InicioSANTIAGOSantiago cortará a entrada de auga aos depósitos se detecta risco pola...

Santiago cortará a entrada de auga aos depósitos se detecta risco pola vertedura de Tordoia

Goretti Sanmartín asegura que o Concello informará á poboación se os parámetros obrigan a actuar e reclama a Augas de Galicia información continua para poder anticipar decisións sobre o abastecemento

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago mantén activado o seguimento da vertedura procedente de Tordoia, que xa alcanzou o río Tambre, ante a posibilidade de que a contaminación se aproxime ao punto do que se abastece a cidade. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, asegurou este mércores que o Goberno local interromperá a entrada de auga aos depósitos municipais se as medicións detectan algún risco para a captación.

“Ante calquera parámetro que implique algún tipo de risco, pararemos a subministración aos depósitos e informaremos á cidadanía”, explicou Sanmartín tras unha nova reunión do Comité Municipal de Coordinación. Este órgano continúa avaliando a evolución da contaminación e preparando as medidas que poderían ser necesarias nos próximos días en función das analíticas.

A rexedora sinalou que o obxectivo do dispositivo municipal é realizar un “seguimento exhaustivo” e traballar con distintos escenarios para evitar ter que adoptar medidas sen marxe suficiente. A vertedura chegou este martes ao Tambre, unha situación confirmada tamén por Augas de Galicia, despois de avanzar polos cursos fluviais afectados desde Tordoia.

Neste contexto, o Concello insiste en reclamar a Augas de Galicia información “completa e puntual” sobre a evolución dos niveis de contaminación. Sanmartín considera necesario dispor deses datos coa maior antelación posible para tomar decisións sobre unha infraestrutura que non abastece unicamente Compostela, senón tamén parte da súa contorna.

“Son decisións que afectan o conxunto dos veciños de Santiago e mesmo a veciños do Milladoiro”, lembrou a alcaldesa. O Concello xa viña traballando desde a semana pasada coa hipótese dunha eventual suspensión temporal da captación e adoptara medidas preventivas para conservar ao máximo as reservas de auga, como a eliminación de regas e baldeos municipais.

A CHEGADA AO TAMBRE REABRE AS DIFERENZAS SOBRE AS PREVISIÓNS

Sanmartín recoñeceu que os traballos desenvolvidos para conter e retirar a contaminación tiveron resultados, pero advertiu de que non conseguiron impedir a súa chegada ao Tambre. Segundo trasladou a alcaldesa, os valores rexistrados na fronte da vertedura sitúanse en niveis que non permiten a súa entrada na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).

A chegada da contaminación ao río prodúcese despois de que a Xunta defendese a semana pasada que non alcanzaría a infraestrutura de abastecemento compostelá. O 17 de setembro, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, afirmou que, cos datos dispoñibles nese momento, a vertedura non chegaría á ETAP de Santiago e descartou afeccións ao abastecemento de Compostela, Trazo e Oroso.

Sanmartín cuestionou agora aquelas previsións á vista da evolución posterior da vertedura. “Esta situación pon en evidencia as previsións de Augas de Galicia e incluso da conselleira de Medio Ambiente, quen garantiu hai unha semana que a vertedura non chegaría a Santiago”, manifestou.

ÚLTIMAS

A Xunta declara de interese autonómico a ordenación da contorna do CHUS

O proxecto para ordenar a contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foi...

‘Contigo no Camiño’ supera as 8.500 atencións a peregrinos durante este verán

O programa 'Contigo no Camiño', impulsado pola Xunta de Galicia e Cruz Vermella para...

Santiago activa a conta atrás para o Xacobeo 2027 a cen días do inicio do Ano Santo

O Xacobeo 2027 entra na súa conta atrás en Santiago de Compostela. A falta...

A Xunta declara de interese autonómico a ordenación da contorna do CHUS

O proxecto para ordenar a contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foi...

‘Contigo no Camiño’ supera as 8.500 atencións a peregrinos durante este verán

O programa 'Contigo no Camiño', impulsado pola Xunta de Galicia e Cruz Vermella para...

Santiago activa a conta atrás para o Xacobeo 2027 a cen días do inicio do Ano Santo

O Xacobeo 2027 entra na súa conta atrás en Santiago de Compostela. A falta...