 62 paradas de autobús nas rutas de acceso a Santiago

A Xunta de Galicia sacou a licitación por máis de 1,1 millóns de euros...

O Concello ve probable evitar o corte da entrada de auga aos depósitos polo vertido de Tordoia

A evolución do vertido de xurros procedente de Tordoia permite ao Concello de Santiago...

Pedro Blanco propón un plan especial para reforzar o apoio municipal ao terceiro sector de Santiago

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, anunciou a súa intención...

O PSOE preguntará no Pleno polas medidas para ordenar as colas na contorna da Catedral

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste xoves a xestión dos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here