InicioMOV. SOCIAISErguer leva o estado de San Clemente ao centro da crise da...

Erguer leva o estado de San Clemente ao centro da crise da vivenda estudantil

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O recente desprendemento dunha parte da cornixa e da cuberta dun balcón do Colexio Maior San Clemente volveu poñer o foco sobre o futuro desta residencia pública da Universidade de Santiago de Compostela, pechada dende hai varios cursos. Dende Erguer Galiza, o seu portavoz nacional, Lucas Pardo, considera que o episodio é a expresión dun problema máis amplo relacionado co financiamento das universidades e coa capacidade das institucións públicas para ofrecer servizos de aloxamento ao estudantado.

Para a organización estudantil, o acontecido no Campus Sur non pode analizarse unicamente como unha incidencia puntual nun edificio. Pardo descríbeo como “un exemplo bastante poético da situación que levamos denunciando”, en referencia ao deterioro que, segundo sostén Erguer, sofren diferentes servizos públicos vinculados ao ensino. A organización realizou estes días unha acción reivindicativa en San Clemente baixo a mensaxe ‘Basta de ruínas. Recuperemos o público’ e prevé manter esta cuestión entre as súas reivindicacións ao longo do curso.

O desprendemento produciuse o 8 de setembro na fachada orientada cara á Avenida das Ciencias. Parte dos elementos da cornixa e da cuberta dun balcón caeron sobre a estrutura inmediatamente inferior, provocando tamén a caída de tellas e pezas de remate. A USC realizou unha intervención de urxencia, retirou elementos inestables e acordoou a contorna, mentres unha primeira inspección técnica levou a Universidade a considerar que se trataba dun problema localizado e que non había indicios de risco noutras zonas do inmoble nin nos edificios próximos.

ERGUER SITÚA SAN CLEMENTE NO CENTRO DO PROBLEMA DA VIVENDA ESTUDANTIL

Pardo relaciona a situación da residencia coa dificultade para atopar aloxamento asumible en Santiago. Segundo expón, o encarecemento dos alugueiros e a insuficiencia de prazas nas residencias públicas supoñen unha carga crecente para as familias e poden condicionar mesmo a posibilidade de cursar estudos universitarios fóra do lugar de residencia.

Neste contexto, o portavoz de Erguer considera especialmente contraditorio manter fóra de servizo unha infraestrutura pública destinada precisamente ao aloxamento universitario. “Nunha cidade onde a presión da vivenda, especialmente para as estudantes, o prezo dos alugueiros e a falta de prazas nas residencias causa moitísimos problemas, San Clemente era o cúmio”, sinala.

O colexio maior deixou de funcionar no curso 2021-2022 e a súa rehabilitación quedou paralizada por falta de recursos suficientes. O proxecto supera actualmente os cinco millóns de euros e os primeiros traballos chegaron a afectar ás carpinterías exteriores e á retirada de divisións interiores, pero a reforma integral non continuou.

Pardo resume esta situación apuntando que o inmoble “pecha para realizar unhas obras, despois resulta que non hai o financiamento para conseguilas facer” e, mentres permanece sen actividade, desaparecen tamén as prazas que podía ofrecer. Para Erguer, esta perda cobra máis relevancia nun escenario no que a demanda de aloxamento universitario continúa superando a capacidade da rede pública.

A propia USC recoñeceu este verán que aumentaron as listas de agarda no seu sistema residencial e presentou ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana un plan para incrementar e mellorar a oferta, no que figura como unha das prioridades a reforma integral de San Clemente. A Universidade dispón actualmente dunhas 960 prazas na súa rede de residencias e colexios maiores en Santiago e Lugo.

CRÍTICAS Á XUNTA POLO FINANCIAMENTO UNIVERSITARIO

Erguer enmarca a situación nunha crítica máis ampla ao modelo de financiamento do ensino público. Pardo atribúe á Xunta unha parte principal da responsabilidade e sostén que as universidades teñen dificultades para manter os seus servizos e infraestruturas “nunhas condicións mínimas” pola falta de recursos.

O portavoz emprega como referencia unha porcentaxe do 0,6% do PIB destinada, segundo a organización, ás universidades públicas, fronte ao 1% que reivindican. A cifra que ofrece o Goberno galego é distinta: a Xunta sostén que os Orzamentos de 2026 elevan a case 560 millóns de euros as achegas ao sistema universitario e que Galicia acada o 1% do PIB en gasto público nas súas universidades. O actual Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 prevía inicialmente 2.457,4 millóns de euros directamente vinculados ao plan durante o quinquenio, ademais doutras achegas públicas.

A Xunta e as tres universidades públicas constituíron ademais en xullo o grupo de traballo que deberá elaborar o novo Plan de Financiamento Universitario 2028-2032, mentres o modelo actualmente vixente será prorrogado durante 2027.

Pardo mantén, con todo, que o problema non se reduce á cantidade global consignada nos orzamentos, senón tamén ás prioridades de gasto. “Unha universidade como a de Santiago ten moitísimas liñas nas que ten que gastar o orzamento, e iso podemos entendelo”, admite, pero sostén que a vivenda debe ocupar un lugar central nas decisións económicas da institución.

“Se hai diñeiro para outras cousas, debería habelo antes para isto, porque nos parece unha cuestión fundamental”, afirma. Dende Erguer consideran que os recursos destinados aos servizos directamente vinculados ás condicións de vida do alumnado non deberían quedar subordinados a outras actuacións cando a falta de vivenda representa, ao seu xuízo, unha das principais dificultades para acceder ao ensino superior.

Campaña reivindicativa de Erguer nas xanelas do Colexio Maior San Clemente – Xornal de Compostela
CONTACTOS COA REITORÍA

A organización xa abordou o futuro de San Clemente coa USC antes da chegada do actual equipo de goberno. Pardo explica que a reapertura da residencia foi unha das cuestións que trasladaron ás candidaturas durante o proceso electoral que culminou coa elección de Rosa Crujeiras como reitora.

“Foi unha das liñas vermellas que poñiamos a todas as candidaturas”, asegura. Segundo relata, a candidatura finalmente elixida trasladoulles que a recuperación do colexio maior figuraba entre as súas prioridades, aínda que tamén lles advertiu das dificultades para asumir economicamente a actuación.

Durante a campaña electoral, Crujeiras xa defendera publicamente que o sistema público de residencias era “irrenunciable” e que a recuperación de San Clemente debía priorizarse, aínda que advertía de que as arredor de 80 prazas que podería achegar non solucionarían por si soas o problema da vivenda universitaria en Santiago.

A estimación económica que manexan a USC e as candidaturas que participaron na elección do Reitorado sitúa a intervención por riba dos cinco millóns de euros. O novo equipo presentou ademais en xullo a solicitude ante o Ministerio de Vivenda para buscar financiamento e está á espera da resolución.

A Universidade defendeu tras os desprendementos que leva tempo buscando apoio doutras administracións porque non pode asumir en solitario a rehabilitación. O vicerreitor con competencias en infraestruturas, Roberto Bande, reclamou un compromiso institucional para conservar tanto unha infraestrutura que considera necesaria para a comunidade universitaria como un edificio histórico da cidade.

A RESIDENCIA PRIVADA DE GALERAS COMO CONTRAPUNTO

Erguer contrapón a situación de San Clemente coa expansión do aloxamento universitario privado en Compostela. Pardo menciona especificamente a residencia Lemonade Fresh Living, instalada no antigo Hospital Xeral de Galeras, como exemplo das diferenzas de prezo e servizos entre a oferta pública e determinados modelos privados.

O complexo conta con arredor de 400 prazas e os prezos publicados para este curso parten de aproximadamente 765 euros mensuais nas habitacións estándar e superan os 1.000 euros no caso dalgúns estudos, segundo os portais especializados que comercializan as súas prazas.

Pardo considera que este contraste reforza a necesidade de ampliar a oferta pública. A crítica de Erguer non se limita, deste xeito, a recuperar San Clemente, senón que reclama que as administracións aumenten o número total de prazas residenciais ata achegalo á demanda existente.

ERGUER ANUNCIA NOVAS ACCIÓNS DURANTE O CURSO

A organización estudantil prevé manter a presión arredor desta cuestión nos próximos meses. Pardo explica que Erguer desenvolve unha campaña de inicio de curso centrada na defensa dun sistema educativo público galego e que dentro dela están previstas diferentes actuacións en Santiago e noutros puntos de Galicia.

“Si que estamos planificando máis accións, tanto en San Clemente como noutros espazos”, avanza, aínda que polo momento non concreta datas. A organización pretende manter o financiamento universitario, a situación das infraestruturas e o acceso á vivenda como asuntos de traballo durante todo o curso.

O portavoz tamén vincula o debate sobre as residencias coa política xeral de vivenda e coa declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Erguer considera insuficiente confiar unicamente no incremento da construción e reclama unha maior intervención pública tanto no mercado residencial como na creación de aloxamento especificamente universitario.

ÚLTIMAS

O novo bus urbano de Santiago reforzará o Polígono do Tambre e incorporará servizos nocturnos antes de final de ano

O novo servizo de autobús urbano de Santiago de Compostela prevé comezar a funcionar...

Artistas galegos comprometid@s con Palestina: The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras no AmalxGaza

A Fundación Araguaney e o Festival Amal organizarán o vindeiro 8 de outubro na...

A Coordinadora PIA NON! esixe frear os proxectos residenciais da Xunta e prepara unha manifestación en Santiago

A Coordinadora Galega PIA NON!, integrada por arredor dunha decena de colectivos afectados polos...

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

A Coordinadora PIA NON! esixe frear os proxectos residenciais da Xunta e prepara unha manifestación en Santiago

A Coordinadora Galega PIA NON!, integrada por arredor dunha decena de colectivos afectados polos...

Usuarios de Monbus denuncian falta de prazas no autobús das 06:45 entre Santiago e A Coruña

A Plataforma de Afectados 645 denunciou os problemas de capacidade que, segundo asegura, se...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here